Expediente: IN627A 2022/001-4.
Promotora: Nedgia Galicia, S.A. (NIF A15383284).
Infraestrutura gasista: construción de instalacións de distribución de gas natural.
Concello: Vigo.
Feitos:
1. O 12.3.1993, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio outorgou a Enagas, S.A., a concesión administrativa para a prestación do servizo público de subministración de gas natural para usos domésticos, comerciais e industriais nos termos municipais de Vigo, Porriño e Tui, entre outros.
2. O 13.10.1995, a Dirección Xeral de Industria aprobou o proxecto de execución e autorizou as instalacións recollidas no proxecto da rede de distribución de gas natural para usos industriais «Rede Porriño-Vigo». Mediante resolucións do 29.10.1997, 4.2.1998, 28.6.1999 e 16.1.2001, autorizáronse respectivamente as addendas I, II, III e IV ao dito proxecto.
3. O 20.1.2000, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio autorizou a transmisión das instalacións situadas nesta comunidade autónoma, de acordo coa operación de escisión da rama de distribución de gas feita pola empresa Enagas, S.A., a favor de Gas Galicia SDG, S.A.
4. O 1.10.2001, 17.10.2001 e 14.11.2001, aprobáronse os proxectos de instalacións «Variantes do trazado da Rede Porriño-Vigo», «Addenda variantes do trazado da Rede Porriño-Vigo» e «Anexo á addenda III das redes de Pontevedra, Rede Porriño-Vigo», nos termos municipais de Mos, Porriño e Vigo.
5. O 20.2.2018, Gas Galicia SDG, S.A. comunica o cambio de denominación social a Nedgia Galicia, S.A.
6. O 23.5.2022, Nedgia Galicia, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente na instalación de gas natural canalizado nos polígonos 1, 2 e 3 San Paio de Navia, no concello de Vigo.
O proxecto de execución que acompaña a solicitude foi asinado pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba, colexiada 25430 do Colexio de Enxeñeiros Técnico Industrial de Madrid, o 26.4.2022, e en que figura un orzamento total de 162.675,87 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na construción dunha nova rede de gas natural de 5.678 metros nos polígonos 1, 2 e 3 de San Paio de Navia. Esta rede vaise legalizar a unha MOP de 4 bar.
7. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, Demarcación de Estradas do Estado, R-Cable y Telecable Telecomunicaciones, Telefónica España, S.A.U. e UFD Distribución Electricidad, S.A.
Recibíronse informes de todos os organismos e empresas consultados. Os informes recibidos, cos condicionados establecidos, se é o caso, foron trasladados a Nedgia Galicia, S.A. que manifestou a súa conformidade co o seu contido.
8. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 16.10.2023, publicada nos seguintes medios:
• DOG (Diario Oficial de Galicia): 21.11.2023.
• BOPPO (Boletín Oficial da provincia de Pontevedra): 22.4.2024.
• Xornal Faro de Vigo: 17.11.2023.
• La Voz de Galicia: 17.11.2023.
• Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo, conforme certificado de exposición pública emitido polo propio concello.
• Portal da transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.
Durante este trámite non se recibiron alegacións.
9. O 30.5.2024, os servizos técnicos deste departamento territorial informaron favorablemente a solicitude de autorización e aprobación do proxecto de execución.
Consideracións legais e técnicas:
1. A Dirección Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento na Orde do 30 de novembro de 1999, da Consellería de Industria e Comercio, sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas (DOG nº 244, do 21 de decembro), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos (BOE nº 241, do 8 de outubro), modificada pola Lei 12/2007, do 2 de xullo (BOE nº 158, do 3 de xullo).
– Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización das instalacións de gas natural (BOE nº 313, do 31 de decembro).
– Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11 (BOE nº 211, do 4 de setembro), e, en particular, o disposto na ITC-ICG 01 Instalacións de distribución de combustibles gasosos por canalización.
– Decreto 62/2010, do 15 de abril, da Consellería de Economía e Industria, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP) (DOG nº 77, do 26 de abril).
– Decreto 51/2011, do 17 de marzo, da Consellería de Economía e Industria, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior (DOG nº 65, do 1 de abril).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Obxecto do proxecto: construción dunha nova rede de gas natural de 5.678 metros nos polígonos 1, 2 e 3 de San Paio de Navia, cos seguintes diámetros: 1.046 metros de PE DN 110, SDR 17,6; 478 metros de PE DN 90, SDR 17,6; e 4.154 metros de PE DN 63, SDR 17,6.
Presión de operación (MPO): 4 bar.
Instalacións auxiliares: 7 válvulas de liña (tres DN 110, tres DN 90 e unha DN 63).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Autorizar administrativamente e aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente na instalación de gas natural canalizado nos polígonos 1, 2 e 3 San Paio de Navia, no concello de Vigo, promovido por Nedgia Galicia, S.A. (expediente IN627A 2022/001-4).
2. A autorización das instalacións concederase coas seguintes condicións:
As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Nedgia Galicia, S.A., titulado Proxecto para a autorización de execución de instalacións de gas natural canalizado nos polígonos 1, 2 e 3 San Paio de Navia no concello de Vigo (Pontevedra), e asinado o 26.4.2022 pola enxeñeira técnica industrial Alejandra Risco Barba (colexiada nº 25430 do COETIM).
As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que, en xeral, sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os completan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.
Ademais Nedgia Galicia, S.A. vixiará que as canalizacións de gas respecten en todo momento as exixencias dispostas nas autorizacións e/ou informes emitidos por outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral e, en particular, naquelas zonas en que no subsolo se encontren instalados outros servizos, tales como electricidade, telecomunicacións, subministración de auga, etc., as conducións do gas serán instaladas de xeito que se cumpran escrupulosamente as distancias de seguridade previstas nas súas respectivas normativas sectoriais.
Se durante a fase de execución das obras se tivesen que adoptar medidas técnicas non recollidas neste proxecto, e previo á súa execución, deberase de dispoñer do pertinente visto e prace desta dirección territorial.
Todas as modificacións efectuadas na fase de execución deberán de ser recollidas na dirección de obra, sempre e cando non superen un 20 % respecto das instalacións recollidas neste proxecto, e só no que se refire ao cambio de trazado, superado este límite deberán achegar a correspondente addenda para a súa aprobación por parte desta xefatura territorial.
Esta dirección territorial reservará para si o dereito a deixar sen efecto a autorización que se considere procedente emitir, no momento en que se comprobe o incumprimento das condicións regulamentarias ou de calquera das condicións precedentes.
O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante este departamento territorial.
Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 27 de xuño de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
