Expediente: IN407A 2024/212-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación do proxecto: regulamentación centro de transformación Gran Vía 134-15CKT8.
Concello: Carballo.
Feitos:
1. O día 12.6.2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. Co obxecto de realizar obras de regulamentación por fin da vida útil e mal estado do centro de transformación subterráneo denominado CT Gran Vía 134-15CKT8 (IN407A 2015/311-1) de 400 kVA de potencia, situado no número 4 de rúa Vila de Corcubión, concello de Carballo, proxéctase o seu desmantelamento e a instalación dun novo centro de transformación prefabricado compacto, subterráneo e telecontrolado nun espazo público axardinado en rúa Vila de Corcubión con avda. de Bergantiños, a 40 metros da súa posición actual, e a instalación dunha liña soterrada de media tensión que o conectará coa liña de distribución LMT BRT704 (IN407A 2016/2139-1), procedente da Subestación Bértoa.
Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto de execución denominado regulamentación centro de transformación Gran Vía 134-15CKT8, asinado o día 27.5.2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con número de colexiado 2.980 de Vigo.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Carballo e Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes presentados no prazo outorgado para ese efecto.
4. O día 28.8.2024 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas na esquina de rúa Vila de Corcubión con avenida de Bergantiños, concello de Carballo, e as súas características técnicas son as seguintes:
LMTS a 15 kV, de 2×45 m (E/S), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240) mm2 Al, con orixe e remate nos empalmes que se van realizar na LMT BRT704 (IN407A 2016/2139-1), procedente da Subestación Bértoa, no tramo que une o CC.TT. Vila Ponteceso (15CGJG) e Alfredo Brañas 15 (15SFJP) e enfronte do local do CTS que se vai desmantelar, facendo E/S no CTS proxectado. As liñas proxectadas discorren canalizadas baixo tubo de polietileno de 160 mm de diámetro e nunha gabia de dimensións 0,4 ×1,20 m (anchura x profundidade) paralelismo con rúa Vila de Corcubión nun tramo de 40 metros por beirarrúa e 2 metros sen reposición para a conexión co CTS proxectado.
Novo CT Gran Vía 134 subterráneo en esquina de rúa Vila de Corcubión con avenida de Bergantiños compacto prefabricado de manobra interior telecontrolado, cunha potencia de 400 kVA, unha relación de transformación de 15.000/400-230 V e configuración 2.
Desmantelamento do CTS Gran Vía 134-15CKT8 (IN407A 2015/311-1) de 400 kVA, instalado en local edificio en rúa Vila de Corcubión, 4.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en explotación da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro de 2015), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 30 de agosto de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
