DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 26 de setembro de 2024 Páx. 52462

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 18 de setembro de 2024 pola que se habilita o persoal técnico facultativo de recursos mariños para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, prevé no artigo 43 a posibilidade de que a sinatura electrónica do persoal ao servizo das administracións públicas poida referirse, por razóns de seguridade pública, ao número de identificación profesional do/da empregado/a público/a.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no seu artigo 71 a obriga da Administración de dotar o seu persoal dos mecanismos de identificación e sinatura electrónica necesarios para o desenvolvemento das súas funcións. Pola súa banda, no artigo 73 prevé a posibilidade de emisión de certificados dixitais de pseudónimo en actuacións administrativas que, realizadas por medios electrónicos, afecten a información clasificada, a seguridade pública ou a defensa nacional, ou noutras actuacións en que legalmente estea xustificado o anonimato para a súa realización.

A Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega, establece o procedemento de emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo para o persoal empregado público, sen prexuízo da habilitación regulamentaria de determinados colectivos para o seu emprego, tal e como se dispón no artigo 73.4 da citada Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Os servizos periféricos da Consellería do Mar están dotados cunha serie de postos de traballo reservados á escala de ciencias, especialidade de Bioloxía e/ou especialidade de Ciencias do Mar, denominados «técnicos facultativos do medio mariño», que realiza tarefas fundamentais para o desenvolvemento das competencias da consellería. Así, destacan como tarefas habituais as seguintes:

– Avaliación e adaptación dos plans de xestión marisqueira tanto de moluscos bivalvos como para recursos específicos (percebe, equinodermos, solénidos, algas, peneira, anemones e poliquetos, así como calquera outro que determine a consellería mediante a aprobación do correspondente plan de xestión) que presentan tanto as confrarías de pescadores como as asociacións do sector.

– Seguimento técnico-biolóxico sobre a idoneidade dos plans de xestión aprobados pola Consellería do Mar mediante a análise de determinados indicadores correspondentes á actividade como son, entre outros, os relativos ao esforzo, capturas, tallas ou ingresos, así como a realización de mostraxes para a avaliación do estado das poboacións dos recursos.

– Asesoramento ás entidades ou mariscadores sobre as cuestións técnico-biolóxicas que afectan o desenvolvemento do plan de xestión ou sobre novas propostas de explotación mediante plans de nova incorporación.

– Avaliación da situación produtiva dos recursos pesqueiros e marisqueiros.

– Seguimento dos procesos de semicultivo nos bancos marisqueiros: sementeiras, emenda de substrato, limpeza de algas no litoral, arados de zonas en explotación, rareos de densidades, traslados e resementeiras. Para cada una destas actuacións debe realizarse un informe técnico-biolóxico vinculante previo á súa autorización.

– Informes sobre as instalacións de acuicultura nos procedementos de outorgamento dos títulos habilitantes, as súas prórrogas ou cambios de dominio, así como os relativos á avaliación do impacto das tomas de auga ou das conducións de saída de efluentes na contorna litoral.

– Informes sobre a afectación nos recursos mariños por actuacións no litoral: recheos de zonas intermareais e submareais, rexeneración de praias con agregados, dragaxes, autorizacións de verteduras ao medio mariño.

– Certificación e realización das actas in situ das actuacións das entidades do sector vinculadas ás melloras de produtividade e conservación da biodiversidade no marco dos plans de xestión, en relación a axudas a proxectos financiados tanto por fondos propios da Consellería do Mar como por fondos europeos.

Os informes que asinan estes técnicos facultativos do medio mariño teñen importantes repercusións na explotación dos recursos, polo que cómpre preservar a súa identidade persoal substituíndo os seus datos persoais por un número de identificación profesional, co fin de garantir que poidan adoptar decisións no exercicio das súas funcións sen posibles inxerencias.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e o artigo 73.4 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto habilitar ao persoal técnico facultativo de recursos mariños da Consellería do Mar para o emprego do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

A Consellería do Mar habilita o persoal técnico facultativo de recursos mariños para o uso do certificado dixital con pseudónimo exclusivamente para a sinatura de informes que elaboren no exercicio das súas funcións.

Artigo 3. Emisión e uso do certificado dixital de pseudónimo

A emisión e o uso do certificado dixital de pseudónimo rexeranse polo establecido na Resolución conxunta do 13 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se regula a emisión do certificado dixital de pseudónimo na Administración autonómica galega.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar