O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 29 de xullo de 2024, adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, o acordo polo que se autorizou a modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Galicia Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal.
En cumplimiento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos estatutos modificados de Galicia Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal.
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024
José María Barreiro Díaz
Director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio
ANEXO
Estatutos da sociedade mercantil pública autonómica
Galicia Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal
TÍTULO I
Denominación, obxecto, duración e domicilio
Artigo 1. Denominación e natureza xurídica
1. Baixo a denominación de Galicia Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal constitúese unha sociedade mercantil pública anónima de nacionalidade española e capital social integramente de titularidade pública, que se rexerá polo disposto nestes estatutos e, no non previsto neles, polo texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, pola Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e polo resto de disposicións que lle sexan de aplicación.
2. A sociedade terá a consideración de medio propio personificado e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, sen prexuízo dos encargos que poidan efectuar outras administracións respecto das cales a sociedade cumpra os requisitos necesarios para ser considerada como medio propio daquelas, no concernente á realización das actividades propias do seu obxecto social que estas lle encarguen, que estará obrigada a realizar.
As relacións coas anteriores entidades, por conseguinte, non se considerarán de natureza contractual e son, para todos os efectos, de carácter interno, dependente e subordinado, e articúlanse a través de encargos a medios propios dos previstos na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014 e demais normativa de aplicación.
En calquera caso, os encargos que lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, e requirirase, para tales efectos, a resolución preceptiva e previa do órgano que a efectúe, na que se identificarán os termos e condicións en que se deberá realizar dito encargo.
3. A sociedade queda adscrita, exercendo a súa tutela funcional, á Axencia de Turismo de Galicia ou ao departamento ou ente que, en substitución daquela, asuma as competencias en materia de turismo.
Artigo 2. Obxecto e fins
1. Constitúe o obxecto da sociedade:
a) A xestión e administración en xeral da marca Galicia Calidade entendido do xeito máis amplo posible e, en particular, as accións e actividades precisas, previas ou posteriores, para a incorporación de empresas á marca, outorgar as licenzas da marca e exercer as medidas de control eficaces sobre a natureza, calidade e características dos produtos e servizos elaborados ou distribuídos ao amparo da marca Galicia Calidade, como obxecto principal da sociedade, correspondendo ao código CNAE 7021.
b) Ademais do indicado na alínea anterior, constitúe igualmente o obxecto da sociedade a xestión e administración en xeral de calquera outra marca relacionada coa calidade dos produtos e dos servizos galegos que se lle poidan encargar, co mesmo alcance, polo menos, que respecto á marca Galicia Calidade.
c) O obxecto da sociedade abranguerá calquera tipo de acción ou actividade, sen ningunha limitación, que de xeito directo ou indirecto poida redundar en beneficio das marcas que xestiona e administra a sociedade ou das empresas integradas nelas ou para a incorporación de novas empresas ás marcas que xestiona e administra.
En especial abranguerá calquera tipo de acción ou actividade de comunicación, promoción de calquera tipo, publicitarias, reputación corporativa, patrocinio, participación en feiras, actos, actos institucionais ou de representación institucional, calquera tipo de eventos, congresos, xornadas ou outras similares, realización de estudos, convenios de colaboración, todo isto de xeito illado ou en colaboración con calquera outra empresa, persoa ou entidade pública ou privada.
2. As actividades que integran o obxecto social poderán ser desenvolvidas pola propia sociedade ou, total ou parcialmente, de xeito indirecto, en calquera das formas admitidas en dereito.
Artigo 3. Duración e data de comezo de operacións
A sociedade terá duración indefinida e comezará as súas actividades na data en que teña lugar o outorgamento da escritura de constitución.
Artigo 4. Domicilio social
1. O domicilio social fíxase na Barcia. Estrada Santiago-Noia km 3, 15896 Santiago de Compostela.
2. Corresponden ao Consello de Administración as competencias para o traslado do domicilio dentro do mesmo termo municipal, así como para a creación, supresión ou traslado de sucursais, axencias ou delegacións, tanto no territorio nacional coma no estranxeiro.
TÍTULO II
Capital social e accións
Artigo 5. Capital social
O capital social fíxase na cantidade de trescentos mil cincocentos seis euros (300.506,00 euros) dividido en cincuenta (50), accións nominativas de seis mil dez euros con doce céntimos (6.010,12 euros) cada unha, numeradas do un ao cincuenta, ambos os dous inclusive, totalmente subscritas e desembolsadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 6. Accións
1. As accións estarán representadas por títulos que poderán ser unitarios ou múltiples.
2. O título de cada acción conterá necesariamente as mencións sinaladas como mínimas no Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital.
Artigo 7. Dereitos
1. Cada acción confire á súa persoa titular a condición de socia con todos os dereitos inherentes a esta.
2. En caso de copropiedade, usufruto ou garantía de accións, estarase ao que sobre estes puntos dispón o texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.
Artigo 8. Transmisión
1. As accións son indivisibles.
2. O alleamento dos títulos representativos do capital que sexan propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá acordo previo do Consello da Xunta de Galicia, por iniciativa do departamento ou entidade á que a sociedade se atope adscrita, por proposta da consellería competente en materia de facenda, e de conformidade co disposto na Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 9. Libro de rexistro
As accións figurarán nun libro de rexistro que levará a sociedade, debidamente legalizado polo Rexistro Mercantil, no cal se inscribirán as sucesivas transferencias ou constitucións de dereitos reais ou gravames sobre elas.
Artigo 10. Exercicio dos dereitos que correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia
O exercicio dos dereitos que correspondan á Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, como titular de accións da sociedade, correspóndelle ao órgano directivo competente en materia de patrimonio de conformidade co disposto no artigo 106 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia e o artigo 181 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 11. Ampliación ou diminución do capital social
1. O capital social poderá ser ampliado ou diminuído con suxeición ás normas legais aplicables.
2. En todo aumento de capital, os accionistas poderán exercer dentro do prazo que para este efecto sinale o Consello de Administración, e que non será inferior a un mes, o dereito de subscribir na nova emisión un número de accións proporcional ao das que posúa.
3. A Xunta Xeral de Accionistas que decida a ampliación poderá acordar en beneficio da sociedade a supresión total ou parcial do dereito de subscrición preferente, na forma determinada polo texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.
TÍTULO III
Réxime de administración da sociedade
Artigo 12. Órganos da sociedade
O goberno e administración da sociedade están encomendados aos seguintes órganos, coas facultades que a uns e outros atribúen estes estatutos e, no non previsto por eles, a normativa reitora da materia:
a) A Xunta Xeral de Accionistas.
b) O Consello de Administración.
Sección 1ª. Da Xunta Xeral de Accionistas
Artigo 13. A Xunta Xeral de Accionistas
A Xunta Xeral de Accionistas é o órgano soberano da sociedade e rexerase, no non disposto nos presentes estatutos, polas normas contidas no vixente texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo. Os dereitos de socio e, en particular, o dereito de asistencia e de voto nas xuntas xerais de accionistas, en nome e representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, será exercido pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou por quen esta delegue.
Mentres subsista a situación de unipersonalidade, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través desta representante, exercerá as competencias da Xunta Xeral, as súas decisións deberanse consignar na acta, baixo a súa sinatura. Os seus acordos, adoptados de conformidade coa lei e os estatutos, serán obrigatorios para todos/as os/as accionistas, mesmo para os/as ausentes, disidentes ou que se abstivesen de votar, deixando a salvo os dereitos de impugnación e separación, se é o caso.
2. De acordo co establecido nos artigos 182 e 182 bis do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, prevese a posibilidade de asistencia á xunta por medios telemáticos, así como a celebración da xunta exclusivamente telemática, autorizando a convocatoria por parte dos administradores de xuntas para ser celebradas sen asistencia física dos socios ou seus representantes.
3. Cada acción dará dereito a un voto.
Artigo 14. Clases de xuntas e competencia
1. As xuntas poden ser ordinarias e extraordinarias.
2. A xunta xeral ordinaria, previamente convocada para o efecto, reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio para, se é o caso, aprobar a xestión social, as contas do exercicio anterior e resolver sobre a aplicación do resultado.
A xunta xeral ordinaria será válida aínda que fose convocada ou se celebre fóra de prazo.
3. Toda xunta que non sexa a prevista no punto anterior terá a consideración de xunta xeral extraordinaria.
Artigo 15. Reunións
1. O Consello de Administración convocará necesariamente a xunta cando o solicite un número de socios/as que represente, polo menos, o cinco por cento do capital social. Entre a convocatoria e a data prevista para a celebración da reunión deberá existir un prazo de, polo menos, un mes.
2. En todo caso, a xunta quedará validamente constituída para tratar calquera asunto sen necesidade de convocatoria previa se, estando presente ou representado todo o capital social, todas as persoas asistentes aceptan por unanimidade celebrala.
3. Actuarán como presidente/a e secretario/a da xunta os/as que o sexan do Consello de Administración.
Sección 2ª. Do Consello de Administración
Artigo 16. Composición
1. O Consello de Administración estará integrado por un número de conselleiros/as de entre catro (4) e sete (7). Terán esta condición:
a) A persoa titular da dirección da Axencia de Turismo de Galicia.
b) Unha persoa por cada unha das áreas competenciais de economía, medio rural, mar e facenda, designadas polos/as conselleiros/as titulares das consellerías correspondentes a cada unha das ditas áreas competenciais.
c) Unha persoa designada pola Axencia de Turismo de Galicia.
d) A persoa titular da área competencial encargada de executar a política xeral da Xunta de Galicia en materia de medios de comunicación e audiovisuais.
2. O/a presidente/a do Consello de Administración será a persoa titular da dirección da Axencia de Turismo de Galicia.
3. O/a secretario/a do Consello de Administración será elixido/a por este, por proposta da súa presidencia, e na súa ausencia asumirá as súas funcións o/a conselleiro/a de menor idade.
4. Ao Consello de Administración, por proposta da presidencia, correspóndelle tamén a designación do/da letrado/a asesor/a.
5. As designacións de secretario/a e de letrado/a asesor/a poderá recaer en quen non reúna a condición de conselleiro/a, tendo dereito, nese caso, a participar nas sesións do Consello de Administración como membros del, sen a condición de conselleiro/a, con voz pero sen voto.
6. Non poderán ocupar nin exercer cargos nesta sociedade as persoas incluídas nalgunha das prohibicións, incapacidades ou incompatibilidades establecidas polas disposicións que regulan o réxime de incompatibilidades dos altos cargos da Administración autonómica e do persoal ao servizo das administracións públicas, de conformidade co que as citadas normas dispoñan.
7. Os/as conselleiros/as do Consello de Administración serán nomeados pola Xunta Xeral de Accionistas.
Artigo 17. Duración do cargo de conselleiro/a, axudas de custo e percepción de indemnizacións
1. Os/as conselleiros/as desempeñarán o seu cargo por un período de seis anos, e poderán ser reelixidos/as.
Fóra dos casos en que sexan separados, os/as conselleiros/as deixarán de desempeñar o seu cargo no Consello de Administración no momento en que deixen de exercer o posto de traballo que determinou o seu nomeamento.
2. As persoas membros do Consello de Administración percibirán as axudas de custo e indemnizacións que estean establecidas pola súa asistencia ás reunións do Consello. As indemnizacións máximas que por asistencia lles poidan corresponder serán fixadas mediante acordo do Consello da Xunta, contando co informe favorable da consellería competente en materia de facenda.
Artigo 18. Reunións
1. De acordo co establecido no artigo 246 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, o Consello de Administración será convocado pola presidencia ou a que faga as súas veces.
Os administradores que constitúan polo menos un terzo dos membros do Consello poderán convocalo, indicando a orde do día, para a súa celebración na localidade onde radique o domicilio social, se, logo de petición ao presidente, este sen causa xustificada non fai a convocatoria no prazo dun mes.
En todo caso, ao amparo do artigo 245.3 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, o Consello de Administración reunirase, polo menos, unha vez ao trimestre.
2. A convocatoria, agás en casos de urxencia debidamente xustificada, cursaraa o/a secretario/a, polo menos con setenta e dúas horas de antelación, fixando a orde do día dos asuntos que se tratarán. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición das persoas membros en igual prazo.
3. Das sesións levantarase acta, que asinarán o/a presidente/a e o/a secretario/a.
4. As reunións do Consello de Administración serán de xeito presencial, por escrito, ou por medios telemáticos total ou parcialmente, así como por calquera outro medio permitido pola normativa de aplicación.
Artigo 19. Adopción de acordos
1. Para que o Consello de Administración poida deliberar e adoptar acordos necesitarase que concorra á reunión a metade máis un dos/das conselleiros/as que o compoñan, podendo o que non haxa de asistir á reunión conferir, por escrito, a súa representación ao/á presidente/a ou a outro/a conselleiro/a. Ningunha persoa conselleira poderá ter máis dunha representación.
2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos presentes e representados, e a presidencia decidirá os posibles empates.
Artigo 20. Facultades do Consello de Administración
A título enunciativo e non limitativo, enuméranse as seguintes facultades do Consello de Administración:
a) Representar a sociedade en xuízo e fóra del.
b) Aprobar os regulamentos de réxime interior, así como os de organización interna, estrutural e funcional.
c) Outorgar as licenzas de marca.
d) Propoñer á Xunta Xeral de Accionistas Extraordinaria o aumento ou diminución do capital social, logo do cumprimento de requisitos legalmente necesarios.
e) Convocar as xuntas de accionistas, xa sexan ordinarias ou extraordinarias, e executar os seus acordos.
f) Recibir información sobre a marcha da sociedade, coa amplitude que o propio Consello xulgue necesario.
g) Formular as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado no prazo máximo de tres meses a partir do peche do exercicio social.
h) Dirixir o persoal e fixar a súa retribución. Aprobar un cadro de persoal, que incluirá os postos de persoal directivo, e os instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal, a subscrición de convenios colectivos, as ofertas de emprego e as bases das convocatorias de contratación de persoal que requirirán, en todo caso, informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública.
i) Nomear ao/á director/a xerente, por proposta da presidencia.
j) Autorizar os convenios de cooperación ou colaboración con institucións públicas ou privadas.
Artigo 21. Comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional
1. Por proposta da presidencia, o Consello de Administración poderá constituír no seu seo comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional, e coa composición, atribucións, réxime das reunións, requisitos dos acordos e garantías que máis conveña á mellor e máis recta xestión e administración dos intereses sociais, sen que en ningún caso poidan atribuírse as facultades indelegables segundo lei.
2. As comisións e comités serán presididos polo/a presidente/a do Consello de Administración e, na súa falta, polo/a vicepresidente/a. A falta de ambos os dous, a presidencia corresponderalle ao/á conselleiro/a de maior idade que forme parte da correspondente comisión ou comité.
3. Actuará como secretario/a das comisións e dos comités que se constitúan quen sexa secretario/a do Consello de Administración.
Sección 3ª. Da Presidencia
Artigo 22. Atribucións
1. Son atribucións da presidencia do Consello de Administración:
a) Asumir o goberno e inspección de todos os servizos da sociedade, vixiando a súa administración, o desenvolvemento da actividade social e a fiel execución das operacións.
b) Representar ao Consello de Administración en toda clase de actos e usar da sinatura social.
c) Propoñer o Consello de Administración o nomeamento do/da director/a xerente.
d) Nomear ao restante persoal da sociedade.
e) Velar para que se cumpran os estatutos sociais en toda a súa integridade e se executen fielmente os acordos do Consello de Administración.
f) Convocar e presidir o Consello de Administración.
g) Dirixir as deliberacións dos órganos da sociedade, con voto de calidade nos empates.
h) Propoñer os convenios de cooperación ou colaboración con institucións públicas ou privadas.
i) Visar as certificacións que expida o/a secretario/a, as actas das reunións, os balances, contas, estados e memorias que deban ser sometidos á Xunta Xeral de Accionistas.
j) Outorgar toda clase de actos, contratos ou negocios xurídicos, cos pactos, cláusulas ou condicións que considere oportuno establecer, agás operacións de endebedamento, e coas limitacións que se indican no seguinte parágrafo, no caso de que supoñan gasto para a sociedade.
k) Tramitar e formalizar contratos sempre que o seu importe sexa inferior ao fixado na normativa de contratación do sector público para que os contratos de subministración teñan a consideración de suxeitos a regulación harmonizada e, no caso dos contratos de obras, cando o seu importe sexa inferior aos 600.000,00 euros. No caso de superar estes límites deberá contarse coa aprobación do Consello de Administración.
l) Comparecer ante toda clase de xulgados e tribunais de calquera xurisdición e ante toda clase de organismos públicos, en calquera concepto, e en toda clase de xuízos e procedementos, mesmo arbitrais, achandarse, e transixir; interpoñer recursos, mesmo de casación, revisión ou nulidade, ratificar escritos e desistir das actuacións, xa directamente ou por medio de avogados/as e procuradores/as, aos/ás cales poderá conferir os oportunos poderes.
m) Xirar, aceptar, endosar, avalar, intervir e protestar letras de cambio e outros documentos de xiro.
n) Abrir, seguir e pechar a nome da sociedade no Banco de España, caixas de aforro, postais, rurais, cooperativas de crédito e demais establecementos bancarios, contas correntes e de crédito, dispoñendo contra elas e podendo, en consecuencia, ingresar e retirar fondos.
ñ) Asinar contratos de traballo, de transporte e traspaso de locais de negocio; retirar e remitir xéneros, envíos e xiros.
o) Outorgar e asinar toda clase de documentos públicos e privados; retirar e cobrar calquera cantidade ou fondos de calquera organismo público ou privado, asinando ao efecto cartas de pagamento, recibos, facturas e libramentos.
2. As atribucións enumeradas coas letras h) e k) a o) poderán ser delegadas pola presidencia no/na director/a xerente, logo de acordo de Consello de Administración.
Artigo 23. A Vicepresidencia
1. A persoa titular da Vicepresidencia será nomeada pola Xunta Xeral de Accionistas, e no caso de que esta non a designe polo Consello de Administración.
2. O/a vicepresidente/a substituirá a persoa titular da presidencia en todas as súas atribucións, nos casos de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada.
Sección 4ª. Do/da director/a xerente
Artigo 24. O/a director/a xerente
1. O/a director/a xerente, baixo a inmediata dependencia do Consello de Administración e da Presidencia, dirixirá a organización empresarial da sociedade e os seus negocios sociais, segundo o réxime de atribucións, dereitos, deberes, incompatibilidades, remuneracións e competencias que, para o efecto, aquel estableza.
2. O/a director/a xerente asistirá, con voz pero sen voto, ás reunións da Xunta Xeral de Accionistas e do Consello de Administración, cando así se lle requira ou se lle convoque.
Sección 5ª. Da Comisión de Auditoría e Control
Artigo 25. Comisión de Auditoría e Control
1. Segundo o artigo 111 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no suposto de que a sociedade estea obrigada a someter as súas contas a auditoría, deberá constituírse unha comisión de auditoría e control, dependente do Consello de Administración, que estará integrada por tres persoas membros do propio consello, que serán o/a seu presidente/a, quen actuará, así mesmo como presidente/a da citada comisión, a persoa designada pola consellería competente en materia de facenda para formar parte do Consello de Administración e, finalmente, a persoa elixida polos membros do Consello de Administración mediante maioría simple. As funcións de secretario/a serán exercidas, no seu caso, polo/a secretario/a do Consello de Administración.
2. Entre as súas competencias estarán, ademais das exixidas normativamente, como mínimo, as seguintes:
a) Coñecer os procesos de información financeira e os sistemas de control interno da sociedade.
b) Revisar as contas anuais da sociedade, vixiar o cumprimento dos requirimentos legais e a correcta aplicación dos principios de contabilidade xeralmente aceptados.
c) Propor ao Consello de Administración para o seu sometemento á Xunta Xeral de Accionistas, o nomeamento dos auditores de contas, mediante os procedementos de adxudicación previstos na normativa de contratación pública.
d) Servir de canle de comunicación entre o Consello de Administración e os/as auditores/as de contas e avaliar os resultados de cada auditoría. Así mesmo, recibir información sobre todas as cuestións relacionadas co proceso de desenvolvemento da auditoría de contas, así como manter as comunicacións previstas na lexislación de auditoría de contas e demais normas técnicas de auditoría.
e) Elaborar un informe anual sobre as súas actividades.
TÍTULO IV
Exercicio social e aplicación do resultado
Artigo 26. Exercicio social
O exercicio social coincidirá co ano natural e finalizará cada ano o trinta e un de decembro.
Como excepción, o primeiro exercicio social comezará na data de outorgamento da escritura fundacional.
Artigo 27. Contas anuais e aplicación do resultado
1. A administración da sociedade está obrigada a formular no prazo máximo de tres meses, contados a partir do peche do exercicio social, as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación de resultados.
2. As contas anuais serán aprobadas pola Xunta Xeral de Accionistas que, pola súa vez, resolverá sobre a aplicación do resultado do exercicio, de acordo co balance aprobado.
3. Dentro do mes seguinte á aprobación das contas anuais, presentaranse, xunto coa oportuna certificación acreditativa da devandita aprobación e aplicación do resultado, para depositalas no Rexistro Mercantil.
TÍTULO V
Transformación, fusión, escisión e disolución
Artigo 28. Transformación, fusión e escisión
A transformación, fusión ou escisión da sociedade producirase na forma que establece o Real decreto lei 5/2023, do 28 de xuño, e demais normativa de aplicación, e requirirán autorización previa do Consello da Xunta, con carácter previo aos acordos que se deban adoptar segundo a lexislación mercantil.
Artigo 29. Disolución e liquidación
1. A sociedade disolverase polas causas e na forma que establece o vixente texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo. O acordo de disolución deberá contar coa autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda.
O Consello da Xunta determinará, se é o caso, o destino do haber social.
2. A condición de liquidador corresponderalles ás persoas designadas pola Xunta Xeral de Accionistas da sociedade ou, na súa falta, aos/ás compoñentes do Consello de Administración, con exclusión por sorteo dun/dunha deles/as, se o número de compoñentes do Consello for par no momento de acordarse a disolución.
Artigo 30. Tutela financeira e o control patrimonial da sociedade
A consellería competente en materia de facenda exercerá as funcións relativas á súa tutela financeira e ao control patrimonial da sociedade, de conformidade co disposto na normativa de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na reguladora do seu patrimonio.
TÍTULO VI
Foro competente
Artigo 31. Foro competente
1. Os/as socios/as, para as cuestións que teñan coa sociedade ou cos seus órganos, quedan sometidos á xurisdición dos xulgados ou tribunais do domicilio social, entendendo que polo simple feito de seren accionistas renuncian á propia xurisdición, se fose distinta.
2. As cuestións que poidan ser resoltas por arbitraxe de equidade serán sometidas a este e de conformidade coa regulación legal deste tipo de procedementos.
