DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 30 de setembro de 2024 Páx. 52753

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 24 de setembro de 2024 pola que se publica o incremento da dotación orzamentaria da Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434A).

No Diario Oficial de Galicia número 1, do 2 de xaneiro de 2024, publicouse a Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434A).

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero, e convocar as ditas axudas para o ano 2024.

A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que manteña sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e mais tentar axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo e/ou están a ser explotadas.

No artigo 3 da dita resolución establécese que para a concesión destas axudas se destinarán 5.399.994,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 13.20.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

– Ano 2024: 2.425.000,00 euros.

– Ano 2025: 2.974.994,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das persoas beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito, segundo o establecido no dito artigo, poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas.

Por outra banda, o artigo 7.un.h), da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, dispón que, con independencia dos supostos previstos no número 1 do artigo 64 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente a condición de ampliables os créditos incluídos na aplicación 13.20.313D.480.0, destinados ao pagamento de axudas directas a mulleres vítimas de violencia de xénero, e os incluídos na aplicación 13.20.313D.480.1, con destino ao pagamento das indemnizacións previstas no artigo 43 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Na data actual, dado o volume de solicitudes recibidas e que se prevé recibir no prazo de presentación de solicitudes da axuda establecido no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e que non poden ser atendidas co crédito inicialmente asignado, así como dadas as necesidades das potenciais beneficiarias, considérase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada, a través do suposto previsto na alínea b) do artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o previsto no artigo 3.2 da Resolución do 14 de decembro de 2023.

A ampliación de crédito publicaraa o órgano concedente nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Consonte o exposto, e no uso das facultades que me foron concedidas ao abeiro do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento de crédito

1. Ampliar a dotación orzamentaria para o exercicio 2024 prevista no artigo 3 da Resolución do 14 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI434A).

2. O incremento da dotación da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, é de 196.508,80 euros, para o exercicio 2024, con cargo á aplicación orzamentaria 38.06.313D.480.0, código de proxecto 2014 00180.

3. Esta ampliación non afecta o prazo establecido na Resolución do 14 de decembro de 2023 para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade