DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 11 de outubro de 2024 Páx. 54241

IV. Oposicións e concursos

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 3 de outubro de 2024 pola que se aproba a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, do posto da persoa titular da Vicesecretaría Xeral da institución.

Vista a proposta formulada polo secretario xeral para a adscrición, polo sistema de libre designación, do posto da persoa titular da Vicesecretaría Xeral da institución,

RESOLVO:

Ao abeiro do establecido no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, aprobar a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, do posto de traballo da persoa titular da Vicesecretaría Xeral, conforme as seguintes bases:

Primeira. Apróbase a convocatoria para a adscrición, polo sistema de libre designación, do posto de traballo da persoa titular da Vicesecretaría Xeral da institución, que figura na vixente relación de postos de traballo (posto número 3; BOPG nº 33, do 4 de xuño de 2024).

As características do posto son as seguintes:

1. Grupo de titulación: A[1] (A1[2]).

2. Nivel de complemento de destino: 30.

3. Administración: pertenza como persoal funcionario/a de carreira ao grupo A (A1).

4. Titulación: licenciatura/grao en Dereito.

5. Funcións que se desenvolverán (art. 20 bis do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo):

a) A suplencia das persoas titulares da Secretaría Xeral e/ou da Coordinación Xeral, nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención o recusación.

b) A programación das necesidades de persoal da institución, a coordinación na elaboración da relación de postos de traballo e a xestión do persoal adscrito á institución.

c) A organización e o control do funcionamento dos servizos administrativos do Valedor do Pobo e dos seus órganos adscritos.

d) A secretaría da Comisión da Transparencia de Galicia e o impulso dos seus expedientes.

e) O asesoramento e realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico que lle sexan encomendados pola persoa titular da institución ou da secretaría xeral.

f) A xestión da información pública que se encontre no portal de transparencia da institución e dos órganos adscritos, o adecuado trámite das solicitudes de información pública dirixidas ao Valedor do Pobo, así como a xestión da información á cidadanía en materia de transparencia.

g) Exercer como vogal e secretario da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante.

h) Calquera outra función que lle atribúa o Valedor do Pobo ou os plenos dos órganos colexiados adscritos.

6. Centro directivo: Valedor do Pobo.

Segunda. Poderá concorrer á convocatoria o persoal funcionario de carreira de calquera Administración pública, pertencente ao grupo indicado do posto a que opta.

Terceira. O persoal funcionario interesado poderá presentar a súa solicitude no Rexistro Xeral do Valedor do Pobo, rúa do Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares indicados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para participar nesta convocatoria, a persoa interesada deberá formalizar a súa petición de acordo co modelo que se inclúe no anexo da presente resolución.

Na solicitude deixarase constancia dos datos do posto que viñese desempeñando e dos méritos que desexe alegar.

As persoas aspirantes deberán achegar coa súa solicitude un curriculum vitae en que farán constar os títulos académicos, estudos, cursos realizados, anos de servizo e postos de traballo desempeñados na Administración, e outros méritos que se considere oportuno poñer de manifesto, e farán constar detalladamente as características dos postos que viñesen desempeñando.

Deberán xustificarse documentalmente os méritos alegados; os non probados non se terán en conta.

Cuarta. De conformidade co disposto no artigo 7.l) do Regulamento de organización e funcionamento do Valedor do Pobo, corresponde ao Valedor do Pobo a resolución desta convocatoria.

Quinta. A resolución da convocatoria, coa adxudicación do posto a calquera das persoas funcionarias de carreira solicitantes que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño; ou coa súa declaración como deserta, por considerar que ningunha das persoas candidatas reúne as características adecuadas para o posto de traballo, ou non reúne a idoneidade necesaria para o seu desempeño, ou por non se presentar ningunha solicitude, farase pública no Diario Oficial de Galicia.

Sexta. O prazo de toma de posesión da persoa seleccionada será de tres (3) días hábiles, de estar o destino anterior na mesma localidade; de sete (7) días, se comporta cambio de residencia; ou de vinte días (20), se comporta o reingreso no servizo activo.

O prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte ao do cesamento nese destino, se é o caso, que deberá producirse dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución da libre designación.

Se a resolución comporta o reingreso no servizo activo, o prazo de toma de posesión comezará a contar desde o día seguinte á súa publicación.

Sétima. Contra a resolución pola que se aproba esta convocatoria, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer, potestativamente, recurso de reposición perante o Valedor do Pobo no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de acordo co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2024

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

[1] Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 20 do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia.

[2] Grupo de clasificación profesional de acordo co artigo 42 da Lei 2/2015, de 29 de abril, do emprego público de Galicia.

missing image file