DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Xoves, 3 de outubro de 2024 Páx. 53275

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 2024 pola que se dá publicidade da resolución de concesión das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta organismos intermedios), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IG421A).

Mediante a Resolución do 19 de decembro de 2023 (DOG núm. 2, do 3 de xaneiro) publicáronse as bases reguladoras das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior das empresas galegas (Galicia Exporta organismos intermedios 2024), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

As ditas bases establecen no seu artigo 14.4 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da Resolución definitiva do 16 de setembro de 2024, de concesión das axudas do Igape para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta organismos intermedios), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual (epígrafe «Resolucións definitivas» https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de 10 días naturais para que os interesados accedan á Oficina virtual do Igape, no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual (epígrafe «Resolucións definitivas» https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, entenderase rexeitada.

Esta convocatoria está cofinanciada no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cunha taxa de cofinanciamento do Feder do 60% e compútase como cofinanciamento nacional polo 40 % restante, parte de cofinanciamento público do Igape e o investimento privado elixible dos beneficiarios. En particular:

Obxectivo político 1: unha Europa máis competitiva e intelixente, promovendo unha transformación económica innovadora e intelixente e unha conectividade rexional ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

Prioridade P1A: transición dixital e intelixente.

Obxectivo específico 1.3: reforzar o crecemento sustentable e a competitividade das pemes e a creación de emprego nestas empresas, tamén mediante investimentos produtivos.

Actuación 1.3.03: axudas á internacionalización de empresas galegas.

Ámbito de intervención 021: desenvolvemento empresarial e internacionalización das pemes, incluídos os investimentos produtivos.

Isto exixe á persoa beneficiaria o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, e o Regulamento (UE) nº 2021/1058 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda supón a súa aceptación a ser incluído na lista de operacións prevista no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, así como na Base de datos nacional de subvencións, de acordo co artigo 20.4 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Así mesmo, a persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50 do devandito Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderase interpoñer recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora do Instituto Galego de Promoción Económica