DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Luns, 7 de outubro de 2024 Páx. 53617

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 26 de setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de diferentes liñas de axudas ás organizacións de produtores do sector pesqueiro e da acuicultura no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia no marco do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) para o período 2021-2027 (códigos de procedemento PE155C e PE155D).

Preámbulo

O Regulamento (UE) nº 1380/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, sobre a política pesqueira común, polo que se modifican os regulamentos (CE) nº 1224/2009 do Consello e se derrogan os regulamentos (CE) nº 2371/2002 e (CE) nº 639/2004 do Consello e a Decisión 2004/585/CE do Consello, establece no seu artigo 35 a creación dunha organización común de mercados (OCM), de tal xeito que as actividades da produción pesqueira e acuícola, incluída a transformación e a comercialización sexan economicamente viables e competitivas; e as organizacións profesionais teñen encomendado un importante papel para alcanzar os obxectivos da política pesqueira común (PPC).

A referida organización común de mercados regúlase no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, se modifican os regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello, e se derroga o Regulamento (CE) nº 104/2000; e foi desenvolto parcialmente polo Regulamento de execución (UE) nº 1379/2013, relativo aos plans de produción e comercialización, en virtude do Regulamento (UE) nº 1379/2013, e polo Regulamento de execución (UE) nº 1419/2013 da Comisión, do 17 de decembro, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, de conformidade co Regulamento (UE) nº 1379/2013.

No ordenamento interno español, as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, recollidas na OCM, establecéronse e reguláronse mediante o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura (OPP), no que se especifica o seu funcionamento e as medidas que se poden aplicar, posteriormente, modificado polo Real decreto 786/2023, do 17 de outubro.

O Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA), regula no seu artigo 26.1.b) o obxectivo específico de promover a comercialización, a calidade e o valor engadido dos produtos da pesca e a acuicultura, así como da transformación dos ditos produtos, encaixado na Prioridade dúas do FEMPA «Fomentar as actividades sustentables de acuicultura, así como a transformación e a comercialización de produtos da pesca e a acuicultura, contribuíndo así á seguridade alimentaria na Unión».

Mediante a Decisión de execución da Comisión, do 29 de novembro de 2022, aprobouse o Programa para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período 2021-2027, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución as prioridades e dos obxectivos do FEMPA en España, apoiando as medidas relacionadas coa comercialización e a transformación. A intención fundamental é continuar potenciando as organizacións profesionais, tratando de optimizar os recursos financeiros, harmonizar os criterios e fomentar as accións desempeñadas polas organizacións, especialmente as relacionadas cos seus plans de produción e comercialización, para que sexan verdadeiros instrumentos de aplicación da política pesqueira común, cumprindo o papel que lles asigna a organización común de mercados da pesca para as que hai fixado un cofinanciamento por parte dos fondos comunitarios do 70 %.

En España, o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas por fondos europeos, establécese a través do Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, tamén modificado posteriormente polo Real decreto 786/2023, do 17 de outubro.

Neste contexto, esta orde contén as bases reguladoras de dúas liñas de axudas que xestiona a Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva. A primeira liña está destinada ás axudas á preparación e á aplicación dos plans de produción e comercialización (PPeC) das organizacións de produtores pesqueiros galegos e, por outro lado, tamén se regula unha segunda liña de axudas destinada á creación e a consolidación destas entidades. O título preliminar do texto contén dous artigos, nos que se tratan o obxecto e o ámbito de aplicación das bases, así como unha listaxe de definicións, que serán de aplicación. O título I está composto por tres capítulos nos que se fai unha regulación básica das axudas; así o capítulo I, que ocupa os artigos 3 a 23, aborda as disposicións xerais comúns a todas as liñas de axudas; o capítulo II, composto polos artigos 24 a 33, fai unha regulación daqueles aspectos básicos das axudas destinadas á preparación e ás aplicacións dos plans de produción das organizacións e o capítulo III, que contén os artigos 34 a 38, establece os aspectos da regulación básica das axudas á consolidación das organizacións de produtores pesqueiros galegas de nova constitución. A norma péchase cunha disposición adicional na que se identifican as normas aplicables nos procedementos de concesión destas axudas, e dúas disposicións derradeiras relativas á delegación de competencias e á entrada en vigor destas bases.

Esta orde cumpre os principios de boa regulación recollidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, xa que ten por obxecto dar resposta ás necesidades das organizacións profesionais do sector dos produtos da pesca e da acuicultura, proporcionando a seguridade xurídica necesaria para garantir o seu correcto funcionamento e investimentos que poidan levar a cabo, no marco do FEMPA e da OCM.

A Comunidade Autónoma galega ten competencia exclusiva en «pesca nas rías e demais augas interiores, o marisqueo e a acuicultura», atribuída polo artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia. Así mesmo, a Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, sinala nos seus artigos 1 e 2 que o seu obxecto é «a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, a ordenación do sector pesqueiro galego, a comercialización, a manipulación, a transformación e a conservación dos produtos pesqueiros, e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e do traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos».

O Decreto 210/2022, do 1 de decembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, establece que lle corresponde á Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, Servizo de Mercados, o exercicio do «fomento da creación e o control da actividade das organizacións de produtores pesqueiros e outras entidades representativas do sector, recoñecidas no marco da organización común de mercados».

DISPOÑO:

TÍTULO PRELIMINAR

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das distintas liñas de axudas ás organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e ás súas asociacións (AOP) que corresponde xestionar en exclusiva á Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para o período de aplicación do FEMPA.

2. Estas bases teñen por obxecto a regulación de dúas liñas de subvencións, que serán convocadas a través dos códigos de procedemento PE155C e PE155D.

As liñas de axudas serán:

a) Axudas destinadas á preparación e á aplicación dos plans de produción e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros. Estas axudas terán como código de procedemento o PE155C.

b) Axudas destinadas á creación e á consolidación de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros. Estas axudas terán como código de procedemento o PE155D.

3. As actuacións enmárcanse no Programa FEMPA, dentro da prioridade 2 do artigo 26 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004.

Artigo 2. Definicións

Para os efectos destas bases reguladoras, entenderase por:

a) Ano civil: o comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro.

b) Innovación: a actividade que ten como resultado a obtención e a posta no mercado de novos produtos, servizos ou procesos, ou melloras substanciais dos xa existentes, de xeito que presenten características ou aplicacións que difiran substancialmente dos existentes con anterioridade.

c) Subcontratación: a actividade que a entidade beneficiaria concerta con terceiros para a execución total ou parcial do proxecto subvencionable. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos nos que teña que incorrer a entidade beneficiaria para a realización da actividade de por si subvencionada. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao contido desta.

d) Gastos do titular: aqueles gastos nos que incorre a entidade para executar por si mesma o proxecto subvencionable. Inclúe os gastos do persoal da entidade dedicados á realización da actividade subvencionable, os custos indirectos e os gastos de viaxes para a preparación e asistencia a feiras, congresos, cursos ou xornadas que non requiren factura.

e) Gastos de xestión: aqueles gastos nos que incorre a entidade para a contratación de servizos ou a adquisición de equipos, bens ou subministracións necesarios para a execución do proxecto que non poidan ser realizados polo persoal propio da organización de produtores. Inclúe os gastos de subcontratación, a adquisición de bens e servizos, os convenios e os gastos de desprazamento e o aloxamento para a asistencia a feiras, congresos, cursos, xornadas, ou eventos similares que requiren factura.

f) Gastos de constitución: aqueles gastos xerados polos traballos preparatorios de constitución da organización e os gastos de elaboración da acta constitutiva e dos seus estatutos, se fose necesario, para adaptarse á normativa que regula as organizacións de produtores pesqueiros, así como os derivados da modificación destes e os gastos administrativos asociados.

g) Pesca costeira artesanal: as actividades pesqueiras practicadas por: (a) Buques de pesca marítima ou de pesca interior, de eslora total inferior a 12 metros, que non utilicen as artes de pesca de arrastre mencionadas no artigo 2.1 do Regulamento (CE) nº 1967/2006 do Consello, ou (b) Pescadores a pé, incluídos os mariscadores.

h) Beneficiario colectivo: a organización recoñecida pola autoridade responsable como representante do interese dos seus membros, dun grupo ou partes interesadas ou do público en xeral.

i) Interese colectivo: as accións emprendidas por un grupo cuxo interese é común/xeral para os seus membros, para un grupo de partes interesadas ou do público en xeral. Polo tanto, as accións de interese colectivo deberán abranguer máis que a suma dos intereses individuais dos membros do colectivo beneficiario.

j) Garantía do acceso público aos resultados: os datos deberán estar en formato aberto de acordo coa Directiva (UE) nº 2019/1024 como conxuntos de gran valor, é dicir (a) dispoñibles gratuitamente; (b) lexibles por máquina; (c) a través de interfaces de programación de aplicacións; (d) en forma de descarga masiva, cando proceda.

TÍTULO I

Axudas ás organizacións profesionais dos sectores da pesca
e da acuicultura con ámbito de actuación en Galicia

CAPÍTULO I

Disposicións comúns a todas as liñas de axudas

Artigo 3. Requisitos xerais

1. As entidades solicitantes destas axudas deben ser organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e, se é o caso, asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) con ámbito de actuación exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia, que deben cumprir, como mínimo, cos seguintes requisitos xerais, sen prexuízo dos demais requisitos específicos que figuran nas respectivas liñas de axudas:

a) Estar ao día do pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao artigo 9 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) Non incorrer en ningunha das circunstancias establecidas nos puntos segundo e terceiro do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Cumprir con todo o requirido no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

De xeito específico, para as subvencións de importe superior a 30.000 euros, as entidades, para seren beneficiarias destas axudas, deberán dar cumprimento ao establecido no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non ter cometido infracción grave na política pesqueira común (PPC) definida como tal nos actos lexislativos do Parlamento Europeo e do Consello.

e) Cumprir cos requisitos de admisibilidade previstos no artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021.

f) Manter a condición de entidade beneficiaria, cumprindo os requisitos de admisibilidade establecidos no FEMPA.

g) Axustarse á metodoloxía que sinale a convocatoria para determinar os custos da operación e as condicións de pagamento da subvención.

h) Cumprir co disposto nos artigos 65 e 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura.

i) Cumprir co disposto nos artigos 71 e 140 do Regulamento 1303/2013, do 17 de decembro de 2013 (Regulamento RDC).

j) Acreditar, con anterioridade a ditarse a proposta da resolución de concesión, estar ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública galega.

k) Someterse ás actuacións de control dos distintos órganos competentes.

l) Cubrir e actualizar os indicadores relativos ao proxecto, segundo indique a convocatoria.

m) Levar unha contabilidade separada ou dispoñer dun código contable adecuado das transaccións relacionadas coas operacións obxecto de financiamento.

n) Asumir as responsabilidades que lle correspondan e que figuren en cada convocatoria.

Artigo 4. Incompatibilidades

1. Estas axudas son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma actividade, procedentes de calquera Administracións ou entes públicos o privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O importe das axudas, en ningún caso, poderá ser de contía superior ao custo da actividade obxecto da axuda.

3. As entidades beneficiarias deberán dar a coñecer ao órgano concedente as axudas que obtivesen ou solicitasen para a actividade subvencionada, tanto ao presentar a solicitude como en calquera momento posterior no que se produza esta circunstancia.

Artigo 5. Financiamento e intensidade da axuda

1. No financiamento destas axudas participa a Unión Europea a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) e a Xunta de Galicia.

As porcentaxes de cofinanciamento son: o 70 % da Unión Europea e 30 % da Administración galega, respectivamente.

2. Como regra xeral, a intensidade máxima da axuda pública para ambas as liñas de subvencións reguladas nestas bases será dun 75 %.

Con todo, na axuda á preparación e á aplicación dos plans de produción e comercialización (PPeC), existen gastos no ámbito de cada medida, que poderán acadar unha intensidade de ata o 100 %. Estas regras especifícanse no artigo 25 destas bases.

Artigo 6. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a corrección.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O anexo I de solicitude publicarase coas correspondentes convocatorias de subvencións reguladas nestas bases. Para cada procedemento existirá un anexo de solicitude específico, que se publicará xunto coa súa convocatoria e será accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia no seu código de procedemento respectivo.

A solicitude debidamente cuberta deberá ser presentada a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, tal e como se indica no punto 1 deste artigo.

4. O prazo para a presentación das solicitudes fixarase na convocatoria correspondente, e, como mínimo, será dun mes. O prazo indicado poderá ser inferior cando veña prefixado por unha normativa de carácter estatal ou comunitario.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte ao da publicación da orde da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, prorrogarase ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Cada convocatoria indicará, de xeito específico, a documentación complementaria, que deberá xuntarse coa solicitude, así como a forma de presentala.

5. Se a solicitude non reunise os requisitos establecidos nestas bases e na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaráselle que, de non o facer, se lle terá por desistido da súa solicitude, tal e como establece o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A documentación que, se é o caso, sexa requirida, presentarase igualmente a través de medios electrónicos.

Artigo 7. Instrución

1. A instrución será levada a cabo polo órgano competente que indique a correspondente convocatoria, o cal realizará todas as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos, en virtude dos cales se formulará a proposta de resolución.

2. O órgano instrutor comprobará de oficio as condicións e requisitos exixibles para a obtención da axuda, así como, se é o caso, aqueles requisitos que o solicitante teña que xustificar expresamente segundo se consideren nestas bases reguladoras ou nas respectivas convocatorias.

Artigo 8. Avaliación

1. A valoración e o exame das solicitudes levarao a cabo unha Comisión de Valoración constituída na dirección xeral competente na materia, que analizará e comprobará o cumprimento dos requisitos establecidos nestas bases reguladoras, na orde da convocatoria correspondente e na demais normativa aplicable. Neste trámite, realizaranse cantas actuacións sexan necesarias para a determinación, o coñecemento e a verificación dos datos. Así mesmo, poderase solicitar a asistencia dos asesores que se xulgue convenientes, así como solicitar os informes a técnicos (externos ou internos) expertos na materia.

2. A Comisión de Valoración estará composta polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Valorización dos Produtos do Mar, ou a competente en materia de OPPs, no caso de mudar a estrutura.

b) Secretario/a: a persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Mercados, ou a competente en materia de OPPs, no caso de mudar a estrutura.

c) Vogais: dúas persoas funcionarias adscritas á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, ou a competente en materia de OPPs, no caso de mudar a estrutura, designados polo/a presidente/a da Comisión de Valoración.

3. Para os expedientes que non cumpran coas exixencias requiridas ou que non conteñan a documentación necesaria, o órgano instrutor formulará unha proposta de resolución de non admisión ou de desistimento, segundo proceda, e indicará as causas que a motivan.

4. Unha vez finalizada a avaliación das solicitudes admitidas, a presidencia da Comisión de Valoración formulará a proposta de resolución de concesión das axudas. Na proposta figurarán, de xeito individualizado, as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, indicarase a puntuación correspondente segundo os criterios de avaliación fixados para cada unha das liñas de axuda e os expedientes seleccionados. Así mesmo, indicarase a proposta do importe da axuda para cada entidade solicitante.

5. A persoa titular da presidencia da Comisión de Valoración elevará a proposta de resolución ao órgano concedente, que ditará as correspondentes resolucións de concesión.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. O programa operativo para España do FEMPA, aprobado pola Decisión de Execución da Comisión Europea do 29 de novembro de 2022, establece que os Estados membros aprobarán os criterios xerais para todas as actuacións cofinanciadas, para asegurar que as operacións subvencionadas estean dirixidas a acadar os obxectivos do FEMPA.

2. Estes criterios xerais de valoración foron aprobados polo Comité de Seguimento do FEMPA e a súa interpretación faise de acordo co documento de Criterios de selección para a concesión de axudas do programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e son os seguintes:

a) A adecuación das solicitudes de axudas á análise DAFO do programa operativo do FEMPA, así como á estratexia, aos obxectivos e ás medidas recollidas no citado programa.

b) A adecuación dos indicadores de resultado, para cubrir nas solicitudes de axudas, referidos á variación do valor en primeiras vendas das organizacións profesionais e á variación do volume da produción en primeiras vendas da OPP/AOP.

Nas solicitudes de axuda valorarase o incremento do valor da produción como alto; se se mantén, como medio, e se hai unha diminución, como baixo.

c) A implicación das solicitudes de axudas na consecución dos obxectivos establecidos na Política Pesqueira Común, tal como se dispón no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 1380/2013, do 11 de decembro de 2013.

3. Os criterios específicos adecuaranse ao establecido no documento Criterios de selección do FEMPA aprobados polo Comité de Seguimento, e están recollidos, respectivamente, para as axudas á preparación e á aplicación dos PPeC no artigo 31 e para as axudas á consolidación de organizacións profesionais dos sectores da pesca e da acuicultura no artigo 38 destas bases reguladoras.

4. A regulación da forma de aplicación dos criterios de valoración detallarase nas correspondentes ordes de convocatoria.

Artigo 10. Resolución e proposta de pagamento

1. O titular da Consellería do Mar, ou en quen este delegue, ditará e notificará as resolucións de concesión da axuda, no prazo que estableza a correspondente convocatoria, salvo que pospoña os seus efectos a un momento posterior. Finalizado este prazo sen que recaia resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada por silencio administrativo, conforme o artigo 25 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de subvencións que superen os 3.000.000 euros por entidade beneficiaria, será necesaria a autorización do Consello da Xunta de Galicia. A autorización non implicará a aprobación do gasto, que corresponderá, en todo caso, ao órgano competente para a concesión da subvención.

3. A resolución de concesión será motivada de acordo co disposto na convocatoria e fará alusión ás valoracións realizadas pola correspondente Comisión de Valoración.

Así mesmo, a resolución indicará, entre outros aspectos, os compromisos asumidos polas entidades beneficiarias, os créditos orzamentarios aos cales se imputa o gasto, a contía da axuda individualizada e a porcentaxe de financiamento do FEMPA.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e os actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/o teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitado pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico.

En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Aceptación da axuda

No prazo de dez días hábiles desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou o rexeitamento da axuda. Transcorrido este prazo sen producirse unha manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda.

A aceptación implica a inclusión como persoa beneficiaria na lista de operacións publicada de conformidade co artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 13. Recursos

1. Contra a resolución expresa que se dite, que porá fin á vía administrativa, poderá interpoñerse potestativamente un recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar no prazo máximo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo máximo de dous meses, tal e como establece, respectivamente o artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. Se transcorrido o prazo para resolver establecido na convocatoria, non fose notificada a resolución ao interesado, entenderase desestimada por silencio administrativo negativo, e caberá interpoñer o recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería do Mar en calquera momento, ou o recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de seis meses contados, en ambos os casos, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Artigo 14. Modificación da resolución

1. Unha vez recaída a resolución de concesión, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou a obtención concorrente de subvencións e axudas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á súa modificación.

2. O acto que acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente, no que se dará audiencia ao interesado. Con todo, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 15. Pagamento

1. O pagamento das axudas realizarase con posterioridade á realización e xustificación da actividade obxecto da axuda.

2. Para que o pagamento da axuda se efectúe será obrigatorio:

a) Que o investimento obxecto da axuda e a súa xustificación estean realizados de conformidade coa resolución de concesión, finalizado e totalmente pagado.

b) Que as entidades beneficiarias estean ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública galega.

c) Que se dese cumprimento á obrigación de dar publicidade á axuda concedida establecida no artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

3. O réxime de pagamento destas axudas deberá cumprir co establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no título IV do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Xustificación

1. As entidades beneficiarias deberán presentar a xustificación do cumprimento da finalidade da subvención e a realización das actividades no prazo que se estableza na convocatoria, sen prexuízo de que se concedan períodos de xustificación adicionais.

2. En virtude do artigo 28.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación da axuda concedida revestirá a forma de conta xustificativa, coa achega dos xustificantes de gasto ou coa entrega do informe de auditor, tal e como se establece respectivamente nos artigos 48 e 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

A conta xustificativa constará de:

a) Unha memoria de actuación xustificativa con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Unha memoria económica xustificativa do custo das actividades.

c) Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa.

No caso de que a xustificación documental se leve a cabo mediante un informe de auditor, este deberá estar adscrito ao Rexistro Oficial de Auditores de Contas, de acordo coa Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio.

Artigo 17. Actuacións de control e comprobación

1. Os servizos da consellería competente en pesca e acuicultura da Xunta de Galicia realizarán as actuacións necesarias para verificar o cumprimento dos compromisos e das obrigas que asumisen as entidades beneficiarias.

2. O control destas axudas realizarase conforme o réxime de control financeiro de subvencións establecido no título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias están suxeitas así mesmo ás disposicións de supervisión e control establecidas no Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021.

Artigo 18. Obrigas das entidades beneficiarias posterior ao pagamento

Durante os cinco anos seguintes ao pagamento final á persoa beneficiaria, que será a data contable do último pagamento, este deberá:

a) Non cesar a actividade produtiva.

b) Non cambiar a propiedade privada da infraestrutura ou dun elemento da infraestrutura de xeito que proporcione unha vantaxe indebida e sen autorización expresa do órgano concedente.

c) Non producir cambios substanciais que afecten a natureza, os obxectivos ou as condicións de execución da operación, de xeito que se menoscaben os seus obxectivos orixinais.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, autonómicos, nacionais ou europeos, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como realizar os controis recollidos en cada un dos plans anuais de actuación.

e) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación aplicable, así como das facturas e demais xustificantes de gasto de valor probatorio equivalente e os correspondentes xustificantes de pagamento.

Artigo 19. Causas de reintegro

1. O órgano competente acordará o reintegro da axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes nos casos previstos no artigo 33.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, procederá o reintegro da axuda, así como os xuros de demora, se concorresen un ou máis dos seguintes incumprimentos:

a) O incumprimento das actividades para as que se aprobou a axuda, que será causa de reintegro total da axuda.

b) O incumprimento dos obxectivos parciais ou actividades concretas da actuación, que comportará a devolución daquela parte da axuda destinada a tales obxectivos ou actividades ou, no caso de que así se estableza na convocatoria, a perda do cobramento total ou parcial.

c) A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable, que suporá a devolución das cantidades desviadas.

d) De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable dunha actuación recollida no PPeC supere os importes establecidos na Lei de contratos do sector público para o contrato menor, non ter solicitado polo menos tres ofertas de diferentes provedores, con anterioridade á contratación do compromiso da obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que, polas súas especiais características, non exista no mercado un número suficiente de entidades que os realicen, presten ou subministren.

A este respecto, de acordo cos criterios de selección do FEMPA, a presentación dun plan e do informe anual equivalerá a unha solicitude de axudas do FEMPA, de acordo co seu plan.

O reintegro que se vai realizar será o correspondente á actuación para a cal non se solicitaron as ofertas.

e) O incumprimento da obriga de dar publicidade á axuda concedida, establecida no artigo 60 do Regulamento FEMPA, que será causa de reintegro parcial do importe asociado a tal incumprimento.

Con todo, e sen prexuízo do disposto na normativa europea e das sancións que, se é o caso, poidan imporse, se aínda fose posible o seu cumprimento ou puidesen realizarse accións correctoras da falta de publicidade, o órgano concedente poderá requirir á entidade beneficiaria para que adopte as medidas de difusión que procedan nun prazo non superior a quince días, con expresa advertencia das consecuencias que puidesen derivarse do incumprimento, tal como prevé o artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para este procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Infraccións e sancións

Sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores, ás entidades beneficiarias das axudas reguladas nestas bases, seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Prevención contra o fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea, no marco destas bases reguladoras, poderán poñer os feitos en coñecemento dos correspondentes órganos a través das seguintes canles:

a) Ante o Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos, cubrindo o formulario para a comunicación de fraudes e irregularidades dispoñible na súa web. (https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/CAUACI/SNCA/Paginas/Inicio.aspx).

b) A través da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF). A denuncia pódese formalizar en liña a través do Sistema de notificación de fraudes, cubrindo o cuestionario localizado na súa web, de xeito anónimo e en calquera das 24 linguas oficiais da Unión Europea.

Artigo 22. Publicidade

1. Serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas, con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario á que se imputan, os datos identificadores da persoa beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención, de acordo co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. A Consellería do Mar remitirá á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base de datos, o seu extracto no Diario Oficial de Galicia e toda a información que lle sexa requirida sobre as convocatorias e as resolucións de concesións ditadas.

3. Igualmente serán obxecto de publicidade a través da páxina web da Consellería do Mar a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudadas concedidas (https://mar.xunta.gal).

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

CAPÍTULO II

Axudas destinadas á preparación e á aplicación dos plans de produción
e comercialización de organizacións de produtores pesqueiros e asociacións
de organizacións de produtores pesqueiros. Código de procedemento PE155C

Artigo 24. Entidades beneficiarias e requisitos específicos

Poderán ser beneficiarias destas axudas as Organizacións de Produtores Pesqueiros (OPP) e, se é o caso, Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros (AOP) con ámbito de actuación exclusivo na Comunidade Autónoma de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Se atopen dadas de alta no Rexistro Xeral de Organizacións de Produtores Pesqueiros e Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros que establece o artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, modificado polo Real decreto 664/2023, do 18 de xullo.

b) Ter presentado o Plan de produción e comercialización (PPeC) para o que se solicita a axuda e ter obtido a súa aprobación.

c) Ter aprobado o informe anual correspondente ao exercicio do PPeC para o que se solicita a axuda.

Artigo 25. Intensidade da axuda á preparación e aplicación dos Plans de Produción Comercialización

1. Tal e como se establece no artigo 5, como regra xeral, a intensidade máxima da axuda pública será do 75 %.

2. Con todo, para esta liña de axuda existen gastos no ámbito de cada medida que poderán acadar unha intensidade superior, conforme as seguintes regras:

a) Poderán optar ao 100 % de intensidade de axuda aquelas medidas que cumpran cos seguintes requisitos:

i. Non se refiran a:

– Medidas de formación, excepto no caso recollido na letra c).

– Celebración de seminarios e xornadas de divulgación.

– Obras que dean lugar ou afecten inmobles.

– Instalación de investimentos que non incorporen compoñente innovador.

– Accións de promoción e comunicación á sociedade.

– Plans de xestión de pesca, salvo os encadrados na letra c).

– Labores de asistencia legal aos membros das entidades beneficiarias.

– Embarque de observadores.

ii. Se destinen a un beneficiario colectivo.

iii. Sexan de interese colectivo.

iv. Cumpran un dos seguintes criterios:

– Introduzan características innovadoras: medidas que supoñen a introdución dun produto, servizo ou proceso novos ou significativamente mellorados, que inclúe, aínda que non se limite a eles, os procesos de produción, comercialización, ou novos métodos de organización de prácticas empresariais, entre outros, co obxectivo de axudar a resolver desafíos dos sectores da pesca e da acuicultura na persecución dos obxectivos da OCM e da PPC.

– Garantan o acceso público aos resultados daquelas medidas que supoñan o fomento da actividade pesqueira e da acuicultura sustentables, a redución das capturas non desexadas, a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada (INDNR), a mellora da rastrexabilidade ou a redución do impacto ambiental: a través de páxinas web de acceso non restrinxido ás diferentes publicacións.

b) As medidas destinadas á mellora da selectividade por talles ou especies das artes de pesca poderán optar ao 100 % da intensidade. Esta porcentaxe supedítase á achega dun estudo que evidencie que a medida contribuíu a mellorar a selectividade. No caso de que os resultados do estudo non sexan satisfactorios, aplicarase unha intensidade do 75 % á referida medida. O estudo debe realizarse por unha entidade encadrada en:

– Organismos públicos de investigación da Administración xeral do Estado ou da Xunta de Galicia.

– Universidades públicas.

– Entidades públicas instrumentais do sector público autonómico que desenvolvan traballos de I+D+I.

– Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal ou autonómico rexistrados no Rexistro de tales centros.

c) As medidas relacionadas coa pesca costeira artesanal, poderán alcanzar o 100 % de intensidade cando todos os buques da entidade beneficiaria teñan menos de doce metros de eslora e non practiquen a modalidade de pesca de arrastre, a condición de que as medidas non sexan as referidas na letra a), excepto cando se trate de medidas de formación ou plans de xestión de pesca.

d) Poderán optar a unha intensidade do 85 % as medidas relativas á adquisición, instalación e xestión a bordo dos compoñentes necesarios para os sistemas obrigatorios de seguimento electrónico remoto empregados para controlar a obriga de desembarque nos casos nos que melloren o desenvolvemento e a aplicación do réxime de control de pesca vixente.

Artigo 26. Cálculo da axuda

1. Para os efectos da percepción das axudas previstas neste capítulo, consideraranse elixibles os importes das medidas e dos gastos efectivamente executadas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estean recollidos no PPeC da entidade solicitante aprobado pola Administración competente para o período a que se refira a convocatoria.

b) Fosen aprobados pola Administración competente no Informe de Actividade do PPeC a que se refire a convocatoria.

c) Os gastos estean debidamente xustificados dentro do período de xustificación establecido e nos termos establecidos nestas bases e na correspondente convocatoria.

2. A axuda concedida non poderá superar o 12 % do valor medio anual da produción comercializada pola entidade beneficiaria durante os tres anos civís anteriores á resolución de aprobación do PPeC correspondente ao ano que proceda.

Para o cálculo da produción entenderase a suma do valor da produción comercializada por cada un dos membros da OPP, ou a suma do valor da produción de cada un dos membros que compoña unha AOP.

Respecto a entidades recentemente recoñecidas, a axuda non excederá o 12 % do valor medio anual da produción comercializada polos seus membros durante os tres anos civís anteriores.

3. Comprobarase o valor e o volume da produción comercializada a partir dos datos estatísticos oficiais dispoñibles en aplicacións, bases de datos e noutras fontes oficiais. No caso de detectar discrepancias entre o declarado pola entidade beneficiaria e as fontes oficiais, terase en conta o disposto nestas últimas.

4. A partir da convocatoria aplicable aos PPeC do ano 2024, establecerase un anticipo de entre un 25 % e un 35 % do importe aprobado para o Plan de produción e comercialización da anualidade da convocatoria correspondente. Con carácter posterior á concesión do anticipo non se aceptarán modificacións dos PPeC que diminúan o importe da axuda por baixo do 50 % do importe total aprobado, e respectando sempre as limitacións establecidas para o efecto no artigo 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O pagamento restante condicionarase á xustificación dos gastos, unha vez efectuadas todas as comprobacións necesarias.

Aquelas entidades que soliciten un anticipo para a execución dos seus plans de produción e comercialización, deberán constituír unha garantía mediante un seguro de caución prestado pola entidade aseguradora ou mediante aval de entidade de crédito ou sociedade de garantía mutua que deberá acadar, como mínimo, os 2 meses seguintes ao da finalización do prazo de xustificación das axudas previsto neste capítulo destas bases reguladoras, tal e como establece o artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades solicitadas como anticipo de execución, con independencia do prazo de xustificación previsto na convocatoria da axuda.

5. As convocatorias destas axudas poderán prever a realización de pagamentos fraccionados previamente xustificados dos gastos efectuados de maneira adicional aos anticipos, nos termos e coas limitacións do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

As cantidades concedidas como pagamentos fraccionados deberán ser garantidas nos termos do artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

A garantía constituirase mediante un seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación na convocatoria neste capítulo destas bases reguladoras.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

6. O importe conxunto dos pagamentos fraccionados e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario, de acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

7. De non acadar o orzamento para atender todas as peticións, ratearase o importe global máximo destinado entre as entidades beneficiarias, nos termos establecidos na correspondente convocatoria.

8. En canto á preparación do PPeC, consideraranse gastos subvencionables o informe anual e, se é o caso, o informe de auditor e a auditoría bienal, nos termos que se establezan na correspondente convocatoria por cada concepto. Non se considerarán documentos adicionais susceptibles de axuda as revisións dos PPeC anuais e as revisións da primeira anualidade dos PPeC plurianuais.

9. Cando as medidas teñan carácter económico, en cada medida serán subvencionables tanto as actividades do titular do proxecto como as actividades de xestión do proxecto, sempre que así se reflectise na resolución de aprobación do PPeC e do informe anual.

10. As medidas aprobadas no PPeC deberán contar coa calidade técnica necesaria.

Potestativamente, o órgano instrutor poderá solicitar un informe que avalíe se os traballos se axustan ao tempo e ao orzamento presentados no informe anual a outros organismos ou a entidades de auditoría.

No caso de que se detecte calidade insuficiente ou plaxios nalgunha das medidas ou traballos executados, non serán elixibles, sen prexuízo da aplicación da normativa antifraude que corresponda.

Artigo 27. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables todas as actuacións que se axusten ao establecido nestas bases e na correspondente convocatoria, sen prexuízo do cumprimento dos restantes requisitos que estableza a normativa nacional e comunitaria.

A documentación necesaria para xustificar adecuadamente a axuda deberá demostrar con claridade que os gastos elixibles foron destinados á preparación ou á execución das medidas dos PPeC, e deberán axustarse ao especificado nos artigos 28 e 29 destas bases reguladoras.

2. Como norma xeral, terán a consideración de gastos subvencionables aqueles realizados efectivamente e que teñan as correspondentes facturas emitidas durante o período de execución do PPeC aprobado. O inicio deste período de execución será do 1 de xaneiro da anualidade correspondente ou data da sinatura da resolución pola que se acorda a modificación do PPeC, no caso de que sexa posterior. A data final será o 31 de decembro da anualidade correspondente ou a data da inspección/acta que certifique a fin de obra, no caso de que sexa anterior.

Como excepción á norma xeral, os gastos do informe de auditor, os gastos da auditoría bienal, os gastos efectuados pola preparación do PPeC e os gastos efectuados pola preparación do informe anual terán a consideración de subvencionables, aínda que se realicen fóra do dito período de execución.

3. Considérase gasto realizado o efectivamente pagado como moi tarde o 1 de marzo da seguinte anualidade, coa excepción do gasto debido ao informe anual, ao informe de auditor e a auditoría bienal, cuxa data límite será a da solicitude da axuda.

4. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables deberán cumprir o establecido no artigo 31.2 da Lei 38/2003, 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 28. Gastos subvencionables para as axudas á preparación e aplicación dos PPeC

Na aplicación e execución dos plans de produción e comercialización (PPeC) previstos nestas bases poderán ser subvencionables os seguintes gastos:

a) Gastos de persoal propio, xa sexa de estrutura ou contratado para unha medida concreta do PPeC, incluídos aqueles custos indirectos que procedan, salvo no caso de que se solicitase a axuda á consolidación para esa anualidade.

En todo caso, considerarase persoal de estrutura a todos os membros dados de alta no NIF da organización con cargo de xerente ou outros cargos de dirección, así como outro persoal que cumpra co establecido no artigo 29 destas bases reguladoras. Considerarase persoal contratado aquel persoal coas características establecidas no artigo 29 destas bases reguladoras.

b) Subcontratación, de empresas externas ou profesionais independentes para a preparación ou realización dalgunha o algunhas das medidas incluídas no PPeC, incluídas as obras, correspondentes ás medidas previamente aprobadas no PPeC, así como á realización do informe de auditoría para a conta xustificativa

c) Adquisición de bens e subministracións.

d) Convenios de colaboración con organismos científicos e outras entidades, que deberán formalizarse por escrito e recollerán o obxecto deste, os traballos para realizar, o tempo de execución e o orzamento, debidamente desagregado por capítulos.

e) Gastos de desprazamentos, aloxamento e manutención para a asistencia a feiras, congresos, cursos, xornadas ou eventos similares, en medidas aprobadas no PPeC, incluídos os salarios do persoal contratado expresamente segundo o establecido no artigo 29 destas bases reguladoras.

Ademais de presentar unha memoria xustificativa para cada tipo de gasto, cada OPP ou AOP, se é o caso, deberá presentar unha memoria resumo que inclúa o importe aprobado por medida do PPeC, o importe aprobado dos informes anuais e os gastos finalmente executados e xustificados.

Artigo 29. Clasificación e desagregación dos gastos subvencionables

Os gastos subvencionables descritos clasificaranse nas categorías de gastos do titular e gastos de xestión. A súa desagregación será a seguinte:

1. Gastos do titular. Dentro dos gastos do titular poderanse considerar os gastos de persoal propio (estrutura ou contratado), os custos indirectos e os gastos por asistencia de viaxes.

1.1. Gastos de persoal.

1.1.1. Gastos de persoal de estrutura.

Definición: as actividades relativas á supervisión e control realizadas polo persoal propio da organización, para a adecuada programación, o desenvolvemento, e se é o caso, a elaboración dos PPeC ou execución das medidas dos plans. O persoal de estrutura deberá xustificar a súa participación e horas de dedicación nas actividades relacionadas cos PPeC.

Cálculo en caso de sistema de conta xustificativa: para o cálculo dos gastos de persoal propio de estrutura, aplicarase un custo unitario por hora, que non poderá ser superior ao establecido para os correspondentes ao grupo profesional equivalente, conforme o nivel de estudos que figure no contrato ou documentación acreditativa do dito nivel, segundo as retribucións, incluídas as complementarias e cotizacións sociais, do persoal laboral incluído no Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, e cos importes adecuados ao disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cun límite máximo de 1.720 horas anuais, acreditados para o persoal de estrutura pertencente aos distintos grupos de cotización do Réxime xeral da Seguridade Social o réxime especial dos traballadores do mar.

Xustificación:

– Contrato laboral.

– Nóminas.

– Memoria xustificativa aprobada pola Xunta Directiva da organización, que especifique o obxecto dos traballos que se vai realizar e o tempo de execución expresado en horas do persoal para cada medida.

– Xustificante de pagamento da nómina e as cotizacións sociais (transferencia bancaria).

1.1.2. Gastos de persoal contratado expresamente para a preparación e/ou execución das medidas dos PPeC.

Definición: contratación de persoal que se incorpora á organización, co obxecto de preparar o PPeC e/ou desenvolver medidas incluídas nos PPeC. Estes terán unha dedicación total en relación ás actividades que se realizarán en relación aos PPeC.

Cálculo en caso de sistema de conta xustificativa: serán elixibles os gastos derivados de nóminas e cotizacións sociais, aplicándose un custo unitario por hora que non poderá ser superior ao establecido para os correspondentes ao grupo profesional equivalente, conforme o nivel de estudos que figure no contrato ou documentación acreditativa do dito nivel, segundo as retribucións, incluídas as complementarias e cotizacións sociais, do persoal laboral incluído no Convenio colectivo único da Xunta de Galicia, e cos importes adecuados ao disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, cun límite máximo de 1.720 horas anuais.

Xustificación:

– Contrato laboral

– Nóminas.

– Memoria xustificativa aprobada pola Xunta Directiva da organización, que especifique o obxecto dos traballos para realizar e o tempo de execución expresado en horas do persoal para cada medida.

– Xustificante de pagamento da nómina e cotizacións sociais (transferencia bancaria).

1.2. Custos indirectos.

Definición: os custos que non están vinculados ou non poden vincularse directamente cunha actividade subvencionada, por ter carácter estrutural, pero que resultan necesarios para a súa realización, como os gastos de oficina, administrativos, servizos básicos, subministracións (auga, luz, teléfono, gas), mantemento, etc.

Cálculo: para o cálculo dos custos indirectos, poderase aplicar o establecido no artigo 54.1.b) do Regulamento RDC, considerando o método de financiamento a tipo fixo, e aplicando unha porcentaxe fixa do 15 % sobre os custos directos de persoal (custos simplificados).

Os custos directos de persoal consideraranse os custos dedicados ás actuacións relativas a PPeC, que se inclúen nas nóminas e cotizacións sociais.

Restricións: non se aplicarán custos indirectos aos gastos de xestión ou aos gastos procedentes de terceiros. Tampouco se aplicarán custos indirectos nas medidas dos PPeC presentados por organizacións profesionais durante os períodos nos que sexan beneficiarias das axudas á consolidación.

Xustificación:

– As categorías de custos indirectos subvencionables que se calcularán coa porcentaxe a tipo fixo, non precisan de xustificación.

– O órgano xestor verificará que a categoría de «custos directos de persoal» admisibles sobre cuxa base se aplica a porcentaxe para o cálculo dos custos indirectos é correcta.

1.3. Gastos de viaxes para a preparación ou asistencia a feiras, congresos, cursos ou xornadas, que non requiran de factura.

Definición: a asistencia ou a participación dunha medida específica aprobada no PPeC que no requiran de factura. No caso de gastos de desprazamento que requiran factura ou gastos de aloxamento, haberá que aterse ao punto 2.4.

Refírense expresamente aos seguintes conceptos:

a. Gastos de manutención.

b. Gastos de desprazamento que non requiran de factura (transporte urbano, marítimo, autobús, taxi, vehículo particular, peaxes, estacionamento, garaxe, etc.).

Cálculo: para determinar os gastos de manutención e desprazamento, financiarase de acordo cos que correspondan segundo o grupo 2 da clasificación de persoal previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, así como á Resolución do 24 de novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia.

Restricións: unicamente serán subvencionables os gastos de desprazamento e manutención para un máximo de tres persoas (persoal dado de alta na OPP e socios da OPP) por medida aprobada no PPeC.

Xustificación: a memoria xustificativa aprobada pola Xunta Directiva, que incluirá a liquidación individual dos gastos de manutención e desprazamento:

– Respecto dos gastos de manutención e quilometraxe, non será necesario presentar documento acreditativo, indicándose os importes detallados na memoria.

– Xustificantes acreditativos dos gastos de desprazamento (taxi, autobús, peaxe, estacionamento, etc.) mediante a presentación do recibo ou tícket xustificativo, se é o caso.

– Outros documentos xustificativos, como a convocatoria da reunión, a orde do día, a relación de asistentes ou o certificado de asistencia, de ser o caso.

– Cando, con ocasión dos desprazamentos efectuados ao estranxeiro, os gastos devindicados veñan expresados en divisas, deberán achegar a equivalencia do cambio oficial en unidade euro, que corresponda á data na que se fai o gasto.

2. Gastos de xestión: a contratación de servizos ou adquisición de equipos, bens ou subministracións unicamente poderase asignar como gastos de xestión do proxecto.

2.1. Subcontratación.

Definición: os gastos derivados da subcontratación de empresas externas para a preparación e a elaboración dos PPeC ou a execución das medidas aprobadas nos plans mediante servizos ou obras.

Sen prexuízo do aprobado no PPeC e no informe anual, serán tamén subvencionables os gastos orixinados polo informe do auditor para a presentación da conta xustificativa.

Cálculo da axuda: segundo os importes de gasto acreditados nas facturas xustificativas.

Xustificación:

– Facturas detalladas de provedores externos emitidas con posterioridade á sinatura do correspondente contrato ou o acordo, se é o caso.

– Xustificante de pagamento por transferencia bancaria, ou outros medios de pagamento que permitan seguir a pista de auditoría.

– Contrato o acordo por escrito no que deben figurar os servizos que se prestarán, cando cumpra, segundo as contías do artigo 27.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Memoria xustificativa. Incluirase a xustificación de posibles incidentes relativos á contratación.

– En función do importe do contrato, deberase presentar adicionalmente:

• Para contratos cun importe entre 15.000 e 60.000 euros, deberanse presentar tres ofertas económicas ou unha memoria explicativa no caso de que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que presten o servizo.

• Para contratos superiores a 60.000 euros, deberanse presentar tres ofertas económicas ou unha memoria explicativa no caso de que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que presten o servizo, ademais do contrato ou acordo por escrito. Pola súa vez, deberá obterse do órgano xestor unha autorización previa á sinatura do acordo ou contrato.

• Para aqueles contratos que requiran de aprobación previa, establécese como data límite para solicitar o trámite da autorización previa o 30 de setembro, para garantir a execución das accións contratadas. Exceptúase desta data límite aqueles casos nos que se requira de novas contratacións como consecuencia dunha revisión do PPeC ou daqueles contratos para medidas de PPeC plurianuais que se vaian executar no ano seguinte. En ambos os casos, poderase solicitar de maneira motivada a autorización fóra do prazo establecido.

• Para aqueles contratos que requiran de aprobación previa, a entidade deberá elaborar unha memoria técnica da actividade que vai subcontratar na que se poña de manifesto a incapacidade da entidade para realizar de modo directo a actividade, recolla os aspectos técnicos e económicos relevantes da actividade que vai subcontratar, definindo o alcance e o custo dos diferentes compoñentes, así como aqueles aspectos necesarios para asegurar a calidade dos traballos e toda aquela información adicional que sexa necesario pór á disposición dos subcontratistas para garantir que o proxecto poida chegar a un bo fin e do estrito cumprimento da lexislación de axudas aplicable.

• No caso de non resultar elixida a opción máis vantaxosa economicamente, deberase achegar unha memoria explicativa dos motivos da elección.

• No caso de obras que dean lugar ou que afecten bens inmobles, deberase elaborar unha acta de non inicio emitida polo órganos xestor, e que debe ser solicitada con carácter previo ao comezo da obra, nos termos do artigo 33 destas bases reguladoras.

2.2. Adquisición de bens e subministracións.

Definición: os gastos derivados da obtención daqueles bens e subministracións cuxa necesidade se acredite indubitadamente como necesarios para a realización da medida.

Cálculo da axuda: segundo os importes de gasto acreditados nas facturas xustificativas.

Xustificación:

– Facturas detalladas de provedores externos emitidas con posterioridade á sinatura do correspondente contrato ou acordo, de ser o caso.

– Xustificante de pagamento por transferencia bancaria.

– Contrato ou acordo por escrito cando a operación supere os 15.000 euros, no que debe figurar a descrición dos bens ou subministracións adquiridas, desagregados e coas súas características técnicas fundamentais, así como o prezo total e unitario acordado.

– Memoria xustificativa. Incluirase a xustificación de posibles incidentes relativos á contratación.

– En función do importe do contrato, deberase presentar adicionalmente:

• Para contratos ou acordos cun importe entre 15.000 e 60.000 euros, deberanse presentar tres ofertas económicas ou unha memoria explicativa no caso de que polas súas especiais características non exista no mercado un número suficiente de entidades que presten o servizo.

• Para contratos ou acordos superiores a 60.000 euros, deberanse presentar tres ofertas económicas ou memoria explicativa no caso de que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que presten o servizo, e o contrato ou acordo por escrito. Pola súa vez, deberá obterse do órgano xestor unha autorización previa á sinatura do acordo ou contrato.

• No caso de non resultar elixida a opción máis vantaxosa economicamente, deberase achegar unha memoria explicativa dos motivos da elección.

2.3. Convenios.

Definición: os acordos, que deberán formalizarse por escrito e recoller o obxecto deste, os traballos que se van realizar, o tempo de execución e o orzamento, debidamente desagregado por capítulos e sempre que concorran as seguintes circunstancias:

– Todas as partes que o subscriben teñen interese común en levar a cabo un proxecto conxunto. Non pode considerarse que existe ese interese común cando o interese dunha das partes consiste na realización do traballo e que este lle sexa sufragado (en todo ou en parte) por enmarcarse iso na actividade propia da entidade.

– O obxecto do convenio non se traduce en prestacións e contraprestacións das partes e non consiste no financiamento dun proxecto senón na realización deste, de tal forma que todas as partes contribúen ao desenvolvemento do proxecto poñendo en común os datos, os coñecementos e os elementos persoais e materiais con que conten.

– O proxecto debe xerar un resultado do que se beneficien todas as partes colaboradoras e do que fagan ou poidan facer uso todas elas.

– A xustificación dos gastos derivados do convenio farase mediante a presentación dunha conta xustificativa, que deberá incluír unha declaración de cada unha das actividades realizadas e o seu custo.

Cálculo da axuda: segundo os importes do gasto acreditados nas facturas xustificativas.

Xustificación:

– Convenio de colaboración por escrito.

– Memoria xustificativa.

– Facturas detalladas de provedores externos.

– Xustificante de pagamento por transferencia bancaria.

2.4. Gastos de desprazamento e aloxamento para a asistencia a feiras, congresos, cursos, xornadas o eventos similares, que requiran de factura.

Definición: gastos de desprazamento (avión, tren e vehículo de alugueiro e gastos de aloxamento do persoal).

Estes gastos de asistencia a viaxe non deberán incluírse como gastos do titular, senón que se considerarán unicamente como gastos de xestión e deberán acreditarse mediante as facturas correspondentes.

Cálculo: financiaranse de acordo cos que correspondan segundo o grupo 2 previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, así como a Resolución do 24 do novembro de 2023, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de novembro de 2023, polo que se actualizan os importes das axudas de custo por razón do servizo en territorio nacional para gastos por aloxamento e manutención e da indemnización por uso de vehículo particular para o persoal empregado público da Xunta de Galicia.

Restricións: unicamente serán subvencionables os gastos de desprazamento e aloxamento para un máximo de tres persoas (persoal dado de alta na OPP e socios da OPP) por medida aprobada no PPeC.

Xustificación:

– Memoria xustificativa aprobada pola Xunta Directiva, que incluirá a liquidación individual dos gastos e incluirá a liquidación individual dos gastos de desprazamento e de aloxamento, que identifique para cada viaxe a persoa ou persoas que o realizan e a súa relación con algunha ou algunhas das medidas do PPeC.

As cantidades investidas en gastos de viaxe xustificaranse cos documentos orixinais e entenderanse así mesmo como tales as facturas orixinais das axencias de viaxe debidamente detalladas, os billetes orixinais e, se estes se extraviasen, a certificación da empresa coa que se fixo a viaxe na que se acredite o prezo do billete e a data efectiva da viaxe e non se poderán aceptar as que non cumpran os citados requisitos.

Os gastos de aloxamento xustificaranse con factura orixinal acreditativa do seu importe, que, en todo caso, incluído o de facturación feita por axencia de viaxes, deberá especificar, separadamente da manutención, a contía correspondente ao aloxamento, para efectos da xustificación desta última.

Os gastos de minibar e outros semellantes de tipo extra, aínda que incluídos en factura de hotel ou similar, non serán subvencionables.

Polo contrario, os de almorzo que se xustifiquen expresamente nas citadas facturas consideraranse elixibles, dentro das contías que para gastos máximos por aloxamento establece o Decreto 144/2001.

– Se é o caso, achegar a convocatoria da reunión, a orde do día, a relación de asistentes e o certificado de asistencia.

Artigo 30. Gastos non subvencionables

1. Non serán subvencionables os seguintes gastos:

a) En termos xerais, os gastos orixinados por unha mera reposición de elementos existentes, salvo que a nova adquisición teña características diferenciais significativas, ben pola tecnoloxía empregada ou polo seu rendemento, que xustifiquen o gasto.

Tampouco serán subvencionables os gastos orixinados por obras que supoñan a substitución de elementos deteriorados, obras de mantemento e reparación.

b) As retribucións ou salarios e as axudas de custo e gastos de desprazamento do persoal da organización, xa sexa de estrutura, contratado ou de socios da OPP, cando realicen tarefas relacionadas co funcionamento e xestión da organización.

c) As retribucións ou salarios do persoal de estrutura fóra dos expresamente admitidos nos artigos 28 e 29 destas bases reguladoras, así como os gastos de persoal non relacionados directamente con algunha medida do PPeC.

d) O arrendamento, a reparación, o mantemento e a conservación das infraestruturas e os equipos, o material de oficina e os servizos telefónicos, postais e telegráficos, así como calquera outro tipo de comunicación e, en xeral, os gastos destinados ao funcionamento administrativo, incluídos os abastecementos necesarios para o funcionamento normal das instalacións da OPP (auga, gas, electricidade, combustibles, etc.), sen prexuízo da súa posible elixibilidade como custos indirectos.

e) A adquisición de vehículos en todo caso, e o alugueiro de vehículos necesarios para o funcionamento habitual da entidade beneficiaria.

f) O IVE, excepto o IVE non recuperable cando sexa custeado de forma efectiva e definitiva por persoas beneficiarias distintas das persoas que non sexan ningún dos suxeitos pasivos aos que se refire o artigo 13.1 da Directiva 2006/112/CE, do 28 de novembro de 2006, relativa ao sistema común do imposto sobre o valor engadido.

g) O resto dos impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais ou sobre a renda.

h) Os custos indirectos dos gastos de xestión.

i) Xuros da débeda, excepto de subvencións concedidas en forma de bonificacións de xuros ou subvencións de comisións de garantía.

j) Adquisición de terreos non edificados e terreos edificados por importe que exceda o 10 % do gasto total subvencionable da operación de que se trate.

k) As compras de materiais e equipos usados.

l) A parte do custo de elementos de transporte que non estean directamente relacionados coa operación.

m) A adquisición de consumibles tales como combustible, aceite de motor, cebos e demais necesarios para o desempeño da actividade produtiva.

n) As cotas de pertenza a entidades.

o) Os gastos derivados do mantemento de certificacións.

p) Os custos derivados de actuacións que impliquen unha transformación do produto. Entenderase que o produto foi sometido a un proceso de transformación cando responda a algunha das actuacións dispostas polo Regulamento (CE) nº 852/2004 do Parlamento Europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, relativo á hixiene dos produtos alimenticios no seu artigo 2.1.m).

q) Os custos relacionados con investimentos a bordo, de acordo cos seguintes criterios:

I. Non sirvan para cumprir algún obxectivo da OCM.

II. Se traten de investimentos necesarios para cumprir a normativa comunitaria, salvo os casos de investimentos destinados a mellorar a selectividade ou dispositivos destinados a mellorar o control das capturas.

III. Incrementen a capacidade de pesca.

IV. Non sexan previstos de forma colectiva ou discriminatoria, isto é, que non se prevexa a instalación en todos os buques da OPP nos que sexa posible a súa instalación.

r) Os gastos relacionados coa subcontratación de traballos asociados ás definicións de «investigación fundamental», «investigación industrial» e «desenvolvemento experimental», de acordo co disposto no artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

En relación aos gastos desta letra, serán elixibles os gastos relacionados con traballos de desenvolvemento experimental nos casos de demostración, elaboración de proxectos piloto, ensaio e validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados.

s) As medidas que inclúan accións de comunicación dixital e por redes sociais, desenvolvemento de páxinas web e outras accións de comunicación, sen prexuízo daquelas dirixidas á consecución dos obxectivos descritos na OCM.

t) Os gastos vinculados con investimentos e melloras en lonxa.

u) Os gastos de subcontratación de terceiros para realizar labores de xestión, control e supervisión da execución das medidas do PPeC.

v) Os gastos necesarios para acreditar o cumprimento da normativa nacional, comunitaria ou de terceiros países, salvo naqueles casos nos cales os certificados ou informes sexan requiridos pola autoridade concedente da axuda.

Artigo 31. Criterios de valoración específicos

1. Os criterios xerais de valoración destas axudas son os do programa operativo do FEMPA, recollidos no artigo 9 desta orde.

2. Os criterios específicos adecuaranse ao establecido no documento Criterios de selección FEMPA, aprobados polo Comité de Seguimento. En concreto, deberán obedecer ao seguinte:

a) Criterio ambiental: entenderanse como tales aquelas medidas dirixidas á consecución do obxectivo de eficiencia enerxética.

b) Criterio social: entenderanse aqueles que respondan ao criterio de interese colectivo.

c) Criterio técnico: entenderase como tal a propia aprobación do PPeC por parte das autoridades competentes responsables da xestión da OPP.

d) Criterio específico: a aprobación dos PPeC, así como os seus correspondentes informes anuais, mediante resolución do órgano competente da Consellería do Mar.

Artigo 32. Normas en materia de subcontratación

1. Poderán ser obxecto de subcontratación aquelas actividades aprobadas no Plan de produción e comercialización que formen parte da actuación subvencionada, pero que non poidan ser realizadas pola entidade beneficiaria de modo directo.

En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo da actividade subvencionada, non acheguen valor engadido ao contido desta, tal e como dispón o artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. O orzamento global da actividade subcontratada poderá alcanzar o 100 % do orzamento, sen prexuízo de que a correspondente convocatoria estableza outro distinto. O contrato de subcontratación debe celebrarse por escrito e estar autorizado previamente polo órgano concedente, nos casos establecidos no artigo 27.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Non poderá subcontratarse con entidades que formen parte da OPP ou estean vinculadas a esta. Tampouco nos supostos que prohíbe o artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Considerarase que unha entidade está vinculada cando:

– Posúa a maioría dos dereitos de voto dos membros.

– Teña dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección o control.

– Exerza unha influencia dominante en virtude dun contrato ou cláusula.

– Controle a maioría dos dereitos de voto dos membros en virtude dun acordo celebrado.

4. Cada unha das persoas beneficiarias é responsable de asegurar o cumprimento das normas de contratación públicas que sexan de aplicación. Non poderán contratar entre persoas beneficiarias para realizar medidas recollidas no PPeC nin contratar traballadores que pertenzan á entidade como prestadores de servizos externos ou asesoramento, no caso de que interveñan como provedores ou prestadores de servizos na execución dunha medida do PPeC, a actividade no será subvencionable.

Artigo 33. Certificación de non inicio e fin da obra

1. Nos casos de obras ou adquisición de equipos e subministracións que impliquen unha obra, un funcionario designado pola Consellería do Mar deberá levantar acta de non inicio antes de comezala, por petición da OPP que corresponda.

A realización da acta de non inicio, en ningún caso implica dereito nin mérito para a concesión da axuda.

2. A solicitude da «acta de non inicio» deberá ser dirixida ao órgano da consellería do Mar competente para aprobar os informes de actividade dos PPeC, que determinará se a petición é pertinente ou non. No caso de ser pertinente, levantará a dita acta de non inicio, e no caso contrario, comunicaralle por escrito á OPP que non procede.

3. A solicitude acompañarase da seguinte documentación:

a) Memoria descritiva dos aspectos técnicos e económicos do investimento.

b) Proxecto visado e, se é o caso, planos e catálogos descritivos.

c) Orzamentos ou facturas pro forma detallados o máximo posible.

4. No caso de que a visita deba levarse a cabo noutra comunidade autónoma, esta certificación poderá ser emitida polos seus servizos correspondentes. No caso de que deba realizarse no estranxeiro, a certificación poderá emitirse por unha entidade ou organismo habilitado e debidamente acreditado, coa inescusable intervención das autoridades españolas correspondentes (embaixada, consulado ou outras con capacidade para levala a cabo).

Sen prexuízo do anterior, o órgano competente poderá designar ao seu persoal propio para que se desprace fóra da comunidade autónoma para os efectos de levar a cabo a visita in situ e a posterior certificación de non inicio. Os gastos do dito desprazamento correrán por conta do solicitante da axuda.

5. No caso de non solicitar a dita acta, a medida non será subvencionable.

6. A realización da acta de non inicio poderá dar lugar ao pagamento das taxas que correspondan.

7. Unha vez feito o proxecto, a OPP deberá solicitar ao órgano da Consellería do Mar competente para aprobar os informes de actividade dos PPeC, a «acta da fin da obra» antes de que remate o ano no que se executa o PPeC.

Unha vez feita a solicitude, farase unha visita de fin de obra co obxectivo de verificar que se levou a cabo o proxecto. Esta visita terá lugar, como moi tarde, ata a data establecida para tal efecto na resolución que aproba o PPeC ou, no seu defecto, ata a data máxima do informe anual das actividades.

8. A OPP xunto coa solicitude da fin da obra deberá achegar as facturas definitivas que xustifiquen que o investimento foi levado a cabo.

9. Os servizos da Consellería do Mar emitirán a «acta de fin de obra» antes da data de sinatura da resolución pola que se aproba o informe anual das actividades derivado do PPeC que corresponda.

No caso de que a visita deba facerse noutra Comunidade Autónoma, esta certificación poderá ser emitida polos seus servizos correspondentes. No caso de que teña que levarse a cabo no estranxeiro, a certificación poderá ser emitida por unha entidade ou organismo habilitado e debidamente acreditado, coa inescusable intervención das autoridades españolas que correspondan (embaixada, consulado ou outras con capacidade para realizala).

10. A Consellería poderá, en calquera momento, facer as comprobacións que considere oportunas para verificar a efectiva e correcta realización dos investimentos.

CAPÍTULO III

Axudas destinadas á creación e consolidación de organizacións
de produtores pesqueiros e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros. Código de procedemento PE155D

Artigo 34. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as organizacións de produtores pesqueiros (OPP) e as asociacións de organizacións de produtores pesqueiros (AOP) recoñecidas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a partir do 1 de xaneiro de 2014, inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros o no Rexistro de Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros, que establece o artigo 8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

Artigo 35. Requisitos específicos

1. Ademais dos requisitos xerais establecidos no artigo 3, as entidades beneficiarias destas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos específicos:

a) Ser recoñecida como unha OPP ou AOP no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Estar inscrita no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros ou no Rexistro de Asociacións de Organizacións de Produtores Pesqueiros, establecidos no artigo 8 do Real decreto 277/2016.

c) Recibir a notificación da resolución favorable da Administración competente de recoñecemento da OPP/AOP a partir do 1 de xaneiro de 2014.

d) No caso das OPP, ter presentados desde a data de recoñecemento e ata a data de solicitude da axuda, os correspondentes PPeC e obter a súa aprobación.

e) No caso das OPP, presentar desde a data de recoñecemento e ata a data de solicitude da axuda, os correspondentes informes anuais dos PPeC e obter a súa aprobación.

f) Non recibir nos cinco primeiros anos desde o seu recoñecemento total das axudas á creación previstas para as ditas organizacións profesionais. No caso de que a entidade beneficiaria percibise esta axuda noutra convocatoria, soamente poderán solicitarse e terse en conta para o cálculo da axuda as anualidades que quedasen pendentes de apoio financeiro no dito período de cinco anos.

A organización deberá indicar na solicitude para cal das cinco anualidades solicita a axuda e o período que corresponde para cada unha delas.

2. Deben manter os requisitos anteriores durante cinco anos despois da data contable do último pagamento da axuda.

Artigo 36. Gastos subvencionables

1. Poderá concederse unha axuda polo 75 % dos gastos de xestión das organizacións profesionais dos sectores da pesca e da acuicultura durante os cinco anos civís seguintes á data do recoñecemento.

2. Os gastos de xestión mencionados serán os gastos de constitución e funcionamento efectivamente pagados pola organización profesional e que correspondan aos seguintes conceptos:

a) Gastos xerados polos traballos preparatorios de constitución da organización e gastos de elaboración da acta constitutiva e dos seus estatutos se fose necesario para adaptarse á normativa que regula as organizacións de produtores pesqueiros no marco establecido polo Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, modifícanse os regulamentos (CE) nº 1184/2006 e (CE) nº 1224/2009 do Consello e derrógase o Regulamento (CE) nº 104/2000 do Consello, así como os derivados da modificación destes e gastos administrativos asociados.

As facturas que xustifiquen este gasto deberán estar emitidas a nome da persoa beneficiaria.

b) Os gastos de persoal: soldos e salarios, gastos de formación, cotizacións sociais. Consideraranse os gastos de persoal non imputados ás medidas dos PPeC.

c) Os honorarios por servizos ou asesoría técnica contratada para o mellor funcionamento da OPP. Non se incluirán traballos relacionados coa execución e preparación do PPeC.

d) Os gastos indirectos: aboarase a cantidade acreditada por medio da documentación xustificativa presentada das seguintes categorías:

– Subministracións (luz, auga, teléfono, gas).

– Os gastos de material de oficina e de amortización, ou derivados do arrendamento do equipamento de oficinas.

– Os gastos xerados polos medios de que dispoñen as organizacións para o transporte do persoal.

– Os gastos de alugueiro ou, no caso de compra, gastos por xuros realmente aboados, e outros gastos derivados da ocupación dos edificios destinados ao funcionamento administrativo das organizacións de produtores.

– Os gastos de seguros conexos ao transporte do persoal, aos locais administrativos e ao equipamento destes.

– Os gastos relacionados coa obtención de avais necesarios para o financiamento externo para a realización dos PPeC, cando cumpran co establecido no artigo do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) 966/2012.

3. O importe dos gastos de xestión definidos no punto 2 deberá determinarse a partir de documentos comerciais e contables que teñan valor probatorio.

4. Para o cálculo e xustificación dos gastos de persoal procederase conforme o disposto no punto 1.1 gasto de persoal que se recolle no artigo 29 destas bases reguladoras

5. Nos casos de reestruturación derivados de procesos de fusión ou escisión poderán ser subvencionables unicamente os gastos de xestión das organizacións afectadas por novas resolucións de recoñecemento por parte da Administración competente en cada caso.

6. Cando a persoa beneficiaria da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables deberán cumprir o establecido no artigo 31.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

7. Non se poderá optar a recibir axudas á consolidación naquelas anualidades en que se percibiron axudas á creación.

Artigo 37. Cálculo e contía da axuda

1. O importe final elixible da axuda, por organización profesional e ano, non poderá superar o 1 % da media do valor da produción comercializada pola organización profesional durante os tres anos anteriores á solicitude da axuda cun máximo de 100.000 euros.

O cálculo da produción obterase da suma do valor da produción comercializada por cada un dos membros que compoña a OPP. O resultado que declare a organización de produtores contrastarase cos datos estatísticos oficiais dispoñibles en aplicacións, bases de datos e noutras fontes oficiais. En caso de detectar discrepancias, terase en conta o disposto nestes últimos.

2. A axuda concederase durante os cinco primeiros anos civís seguintes á data do recoñecemento.

3. No caso de que nun ano a axuda concedida non acadase o máximo anual que se vai percibir, na seguinte convocatoria poderase incrementar o límite máximo nun importe igual á diferenza entre o máximo anual que se vai percibir e a axuda concedida, a condición de que este importe a incrementar non exceda o 30 % do límite anual establecido. Este incremento unicamente poderá aplicarse respecto do ano anterior e non poderá acumularse en anos sucesivos.

Artigo 38. Criterios de valoración específicos

1. Sen prexuízo dos criterios xerais do programa operativo do FEMPA, establecidos no artigo 9 desta orde, os criterios específicos adecuaranse ao establecido no documento Criterios de selección do FEMPA, en concreto:

a) Criterio ambiental: puntuarase conforme o desenvolvemento de actividades dirixidas á consecución do obxectivo de eficiencia enerxética por parte da organización.

b) Criterio social: entenderanse aqueles que respondan ao criterio de interese colectivo.

c) Criterio técnico: entenderase como tal o propio recoñecemento da organización por parte das autoridades competentes responsables da xestión da OPP e o mantemento deste, segundo o resultado dos controis periódicos previstos na normativa.

d) Criterio específico: entenderase o propio recoñecemento da organización por parte das autoridades competentes responsables da xestión da OPP e o mantemento deste, segundo o resultado dos controis periódicos previstos na normativa.

2. En caso de empate, dirimirase o resultado en función do valor da produción comercializada no exercicio anterior á solicitude, e establecerase a orde de menor a maior produción.

3. Ordenadas todas as solicitudes, atenderase ao pagamento destas co crédito que indique a convocatoria correspondente. De non acadar o orzamento para atender todas as peticións, ratearase o importe global máximo destinado entre as entidades beneficiarias, atendendo á puntuación obtida na valoración dos criterios.

Disposicións adicionais e derradeiras

Disposición adicional única. Normativa aplicable

No non previsto nesta orde observarase o que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, modificado polo Real decreto 703/2020, do 28 de xullo; así como o Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal, e polo que se modifican o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros.

Así mesmo, será de aplicación o disposto na normativa comunitaria, en concreto, o Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004; Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional; ao Fondo Social Europeo Plus; ao Fondo de Cohesión; ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración; o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2024

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar