DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 30 de setembro de 2024 Páx. 52756

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 25 de setembro de 2024 pola que se amplía o prazo de xustificación da subvención establecido na Orde do 4 de xaneiro de 2024 e pola que se amplía o prazo de vixencia da listaxe de agarda disposto na Orde do 10 de setembro de 2024 (código de procedemento IN519B).

O día 19 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN519B).

No artigo 15.2 das bases, a orde de referencia establece que para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para seren atendidos, ben con crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións, e dispón que non se concederán axudas posteriormente ao 15 de setembro de 2024, data en que a listaxe de agarda perderá os seus efectos.

No artigo 21.1 das bases, a Orde do 4 de xaneiro de 2024 establece que, para cobrar a subvención, os beneficiarios terán ata o 31 de outubro de 2024 para presentar a documentación xustificativa da subvención.

O día 13 de setembro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 10 de setembro de 2024 pola que se modificou o dito artigo 15.2 das bases reguladoras no referente ao prazo de vixencia da listaxe de agarda, ampliando este ata o día 30 de setembro de 2024 (incluído), prazo ata o que se poderán conceder axudas. Esta ampliación estaba xustificada pola posibilidade de que se incorporase novo crédito destinado a esta subvención, situación recollida no artigo 15.2 das bases reguladoras da orde, que permite atender novas solicitudes que figuran na lista de agarda.

Pola Resolución da Consellería de Economía e Industria do 23 de setembro de 2024, liberarase un crédito procedente dunha orde de axudas desta consellería, que se poderá empregar para incrementar o crédito dispoñible para a orde de parques empresariais, o que permitirá atender as solicitudes que se atopan na lista de agarda.

Dada a necesidade de tramitar a correspondente ampliación de crédito da orde de parques empresariais, e en prol do interese xeral e sen que isto supoña un prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de vixencia da listaxe de agarda disposto no artigo único da Orde do 10 de setembro de 2024, de acordo co artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tendo en conta a vontade de conceder novas axudas aos concellos que se atopan na lista de agarda, unha vez tramitada a correspondente ampliación de crédito, e co fin de viabilizar os procesos de execución e xustificación por parte dos beneficiarios, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario, ademais, ampliar o prazo de xustificación.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Ampliación do prazo de vixencia da listaxe de agarda

Modifícase o artigo único da Orde do 10 de setembro de 2024 pola que se amplía o prazo de vixencia da listaxe de agarda disposto na Orde do 4 de xaneiro de 2024, ampliando o prazo de vixencia da listaxe de agarda ata o día 15 de outubro de 2024 (incluído), prazo ata o que se poderán conceder axudas.

Artigo segundo. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Modifícase o artigo 21.1 das bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobadas pola Orde do 4 de xaneiro de 2024, no referente ao prazo de execución e xustificación da subvención, que se amplía ata o día 15 de novembro de 2024 (incluído).

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria