DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 30 de setembro de 2024 Páx. 52774

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 25 de setembro de 2024 pola que se determinan as unidades competentes e as actuacións que se deben seguir para a emisión das certificacións de exercicio profesional para o acceso extraordinario ao título de especialista en Medicina de Urxencias e Emerxencias.

I

O Real decreto 610/2024, do 2 de xullo, polo que se establece o título de médica/o especialista en Medicina de Urxencias e Emerxencias e se actualizan diversos aspectos na formación do título de médica/o especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, regula na súa disposición transitoria primeira o procedemento para o acceso extraordinario ao título de especialista en Medicina de Urxencias e Emerxencias.

No punto 1, letras a) b) e c), da súa disposición transitoria primeira, enumera os supostos en que as persoas coa titulación requirida e que acrediten un determinado exercicio profesional nun centro sanitario C.1.1, público ou privado, con autorización sanitaria de unidade asistencial U.68, así como nun centro sanitario C.2.5.7, con autorización de unidade asistencial U.100, segundo o Rexistro Xeral de Centros, Servizos e Establecementos Sanitarios (REGCESS), poden solicitar o dito acceso extraordinario.

No punto 5, letra a), da citada disposición establécese que o procedemento se levará a cabo obrigatoriamente por medios electrónicos. Para tal fin, os/as interesados/as presentarán a súa solicitude e o certificado acreditativo na sede electrónica do Ministerio de Sanidade, para o cal se requirirá certificado electrónico válido.

Na letra b) do citado punto 5 indícase que na sede electrónica do Ministerio de Sanidade se habilitará un procedemento administrativo para a presentación da solicitude, á cal se debe incorporar a certificación do exercicio profesional previsto neste procedemento. A presentación das solicitudes das persoas que acrediten o exercicio profesional segundo os puntos 1.a) e 1.b) realizarase de forma gradual, segundo o seu mes de nacemento, sen ter en conta o ano. Cada grupo disporá dun prazo de quince días naturais para a presentación da solicitude, consonte o cronograma que aparece na propia disposición. Para as persoas especialistas en formación que se encontren na situación 1.c), o prazo de presentación de solicitudes iniciarase o primeiro día do mes seguinte ao da finalización da primeira promoción de especialistas en Medicina de Urxencias e Emerxencias e terá unha duración de quince días naturais.

A letra c) do punto 5 da mesma disposición transitoria establece que a acreditación do exercicio profesional se realizará mediante un certificado expedido pola unidade que determine a persoa titular da Consellería/Departamento de Sanidade da comunidade autónoma que corresponda, por proposta do xerente ou representante legal da unidade asistencial U.68 en centros sanitarios C.1.1 ou unidade asistencial U.100 en centros sanitarios C.2.5.7, autorizada durante todo o período certificado, conforme o disposto no Real decreto 1277/2003, do 10 de outubro, polo que se establecen as bases xerais sobre autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios.

A persoa que realice a certificación en cada comunidade autónoma poderá establecer, no prazo de quince días desde a publicación do dito real decreto, un período gradual de presentación de solicitudes de certificado consonte o mes de nacemento das persoas solicitantes, sen ter en conta o ano, segundo os prazos previstos no cronograma da letra b) do mencionado punto 5. O contido da certificación adecuarase ao modelo previsto no anexo do Real decreto 610/2024, do 2 de xullo. Nel faranse constar o período de autorización do centro sanitario C.1.1 con unidade asistencial U.68 ou o centro sanitario C.2.5.7 con unidade asistencial U.100, identificados polo seu código nacional normalizado (CCN), en que se prestou servizos, as datas de inicio e finalización dos servizos prestados, a dedicación horaria e as actividades asistenciais realizadas. O dito certificado expedirase electronicamente.

II

Para os efectos da tramitación das solicitudes de obtención do certificado previsto na letra c) do punto 5 da disposición transitoria primeira do Real decreto 610/2024, do 2 de xullo, procede determinar as unidades competentes para a expedición do certificado.

Así mesmo, por razóns de seguridade xurídica e de simplificación dos métodos de traballo, resulta oportuno concretar as actuacións que deben seguir os/as profesionais para presentar as solicitudes da certificación de exercicio profesional e para expedir tales certificados, adaptadas á estrutura e organización da Administración sanitaria galega.

De acordo co anteriormente exposto, e no exercicio das competencias atribuídas na disposición transitoria primeira 5.c) do Real decreto 610/2024, do 2 de xullo, nos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o Decreto 144/2024 polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto determinar as unidades competentes e as actuacións que se deben seguir para a expedición do certificado do exercicio profesional para o acceso extraordinario ao título de especialista en Medicina de Urxencias e Emerxencias, segundo a disposición transitoria primeira do Real decreto 610/2024, do 2 de xullo, polo que se establece o título de médica/o especialista en Medicina de Urxencias e Emerxencias e se actualizan diversos aspectos na formación do título de médica/o especialista en Medicina Familiar e Comunitaria.

Esta orde será de aplicación ás persoas con título de médica/o especialista en Ciencias da Saúde e ás persoas habilitadas para o exercicio da medicina xeral ou de familia, segundo o que determina a citada disposición transitoria primeira do Real decreto 610/2024, do 2 de xullo.

Artigo 2. Determinación das unidades competentes para a emisión da certificación de exercicio profesional

O exercicio profesional en centros sanitarios públicos do Sistema galego de saúde acreditarase mediante certificación emitida pola persoa titular da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo de proposta de cada unha das persoas titulares das xerencias das áreas sanitarias.

Os servizos prestados na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 acreditaranse mediante certificación expedida polo/a director/a da citada Fundación.

No suposto de exercicio profesional en centros sanitarios privados, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade emitirá un certificado único que reflectirá a totalidade do exercicio profesional da persoa interesada en centros sanitarios de titularidade privada na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Solicitudes de certificación de exercicio profesional en centros sanitarios públicos

A presentación e tramitación das solicitudes de expedición dos certificados acreditativos do exercicio profesional en centros sanitarios de titularidade pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia adecuaranse ás instrucións que se recollen no anexo I desta orde.

Artigo 4. Solicitudes de certificación de exercicio profesional en centros sanitarios privados

A presentación e tramitación das solicitudes de expedición dos certificados acreditativos do exercicio profesional en centros sanitarios de titularidade privada, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, efectuaranse consonte as instrucións contidas no anexo II desta orde.

Artigo 5. Protección de datos de carácter persoal

O tratamento dos datos de carácter persoal afectados por esta orde adecuarase ao previsto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa de aplicación.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Instrucións para solicitar o certificado de exercicio profesional en
centros sanitarios públicos

As persoas que desexen solicitar o certificado de exercicio profesional nun centro sanitario público do Servizo Galego de Saúde e da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 deberán acceder ao seu expediente profesional electrónico en Fides, na epígrafe de solicitudes, á pestana «certificado medicina de urxencias e emerxencias».

Xerarase un borrador de servizos prestados no ámbito de urxencias e emerxencias, cos datos precargados que constan no sistema de información corporativa de xestión de persoal e nóminas.

Tras a súa revisión, se o/a profesional está de acordo, poderá confirmar a súa solicitude e esta será asinada polo órgano competente.

Se o/a profesional non está de acordo ou atopa discrepancias, debe poñerse en contacto canto antes co servizo de persoal onde tivese os vínculos laborais en cuestión, para o seu exame e, se procede, a súa modificación. Se houber algunha modificación, deberá acceder a Fides novamente, dentro do prazo habilitado, ao borrador xerado na epígrafe de solicitudes e logo á pestana «certificado medicina de urxencias e emerxencias», e confirmalo, para envialo para a sinatura do órgano competente.

O certificado asinado estará dispoñible a carón da solicitude e poderase descargar en formato electrónico ou imprimirse para a súa achega perante o Ministerio de Sanidade.

ANEXO II

Instrucións para solicitar o certificado de exercicio profesional en
centros sanitarios privados

1. O/A profesional solicitará o certificado de servizos prestados en cada un dos centros privados en que prestase servizos, o cal será emitido polo/a xerente ou representante legal da unidade asistencial que corresponda.

2. Unha vez obtido o certificado dos servizos prestados en cada un dos centros, a persoa interesada deberá xuntalo á solicitude de emisión do certificado conxunto, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/solicitude-xenerica, e dentro dela cubrirá debidamente o formulario correspondente ao procedemento xenérico PR-004A, que deberá dirixirse á Consellería de Sanidade - Secretaría Xeral Técnica.

3. Unha vez recibida esta solicitude e efectuadas as comprobacións pertinentes, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade emitirá un certificado único que reflectirá a totalidade do exercicio profesional da persoa interesada en centros sanitarios de titularidade privada na Comunidade Autónoma de Galicia, que se notificará á persoa interesada a través do Sistema Notifica.gal para a súa achega perante o Ministerio de Sanidade.