O Pleno do Concello de Ribadavia, en sesión do 22 de xullo de 2024, adoptou o seguinte acordo:
Primeiro. Aprobar definitivamente o Plan especial de protección e de infraestruturas e dotacións para a implantación de bodega e actividades de enoturismo, no lugar de Campo Redondo, Santo André, Ribadavia, redactado polo arquitecto Juan Carlos Cabanelas Rodríguez e o xurídico Francisco Javier García Martínez, coa seguinte indicación:
Na normativa do plan especial debe sinalarse que, para poder edificar en cada unha das subzonas 1.1 e 1.2, debe procederse previamente á agrupación das parcelas da subzona correspondente, e con suxeición ás condicións sinaladas no informe da Confederación Hidrográfica Miño Sil para a execución das fases I e II:
Obtención da concesión solicitada no expediente A/32/30060 para un caudal de polo menos 0,499 l/s.
Obtención da autorización de vertedura v/32/00684, de xeito que se recolla nela tanto o caudal das augas residuais xeradas pola fase I como pola fase II.
Segundo. Publicar este acordo no Diario Oficial de Galicia, no prazo dun mes desde a súa adopción, e o documento que contén a normativa e as ordenanzas no Boletín Oficial da provincia de Ourense, consonte o establecido no artigo 186.4 do RLSG en relación cos artigos 82 da LSG e 199 do RLSG.
Terceiro. Notificar este acordo individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados aos cales xa se lles notificou a aprobación inicial, en cumprimento do establecido no artigo 75.1.a) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 186.4 do RLSG in fine.
Cuarto. Remitir á Consellería competente en materia de urbanismo da Xunta de Galicia comunicación do acordo de aprobación definitiva, así como o documento en soporte dixital, que incluirá dous formatos que se achegarán en dúas carpetas raíz comprimidas independentes, unha en pdf asinada polo equipo redactor e dilixencia e asinada polo Concello, e outra en formato editable, coas declaracións responsables de que ambos os documentos son idénticos, do instrumento de planeamento aprobado definitivamente, para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, no prazo dun mes desde a data da aprobación definitiva, consonte o previsto no artigo 186.4 do RLSG en relación cos artigos 88 da LSG e 208 ao 215 do RLSG.
Contra o presente acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interporse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con sede na Coruña, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción desta notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que se poida interpor calquera outro recurso que se considere máis conveniente en dereito.
Ribadavia, 23 de xullo de 2024
César Fernández Gil
Alcalde
