DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 1 de outubro de 2024 Páx. 53085

III. Outras disposicións

Instituto Galego do Consumo e da Competencia

RESOLUCIÓN do 27 de setembro de 2024 de delegación de competencias da Presidencia deste instituto na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, no seu artigo 38, autoriza a creación do Instituto Galego do Consumo e da Competencia como organismo autónomo adscrito á consellería competente en materia de consumo. En virtude desa autorización, mediante o Decreto 118/2016, do 4 de agosto, créase este e apróbanse os seus estatutos.

O Instituto Galego do Consumo e da Competencia, organismo autónomo que se encadra dentro das entidades públicas instrumentais reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ten como fins xerais e obxectivos básicos a defensa, protección, promoción e información dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, e a garantía, promoción e preservación dunha competencia efectiva nos mercados no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na perspectiva de conseguir a máxima eficiencia económica e a protección e o aumento do benestar das persoas consumidoras e usuarias.

O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no artigo 3.1.c) sinala que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia está adscrito á dita consellería.

O artigo 9 dos seus estatutos sinala que a Presidencia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia corresponde á persoa titular da consellería de adscrición. A concorrencia na persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, con competencias propias, da súa condición de membro da Xunta de Galicia e de titular da Presidencia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia implica unha concentración de funcións arredor do seu presidente que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias noutros órganos, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a Constitución española recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria e redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeiro. Delegación na Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración as seguintes competencias:

1. A resolución dos expedientes sancionadores pola comisión de infraccións moi graves en materia de consumo.

2. A resolución dos recursos de alzada interpostos contra as resolucións sancionadoras por infraccións graves ditadas pola Dirección do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, así como contra os actos da dita dirección que non esgoten a vía administrativa.

3. A resolución dos recursos potestativos de reposición e extraordinarios de revisión, as solicitudes de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación dos actos de gravame ou desfavorables cando a facultade de resolución lle corresponda á persoa titular da Presidencia.

Segundo. Réxime xurídico das delegacións de competencias

1. O exercicio das competencias que se delegan nesta resolución axustarase ao disposto no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. En calquera momento, a persoa titular da Presidencia poderá revogar o exercicio das competencias que se delegan ou avocar para sí o coñecemento dun asunto concreto relativo ás competencias que se delegan.

3. Os actos e as resolucións administrativas ditados por delegación farán constar esta circunstancia, con referencia ao número e á data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e consideraranse ditados polo órgano delegante.

Terceiro. Revogación

Queda sen efecto a delegación de competencias contida na Resolución do 23 de marzo de 2017 (Diario Oficial de Galicia número 74, do 18 de abril).

Cuarto. Eficacia da delegación de competencias

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2024

José González Vázquez
Presidente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia