O 13 de febreiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convoca para o ano 2024 (códigos de procedemento IN848E e IN848D).
A complexidade do proceso de avaliación das solicitudes recibidas na liña 1 (Deseñapeme) motivou unha demora da resolución e, dado que non causa prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación, así como o de pagamento anticipado para o ano 2024, para garantir que as entidades que resulten beneficiarias destas axudas poidan executar e presentar no prazo a documentación xustificativa correspondente aos gastos da anualidade 2024 e solicitar o correspondente pagamento anticipado.
En consecuencia, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,
RESOLVO:
Artigo 1. Modificación do artigo 28.1 da Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convoca para o ano 2024
O artigo 28.1 queda redactado do seguinte xeito:
«1. Cada plan deberá xustificarse individualmente e os prazos de xustificación de ambos os procedementos serán os seguintes:
Liña 1 - Deseñapeme:
– Primeira anualidade: desde a data de presentación da solicitude ata o 31 de outubro de 2024. Presentación da documentación xustificativa, ata o 15 de novembro de 2024.
– Segunda anualidade: desde o 1 de novembro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025. Presentación da documentación xustificativa, ata o 15 de outubro de 2025.
Liña 2 - Innovapeme:
– Primeira anualidade: desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de setembro de 2024. Presentación da documentación xustificativa, ata o 15 de outubro de 2024.
– Segunda anualidade: desde o 1 de outubro de 2024 ata o 30 de setembro de 2025. Presentación da documentación xustificativa, ata o 15 de outubro de 2025.
En todo caso, só se considerará gasto realizado o que fose efectivamente pagado durante o período de execución, ata a fin do prazo de presentación xustificativa indicada neste artigo, sempre que se respecten os prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, os establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, en aplicación da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de crecemento e creación de empresas.
Artigo 2. Modificación do artigo 31.4 da Resolución do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e en plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, e se convoca para o ano 2024
O artigo 31.4 queda redactado do seguinte xeito:
«4. En todo caso, esta solicitude deberá cursarse nos seguintes prazos:
Liña 1 - Deseñapeme:
– 1ª anualidade: desde a data de concesión e ata o 31 de outubro de 2024.
– 2ª anualidade: desde a fin do prazo da primeira anualidade e ata o 30 de abril de 2025.
Liña 2 - Innovapeme:
– 1ª anualidade: desde a data de concesión e ata o 30 de setembro de 2024.
– 2ª anualidade: desde a fin do prazo da primeira anualidade e ata o 30 de abril de 2025».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación
