A disposición transitoria primeira da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, regula que o persoal laboral fixo das administracións públicas incluídas no ámbito da súa aplicación que, no momento da entrada en vigor da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, estea a realizar funcións ou desempeñe postos de traballo de persoal funcionario, ou pase a realizar as devanditas funcións ou a desempeñar os devanditos postos en virtude de probas de selección ou promoción interna convocadas antes da data sinalada, poderá seguir a realizalas ou desempeñalas.
Así mesmo, esta disposición, no seu punto segundo, recolle que o Consello da Xunta de Galicia establecerá, a través das relacións de postos de traballo (RPT), a valoración, clasificación e determinación dos postos de traballo afectados por esta norma, na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.
Para dar cumprimento ao establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e na disposición transitoria segunda do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, esta administración incorporou as prazas obxecto de funcionarización no Decreto 225/2020, do 23 de decembro, e no Decreto 143/2023, do 9 de novembro, polos que se aproban as ofertas de emprego público correspondentes a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2023 (DOG núm. 260, do 29 de decembro de 2020, e núm. 214, do 10 de novembro de 2023, respectivamente).
O Decreto 165/2019, do 26 de decembro, establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia.
En desenvolvemento deste procedemento, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal elaborou a presente modificación da relación de postos de traballo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia determinando previamente aqueles postos de persoal laboral da Xunta de Galicia afectados polo proceso de funcionarización.
Esta modificación de postos de traballo debe estar aprobada con anterioridade á toma de posesión do persoal que adquira a condición de funcionario de carreira, xa que serán estes postos de traballo os que figuren na Orde da Consellería de Facenda e Administración Pública pola que se regule o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais que superou os procesos de funcionarización, convocados polas resolucións da Dirección Xeral da Función Pública do 6 de novembro de 2023 (DOG núm. 216, do 14 de novembro; corrección de erros DOG núm. 227, do 29 de novembro) e do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro).
Cómpre sinalar que esta relación de postos de traballo inclúe postos do persoal laboral fixo que superou os procesos de funcionarización correspondentes. Non obstante, clasifícanse tamén outros postos de persoal laboral que non son obxecto de funcionarización neste momento, e cabe indicar que:
– O persoal laboral temporal e indefinido non fixo continuará desempeñando as súas funcións nos postos que viña ocupando, nas mesmas condicións e situación, ata que se leve a cabo a funcionarización dos postos, así como o establecido na disposición transitoria primeira bis da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, logo do remate dos procesos de funcionarización correspondentes. O persoal laboral fixo en readscrición provisional continuará desempeñando o mesmo posto e co mesmo carácter.
Para a determinación dos postos que son susceptibles de seren clasificados como de persoal funcionario tívose en conta o artigo 6 do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, que establece o seguinte:
«Clasificaranse como de persoal funcionario os postos de traballo definidos actualmente nas respectivas RPT como de adscrición de persoal laboral dalgunha das categorías recollidas no anexo desta norma.
A clasificación como de persoal funcionario realizarase no corpo, escala ou especialidade previsto como equivalente no mencionado anexo».
Para esta determinación tivéronse tamén en conta as retribucións e os complementos salariais que figuraban na correspondente relación de postos de traballo, que retribuían as especiais dificultades materiais e técnicas que exixe o desempeño do posto de traballo.
A toma de posesión como persoal funcionario de carreira, que implicará o cambio do seu vínculo xurídico coa Administración, figura prevista para o 1 de outubro de 2024 e por iso, co fin de que se cumpran os trámites oportunos en canto á expedición das dilixencias de cesamento correspondentes, esta relación de postos de traballo entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
En consecuencia, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación da Comunidade Autónoma e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 23 de setembro de 2024, adoptou o seguinte
ACORDO:
Primeiro. Aprobar a modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo superior (subgrupo A1) e no corpo auxiliar (subgrupo C2) da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Segundo. Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para os efectos da súa entrada en vigor a partir do día seguinte ao da súa publicación.
Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 23 de setembro de 2024, relativo á aprobación da modificación da relación de postos de traballo referente ao proceso de funcionarización de postos de traballo de persoal laboral da Xunta de Galicia e clasificación no corpo superior (subgrupo A1) e no corpo auxiliar (subgrupo C2) da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de cumprir o dito acordo, de conformidade coa Orde da Consellería de Facenda, do 8 de xaneiro de 2020, sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 16, do 24 de xaneiro), dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2024
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
