DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 15 de outubro de 2024 Páx. 54524

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2024, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se lle dá publicidade á modificación dos estatutos da Federación Galega de Hóckey.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

Ao abeiro desta competencia, aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, coa finalidade de promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha parte esencial do desenvolvemento da actividade deportiva na comunidade galega a constitúen os axentes deportivos, entre os cales a normativa legal recolle as entidades deportivas, entidades que se agrupan en fórmulas asociativas sinxelas ou complexas xurdidas como froito das necesidades comúns nos logros de obxectivos na práctica das diversas modalidades deportivas e que, en virtude do disposto na normativa de aplicación, deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, regulado no Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de deportes (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes) a competencia para aprobar os estatutos das federacións deportivas galegas de conformidade co disposto no artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

Os estatutos das federacións deportivas galegas e as súas modificacións publicaranse no Diario Oficial de Galicia, logo de aprobación destes pola Administración autonómica, de acordo co previsto no artigo 54.7 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, logo de súa inscrición e depósito, e en uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Darlles publicidade aos estatutos da Federación Galega de Hóckey, que figuran como anexo, de conformidade coa Resolución de aprobación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 19 de setembro de 2024.

Contra a dita resolución, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2024

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Estatutos da Federación Galega de Hóckey

TÍTULO I

Disposicións xerais

CAPÍTULO I

Denominación, natureza xurídica, obxecto social e domicilio

Artigo 1

A Federación Galega de Hóckey (en diante, FGH), é unha entidade asociativa privada, con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, que se rexe pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, polo Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, e pola Resolución do 8 de setembro de 2009, da Secretaría Xeral para o Deporte (en diante, SXPD), pola que se ditan as Normas do bo goberno das federacións deportivas de Galicia.

O seu ámbito de territorialidade comprende a Comunidade Autónoma de Galicia no desenvolvemento das competencias que lle son propias, e está integrada polas entidades deportivas, deportistas, técnico/as, adestradores/as, xuíces/zas e árbitros/as, e outros colectivos dedicados á práctica do deporte do hóckey.

A FGH, ademais das competencias que lle son propias, exerce por delegacións funcións públicas de carácter administrativo actuando como axente colaborador da Administración pública.

Así mesmo, a FGH acóllese ao réxime de entidades prestadoras de servizos sociais previsto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Artigo 2

A FGH organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente do dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e nas disposicións vixentes, e pode adquirir, para os seus propios fins, bens de todas clases, mobles e inmobles, contratar e obrigarse para o cumprimento dos seus fins e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

a) A FGH encóntrase integrada na Real Federación Española de Hóckey (en diante, RFEH), exerce de maneira exclusiva a representación oficial desta dentro da Comunidade Autónoma de Galicia no referente ao deporte do hóckey e conserva en tal integración a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular.

b) A FGH non admite ningún tipo de discriminación, por ela ou polos seus membros, por razón de nacemento, raza, sexo, política, relixión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

c) A lingua galega, como lingua propia da Comunidade Autónoma de Galicia, tamén o é da FGH, en réxime de cooficialidade coa lingua castelá. Os órganos da FGH garantirán o uso normal e cooficial dos dous idiomas. Ninguén poderá ser discriminado por razón da lingua.

d) A FGH observará os principios de lealdade, integridade e deportividade, de acordo cos principios do xogo limpo.

Artigo 3

A FGH ten como obxecto social promocionar, dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concorrentes das distintas administracións públicas, as actividades propias da súa modalidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estes estatutos e os seus regulamentos, polos da RFEH, no que sexan aplicables, e polas disposicións que dite a Xunta de Galicia e, supletoriamente, a Administración do Estado.

A FGH é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para promocionar, regulamentar, organizar e controlar as competicións oficiais, cursos e programas de hóckey herba e hóckey sala.

Así mesmo, a FGH ten como obxecto social facilitar a integración social a persoas en situación ou risco de exclusión social, situación de dependencia, conflito ou desamparo, desigualdade e desprotección, proporcionando oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral.

Artigo 4

A FGH, dentro da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, exercerá as funcións que lle atribúan os seus estatutos, así como aquelas de carácter público que se delegan desta lei.

a) Exercerá como funcións propias as seguintes:

1. A convocatoria das seleccións deportivas da súa modalidade deportiva e a designación dos deportistas que as integren.

2. Colaborar coas administracións públicas e coa RFEH, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción das súas respectivas modalidades.

3. Colaborar coa Administración deportiva autonómica na execución dos plans e programas dos deportistas galegos de alto nivel.

4. Se é o caso, e de conformidade coa normativa que sexa de aplicación, colaborar ou organizar as competicións oficiais e actividades deportivas de carácter estatal ou internacional que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Elaborar os seus propios regulamentos deportivos.

6. Colaborar coa Administración deportiva autonómica na formación de adestradores/as, xuíces/zas e árbitros/as segundo a normativa que sexa de aplicación.

7. Deseñar, desenvolver e prestar servizos sociais destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, de conformidade coa Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

8. Os actos adoptados pola FGH no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso administrativo perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva. Estes actos e/ou acordos adoptados pola FGH serán publicados no seu taboleiro de anuncios, así como na súa páxina web www.fghockey.gal

b) Son funcións públicas delegadas, e exerceraas en réxime de exclusividade a FGH, as seguintes:

1. Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas da súa modalidade, de conformidade coa normativa que lle sexa de aplicación.

2. Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.

3. Expedir licenzas deportivas para a práctica da súa modalidade deportiva nos termos establecidos nesta lei.

4. Asignar as subvencións e axudas de carácter público concedidas a través da FGH e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.

5. Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento dos seus respectivos estatutos.

6. Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos por esta lei e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo cos seus respectivos estatutos e regulamentos.

7. Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

8. Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, control e represión do uso de substancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como a violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, a FGH instruirá e resolverá os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se tramiten, de conformidade co establecido no título VIII da Lei do deporte de Galicia.

9. Calquera outra que regulamentariamente se determine.

Artigo 5

O domicilio da FGH establécese no local federativo nº 5 da Xunta de Galicia, situado no Campo de Fútbol O Couto, na rúa Carlos Maside, s/n, 32002 Ourense.

A Presidencia poderá acordar o cambio de domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega, será necesario o acordo maioritario da Asemblea Xeral; en ambos os casos, o traslado do domicilio social deberá ser notificado aos afiliados e á SXPD. Presidencia, pola súa banda, poderá establecer delegacións da FGH nas cidades de Galicia que coide conveniente, e dará conta diso á Asemblea Xeral no prazo de dez (10) días.

CAPÍTULO II

Requisitos para ser membro da Federación Galega de Hóckey.

Dereitos e deberes

Artigo 6

As asociacións, clubs e entidades deportivas poderanse integrar por petición propia na FGH, a través da delegación provincial que lles corresponda por situación xeográfica e o seu domicilio social. Para iso é preciso que no momento da súa inscrición dispoña dunha asemblea, e deberá xuntar á solicitude a súa composición e o compromiso de celebrar anualmente unha asemblea ordinaria cuxa acta deberá ser remitida á FGH no prazo máximo de quince (15) días.

Será preciso, ademais do especificado anteriormente, que a dita asociación, club ou entidade deportiva teñan o seu domicilio social e desempeñen a súa actividade en Galicia, e, ao abeiro da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, estean integrados por persoas físicas e xurídicas con personalidade xurídica propia, capacidade de obrar e sen ánimo de lucro. Deben estar constituídos conforme os requisitos exixidos para cada modalidade pola lexislación vixente, inscritos no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, comprometerse a cumprir os estatutos e regulamentos da FGH e someterse á autoridade dos órganos federativos en relación coas materias da súa competencia.

Os mesmos criterios e requisitos, no que sexa de aplicación, rexerán para a integración na FGH dos deportistas, técnicos/as, adestradores/as, árbitros/as e outros colectivos interesados, se os houber.

Artigo 7

Enténdese por club deportivo as entidades deportivas integradas por persoas físicas ou xurídicas que teñan por obxecto a promoción ou a práctica do hóckey polos seus asociados, así como a participación en actividades ou competicións deportivas. Todos os clubs se deberán inscribir no correspondente Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Os membros das xuntas directivas non poderán figurar en máis dun club ou entidade deportiva que participen ou teñan intereses en idéntica competición oficial.

O recoñecemento, para efectos deportivos, dun club acreditarase mediante a certificación da inscrición a que se refire o punto anterior se non se cumpre o dito requisito, a FGH queda con poder de non admitilo a participar.

Para participar en competición oficial, os clubs deberán inscribirse primeiro na delegación provincial correspondente, esta inscrición deberase facer a través da delegación provincial cando estean integrados na FGH.

Artigo 8

Os dereitos dos clubs serán os seguintes:

a) Intervir na elección da Presidencia da FGH, sempre que forme parte da Asemblea Xeral e de conformidade co previsto nos estatutos e normas concordantes.

b) Participar nas competicións que corresponda.

c) Concertar encontros amigables con outros clubs ou equipos nacionais que pertenzan a federacións autonómicas afiliadas á RFEH, así como organizar cursos de adestradores/as, árbitros/as e outras actividades relacionadas co deporte do hóckey, en datas compatibles coas sinaladas para a competición oficial e coa autorización previa das súas respectivas delegacións provinciais e da FGH.

Para organizar ou participar nun encontro ou torneo con equipos estranxeiros deberá presentar a solicitude á RFEH, a través da FGH, no prazo dos vinte (20) días anteriores, achegando información relativa ao seu carácter deportivo.

d) Todo club que abandone a actividade deportiva durante unha (1) temporada perderá todos os dereitos. Para volver a adquirilos, terá que participar durante dúas (2) tempadas consecutivas.

Artigo 9

As obrigas dos clubs serán as seguintes:

a) Cumprir con espírito deportivo os estatutos, regulamentos e demais normas da FGH.

b) Poñer á disposición da FGH e das súas delegacións provinciais os seus terreos de xogo (propios ou en alugueiro).

c) Contribuír ao sostemento económico da FGH e das súas delegacións provinciais, aboando as correspondentes cotas e dereitos na forma e no tempo que aprobe a Asemblea Xeral.

d) Aboar os dereitos de arbitraxe que segundo as normas federativas lles correspondan.

e) Manter a disciplina deportiva, evitando situacións de violencia ou animosidade con outros membros ou estamentos do hóckey.

f) Cubrir, atender e responder coa maior dilixencia as comunicacións que reciban dos organismos federativos e os auxiliares destes, facilitando cantos datos lles sexan solicitados.

g) Facilitar a participación dos/das xogadores/as e técnicos/as nos equipos autonómicos e nas actividades federativas de perfeccionamento técnico.

h) Coidar da máis perfecta formación deportiva dos/das seus/súas xogadores/as, facilitándolles os medios precisos para iso.

i) Recoñecer, para todos os efectos, as acreditacións expedidas pola SXPD da Xunta de Galicia, a FGH e as delegacións provinciais correspondentes, facilitándolles aos seus titulares a asistencia aos actos deportivos que organice e remitíndolles as invitacións oportunas.

Artigo 10. Baixas

Os clubs poderán causar baixa na FGH por propia decisión.

A Xunta Directiva da FGH, de oficio ou por proposta da delegación provincial correspondente, poderá acordar, ao final da tempada, a baixa oficial de todo club que non estea ao día no pagamento de licenzas, dereitos federativos ou de arbitraxes e sancións económicas firmes, sempre que se formulase o oportuno requirimento e transcorra un (1) mes sen efectuar o pagamento das cantidades debidas.

Os clubs que causaron baixa por non satisfaceren as débedas devindicadas non poderán volver inscribir mentres non satisfagan o importe total delas. Os directivos do club serán responsables das citadas débedas a partes iguais e non se poderán inscribir en ningún outro club sen o pagamento previo da súa parte correspondente ás citadas débedas, e os xogadores, sempre e cando sexan débedas por sancións federativas persoais.

Artigo 11

A integración na FGH comportará a integración automática e para todos os efectos na RFEH na mesma especialidade deportiva.

Artigo 12

A integración na FGH producirase mediante a expedición por parte desta da correspondente licenza federativa ou documento de afiliación ou inscrición. En todo caso, para a participación en actividades ou competicións deportivas oficiais e non oficiais de ámbito autonómico, expresamente autorizados pola FGH, será preciso estar en posesión de licenza ou documento de afiliación expedido pola FGH.

a) A licenza federativa é o documento expedido pola FGH que lle acredita ao seu titular, persoa física, a súa inscrición na FGH, e que se permite intervir nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos de goberno e de representación, autorizándoo a participar nas competicións oficiais e non oficiais que esta organice, respectivamente, e cantos outros dereitos e obrigas se establezan nestes estatutos e demais normas federativas. A licenza federativa estará sempre vinculada a un club ou selección convocada pola FGH.

b) Son requisitos para a concesión e vixencia da licenza federativa a subscrición previa da póliza do seguro de asistencia sanitaria propia do club ou a contratada pola FGH. Esta expedición será acordada pola Xunta Directiva da FGH. Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Artigo 13

Todos os membros da FGH teñen o dereito a recibir a tutela dela con respecto aos seus intereses deportivos comúns e individuais, así como a participar nas súas actividades e no funcionamento dos seus órganos, de acordo con estes estatutos e cos regulamentos internos daquela.

Os membros da FGH teñen, pola súa vez, o deber de acatar os acordos dos seus órganos, sen que isto obste para o seu dereito de recorrer – ante as instancias federativas competentes e, se é o caso, ante os tribunais de xustiza ou SXPD, segundo proceda – contra aqueles que consideren contrarios a dereito, e sen prexuízo de acudir á conciliación extraxudicial ou arbitraxe nos termos previstos nas leis.

CAPÍTULO III

Estrutura territorial

Artigo 14

A FGH estrutúrase territorialmente en delegacións.

Cada delegación quedará integrada polos clubs, deportistas, adestradores/as, e árbitros /as e outros colectivos, que correspondan ao ámbito territorial fixado pola Asemblea Xeral para cada delegación.

Artigo 15

As delegacións provinciais axustarán a súa actividade ás normas ditadas pola FHG a través dos órganos que correspondan e, directamente, da súa presidencia.

Artigo 16

Os titulares das delegacións serán nomeados e cesados pola Presidencia da FGH, de acordo co artigo 35 destes estatutos.

A composición do equipo directivo da delegación e a súa competencia será de libre facultade do titular da delegación, o cal lle dará conta á Presidencia da FGH.

TÍTULO II

Órganos de goberno e representación

CAPÍTULO I

Normas xerais

Artigo 17

Son órganos de goberno e representación da FGH a Asemblea Xeral e a Presidencia.

No seo da Asemblea Xeral deberase constituír unha comisión delegada de asistencia á Presidencia.

Artigo 18

a) Serán órganos electivos da FGH a Presidencia, a Asemblea Xeral e a Comisión Delegada no ámbito das súas respectivas competencias. Os membros dos demais órganos e comités serán designados e revogados libremente pola Presidencia da FGH.

b) O nomeamento ou renovación dos membros dos órganos de goberno e representación dos órganos complementarios, e dos comités que se poidan crear dentro da FGH, deberán ser comunicados a todos os membros da Asemblea e á SXPD nun prazo máximo de quince (15) días a partir da data de nomeamento.

c) Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e nos termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario, adoptaranse por maioría simple e, en caso de empate, a Presidencia terá o voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nestes estatutos.

d) A responsabilidade dos membros dos órganos da FGH no exercicio das súas funcións será exixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto nas normas disciplinarias en vigor e de acordo co previsto no título VIII destes estatutos.

e) Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da FGH, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

1. Ser maior de idade.

2. Non estar inhabilitado para ocupar cargos directivos ou de representación no ámbito deportivo por resolución firme na vía administrativa, ditada polo órgano disciplinario competente, nin estar inhabilitado para o desempeño de cargo público ou de representación por sentenza xudicial firme.

3. Non estar incuso nalgunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nestes estatutos.

4. Reunir os requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

CAPÍTULO II

Asemblea Xeral

Sección 1ª. Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 19

A Asemblea Xeral é o órgano superior de goberno e representación da FGH.

Artigo 20

A Asemblea Xeral estará constituída pola Presidencia da FGH e polos representantes dos clubs deportivos, deportistas, adestradores/as, árbitros/as e outros colectivos se os houber.

Os clubs deportivos non poderán ser membros da Asemblea Xeral se no momento da convocatoria de eleccións non figuran inscritos, desde xaneiro dos dous (2) anos anteriores ao ano de realización das eleccións, no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e con dúas (2) tempadas consecutivas competindo desde xaneiro dos dous (2) anos anteriores ao ano de realización das eleccións, como mínimo, nunha (1) competición oficial en Galicia cada tempada, sen prexuízo do establecido no Regulamento electoral que se aprobe, que se deberá axustar ao disposto na Normativa que para tal efecto estableza a Administración autonómica.

Os compoñentes da Xunta Directiva, por este só carácter, poderán asistir ás reunións da Asemblea, con dereito a voz, pero sen voto.

Artigo 21

A Asemblea Xeral está integrada por vinte (20) membros e a representación dos estamentos sinalados anteriormente responderán ás seguintes proporcións:

• Clubs deportivos: setenta (70) %, correspóndenlles catorce (14) membros.

• Deportistas: máximo vinte (20) %, correspóndenlles catro (4) membros.

• Adestradores/as: máximo cinco (5) %, correspóndenlles un (1) membro.

• Árbitros/as: máximo cinco (5) %, correspóndenlles un (1) membro.

Artigo 22

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da Asemblea Xeral e a de cada un dos estamentos.

Artigo 23

Os membros da Asemblea Xeral e a Comisión Delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade a que representan.

c) Expiración do mandato para o cal foi elixido.

d) Renuncia voluntaria ou dimisión.

e) Estar incurso en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estatuaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que desempeña.

g) Perda dos requisitos polos cales foron elixidos no seu respectivo estamento.

h) Manter débedas coa FGH.

Artigo 24

As vacantes que se produzan na Asemblea Xeral antes das seguintes eleccións xerais dela serán cubertas, dentro de cada estamento e de maneira sucesiva, polas candidaturas que no proceso electoral obtivesen maior número de votos despois dos/das que resultaron electos/as e, na falta destes/as, mediante a realización de eleccións parciais sempre que, neste último caso, as vacantes superen o vinte (20) % dos membros da Asemblea.

Os/as elixidos/as para ocuparen as vacantes a que se refire o punto anterior exercerán o seu mandato polo tempo que falte para a realización das seguintes eleccións xerais.

Sección 2ª. Competencias

Artigo 25

A Asemblea Xeral, en canto órgano máximo de representación da FGH, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Especialmente, son competencias da Asemblea Xeral as seguintes:

a) A participación e modificación dos estatutos da FGH, mediante asemblea extraordinaria.

b) A elección, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto da Presidencia e da Comisión Delegada da FGH, así como o cesamento e a moción de censura contra a Presidencia.

c) Aprobación e liquidación do orzamento anual da FGH.

d) Aprobación do programa ou calendario deportivo anual que se vaia desenvolver a FGH e das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

e) Aprobación das contas anuais no prazo máximo de seis (6) meses desde a finalización do exercicio.

f) Aprobación do Regulamento das eleccións á Asemblea, Presidencia e Comisión Delegada da FGH.

g) Aprobación do Regulamento de conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

h) Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva.

i) Calquera outra competencia da FGH que non estea expresamente atribuída por estes estatutos a outro órgano.

j) Autorizar o gravame e alleamento de bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débedas ou da parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da FGH ou o seu obxecto social. En todo caso, cando a súa contía non supere o vinte e cinco (25) % do orzamento anual, ademais do acordo da Asemblea Xeral será imprescindible o informe favorable da SXPD.

k) Aprobar o traslado do domicilio social a outra localidade, que deberá estar sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

l) Poderanse tratar na asemblea xeral, cando concorran razóns de especial urxencia, asuntos ou propostas que presenten a Presidencia ou a Xunta Directiva ata o mesmo día da sesión.

Artigo 26. Convocatoria

A Asemblea Xeral será convocada pola Presidencia da FGH, cun mínimo de dez (10) días naturais de antelación á data da súa realización, no taboleiro de anuncios da páxina web oficial da FGH (www.fghockey.gal), e deberá incluír necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar, ademais da notificación individual a cada un dos membros ao enderezo de correo electrónico facilitado por eles, cunha antelación de 48 horas. Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea sempre e cando os seus membros recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a asemblea será válida, sen necesidade doutro requisito, sempre que concorran a totalidade deles.

Á convocatoria e notificación persoal deberase xuntar a orde do día, así como a indicación da documentación concernente aos asuntos que se vaian tratar, que estará á disposición de todos os membros da asemblea, para o seu exame, no domicilio social da FGH durante os dez (10) días previos á data da súa realización ou mesmo se poderá presentar o propio día da sesión, nos supostos de urxencia previstos no punto 4 do artigo seguinte.

A orde do día poderá ser modificada, no sentido de incorporar novos puntos, por petición fundada dunha cuarta parte (1/4) dos membros da Asemblea Xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a todos os membros da Asemblea Xeral mediante a notificación e a publicación no taboleiro da páxina web da FGH cunha antelación mínima de tres (3) días hábiles ao da data de realización.

Artigo 27

A Presidencia da FGH deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria para tratar os asuntos propios da xestión ordinaria, a aprobación do calendario deportivo e das regras que rexerán a competición e o exame e consideración das propostas que formulen os membros da Asemblea, da Comisión Delegada, da Xunta Directiva e Presidencia, así como para a formulación das contas anuais e a memoria descritiva de actividades, que deberán ser aprobadas nun prazo máximo de seis (6) meses desde o peche do exercicio. Tamén se deberá convocar unha asemblea xeral ordinaria, durante o último trimestre do exercicio económico, para efectos de aprobar o orzamento correspondente ao seguinte exercicio.

Todas as demais asembleas terán carácter extraordinario e serán convocadas pola Presidencia da FGH sempre que o considere oportuno, ou por petición dun número de membros que integren a Asemblea non inferior ao vinte e cinco (25) %. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixido á Presidencia da FGH en que indiquen os puntos que compoñerán a orde do día. A Presidencia, no prazo máximo de dez (10) días naturais desde a entrada da petición no Rexistro da FGH, deberá convocar a Asemblea Xeral con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos, e coa orde do día solicitado, sen incluír ningún outro punto, terá lugar nun prazo non superior a vinte (20) días naturais desde a convocatoria.

En caso de negativa expresa da Presidencia a efectuar a convocatoria, ou pasados dez (10) días desde que a solicitude fose efectuada sen ter sido respondida, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, ante a SXPD, para a convocatoria dos órganos colexiados de goberno.

Cando a Presidencia da FGH aprecie a existencia dunha situación urxente que non permite demora na convocatoria da asemblea extraordinaria, poderá convocala sen suxeición a prazo nin requisito de forma ningunha, salvo a citación persoal dos asembleístas que poidan ser localizados nos domicilios que consten na FGH. En todo caso, a Asemblea requirirá, como mínimo, a presenza dos dous terzos (2/3) dos seus membros, e antes de analizar a orde do día pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa realización. En todo caso, nunha asemblea convocada desta forma non se poderán modificar os estatutos.

Tan só se poderán solicitar aclaracións e explicacións, con relación aos acordos adoptados en Asemblea Xeral, a través dos seus membros.

Sección 3ª. Constitución

Artigo 28

A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria, cando nela concorran a maioría dos seus membros.

En segunda convocatoria será válida for cal sexa o número de asistentes, e deberá mediar un mínimo de media hora entre a primeira e a segunda convocatoria.

Sección 4ª. Adopción de acordos

Artigo 29

A representación das entidades deportivas na asemblea xeral correspóndelle á Presidencia ou á persoa que, segundo os estatutos de cada entidade, lle corresponda. Ningunha persoa membro da Asemblea poderá desempeñar unha dobre representación nesta.

A Presidencia da FGH poderá acordar a realización de reunións do Pleno da Asemblea Xeral mediante a utilización de medios telemáticos que faciliten o seguimento e a xustificación que faga fe dos acordos destas, ou calquera outro sistema telemático alternativo que permita a realización de reunións. Este acordo seralles notificado aos membros da Asemblea Xeral e especificará:

• O medio, telemático ou electrónico, polo cal se remitirá a convocatoria.

• O medio, telemático ou electrónico, polo cal terá lugar a reunión.

• O medio, telemático ou electrónico, polo cal se poderá consultar a documentación relativa da orde do día e o tempo durante o cal estará dispoñible a información.

• O modo de participar en debates e deliberacións e o período de tempo durante o cal terán lugar.

• O medio de emisión do voto e o período de tempo durante o cal se poderá votar.

• O medio de difusión das actas das sesións.

• O sistema garantirá a seguridade, a integridade, a confidencialidade e autenticidade da información, e establecerase un servizo electrónico de acceso restrinxido para os membros da Asemblea Xeral.

Artigo 30

As votacións no seo da Asemblea Xeral realizaranse na forma e pola orde que a Presidencia estableza, e será esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas; se polo menos o vinte e cinco (25) % dos asistentes solicita unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da Asemblea Xeral.

Artigo 31

A Asemblea Xeral será presidida pola Presidencia da FGH, e o seu voto será de calidade en caso de empate. Os acordos adoptaranse por maioría simple de asistentes.

Para os efectos do cómputo de quórums e maiorías, cando estes se conformen cun número inexacto de asembleístas, computaranse sempre por exceso e con referencia ao número daquelas efectivamente existentes como membros da Asemblea, descontadas as vacantes.

Artigo 32

De todos os acordos adoptados pola Asemblea Xeral e a Comisión Delegada levantará a acta a Secretaría delas, en que se especificarán o nome das persoas que interviñeron e as demais circunstancias que se consideren oportunas, o contido dos acordos adoptados, o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

Os votos contrarios ao acordo adoptado ou as abstencións motivadas eximirán a quen os emita de calquera responsabilidade derivada de tales acordos.

Artigo 33

Os acordos da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada serán vinculantes e de obrigado cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a FGH e terán forza executiva a partir da data da súa adopción.

CAPÍTULO III

Comisión Delegada

Artigo 34

No seo da Asemblea Xeral deberase constituír unha comisión delegada que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da FGH.

A Comisión Delegada será elixida pola Asemblea Xeral na primeira reunión que esta celebre despois da súa constitución, mediante sufraxio entre os membros da Asemblea Xeral. O seu mandato coincidirá co da Asemblea Xeral.

O número de membros da Comisión Delegada será o quince (15) % dos membros da Asemblea Xeral e en ningún caso este número será inferior a cinco (5) nin superior a doce (12), máis a Presidencia, que pertence a ela como membro nato. En todo caso, deberase gardar a seguinte proporción:

• Un terzo (1/3) designado pola persoa titular da Presidencia da FGH.

• Un terzo (1/3) designado polas entidades deportivas; esta representación elixirase por e de entre elas.

• Un terzo (1/3) corresponderalles aos demais estamentos, en proporción á súa respectiva representación.

A Presidencia da FGH convocará a Comisión Delegada, que se reunirá, como mínimo cada catro (4) meses, para os fins da súa competencia ou, polo menos, para realizar o seguimento da xestión deportiva e económica da FGH.

Correspóndelle á Comisión Delegada da Asemblea Xeral:

1. A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

2. A modificación do calendario deportivo.

3. A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

4. O seguimento da xestión deportiva e económica da Federación.

5. Aqueloutras que expresamente lle fosen delegadas pola Asemblea Xeral, quen fixará os límites e criterios da delegación.

As modificacións non poderán exceder os límites e criterios que a propia Asemblea Xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na Comisión Delegada correspóndelle á Presidencia ou a dous terzos (2/3) dos membros da Comisión Delegada.

CAPÍTULO IV

A Presidencia

Artigo 35

A Presidencia da FGH exerce a representación legal da FGH e é, ademais, o órgano executivo dela.

O cargo de presidente/a da FGH poderá ser remunerado. O acordo para esta decisión e para determinar a contía da posible retribución á Presidencia deberá ser adoptada pola Asemblea Xeral da FGH en asemblea extraordinaria e requirirá o voto favorable da metade máis un do total de membros da Asemblea. Esta retribución deberá constar de maneira diferenciada no orzamento da FGH, e en ningún caso poderá ser satisfeita coas subvencións públicas que reciba a FGH. As funcións da Presidencia da FGH serán:

a) A Presidencia elixirá a súa xunta directiva e poderá incluír nela membros electos da Asemblea.

b) Convocar, presidir e moderar as sesións da Asemblea Xeral e da Comisión delegada, e executar os acordos adoptados polos ditos órganos.

c) Autorizar os gastos e ordenar os pagamentos a nome da FGH. Establécese sinatura mancomunada do presidente e tesoureiro para realizar operativa bancaria, tal como dispoñer de fondos en efectivo ou emitir transferencias, xirar recibos ao cobramento, devolver recibos ou calquera operativa bancaria.

Poderanse contratar outros produtos bancarios, incluíndo abrir e cancelar contas, necesarios para a operativa da FGH, coa única sinatura do presidente e logo da autorización da Xunta Directiva.

Para estes efectos, autorízase a solicitude e emisión dunha tarxeta de débito/crédito a nome da Presidencia ou quen esta designe, coa soa sinatura do presidente e cun límite aprobado pola Asemblea Xeral.

d) Nomear e cesar todos os membros dos órganos federativos non electivos, incluídos Xunta Directiva e presidentes dos comités da FGH.

e) Formalizar a contratación do persoal ao servizo da FGH.

f) Autorizar o gravame e alleamento de bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débedas ou da parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da FGH ou o seu obxecto social. En todo caso, cando a súa contía non exceda o vinte e cinco (25) % do orzamento anual.

g) Poderá comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sempre coa autorización previa da SXPD, cando o gasto anual comprometido supere o dez (10) % do orzamento ou exceda o período de mandato da Presidencia.

h) Concertar póliza, seguros e préstamos, con liberdade de pactos e condicións, con calquera entidade pública ou privada, e formalizar os contratos que sexan necesarios ou convenientes para a realización dos obxectivos da FGH, sen exceptuar os que traten sobre a adquisición ou o alleamento de bens, mesmo inmobles, cos requisitos que establecen estes estatutos, co límite de que a operación sexa inferior ao vinte e cinco (25) % do orzamento da FGH.

i) Convocar eleccións a representantes da Asemblea Xeral, Comisión Delegada e Presidencia da FGH, unha vez esgotado o mandato.

j) Outorgar poderes a procuradores dos tribunais e avogados.

k) Representar a FGH ante toda clase de organismos do Estado, comunidades autónomas, municipios, provincias e órganos institucionais de calquera índole, así como exercer as accións administrativas e xudiciais de calquera clase e instancia.

l) Acordar o cambio do domicilio social dentro da mesma localidade.

m) Constituír cantos órganos considere oportunos para o correcto desenvolvemento da FGH.

n) Dirixir os debates dos membros colexiados da FGH, dos cales sexa membro, e decidir os empates con votos de calidade.

o) Calquera outra competencia que non estea expresamente atribuída por estes estatutos ou outro órgano.

Artigo 36

A duración do cargo de presidente/a será de catro (4) anos.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a Presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considerarase dimisionaria toda a Xunta Directiva e a Comisión Delegada constituirase en Comisión Xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a Asemblea Xeral, e esta acordará unha nova elección de Presidencia para cubrir a vacante polo tempo que falte ata o remate do prazo correspondente ao mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, observarase o disposto no artigo 39 destes estatutos.

Artigo 37

O desempeño do cargo de presidente/a será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupacións de cargos directivos noutras federacións deportivas. Exceptúase a RFEH.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas ou clubs dependentes integrados na FGH.

c) A persoa que resulte elixida presidente/a da FGH deberá cesar en todo tipo de actividades directivas no hóckey e no ámbito territorial da FGH.

Non existirá incompatibilidade en ningún caso coa práctica activa do deporte.

Artigo 38

A Presidencia cesará:

a) Polo transcurso do prazo polo cal foi elixida.

b) Por dimisión.

c) Por incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Pola aprobación dunha moción de censura por parte da Asemblea Xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade. Neste último caso, dispoñerá dun prazo dun (1) mes para cesar no posto que resulte incompatible co de presidente/a.

Artigo 39. Moción de censura

A presentación dunha moción de censura contra a Presidencia da FGH axustarase aos seguintes criterios:

a) Non se poderá presentar durante os seis (6) primeiros meses de mandato, nin cando resten entre seis (6) meses e un (1) ano ata a data a partir da cal se poida realizar a convocatoria de eleccións, circunstancia para determinar polas normas da FGH.

b) A moción de censura deberá ser proposta e presentada, polo menos, pola terceira parte das persoas membros da Asemblea Xeral e incluirá necesariamente unha persoa candidata á Presidencia da FGH.

c) A presentación da moción de censura dirixirase á Xunta Electoral federativa, que deberá resolver o que proceda no prazo de dous (2) días hábiles.

d) Cando se acorde a admisión a trámite da moción de censura, a Presidencia da FGH deberá convocar a Asemblea Xeral nun prazo non superior a corenta e oito (48) horas, contados desde que lle sexa notificada a admisión. A Asemblea Xeral que debata sobre a moción de censura deberá ter lugar nun prazo non inferior a quince (15) días nin superior a trinta (30) días, contados desde que fose convocada.

e) Unha vez convocada a asemblea extraordinaria para o debate e a votación da moción de censura, e dentro dos dez (10) primeiros días seguintes ao desa convocatoria, poderanse presentar mocións alternativas. En ningún caso a moción de censura alternativa poderá ser subscrita por quen promovese a inicial.

f) A votación, que deberá ser secreta, seguirá o mesmo sistema que o previsto para a elección da Presidencia. Para que a moción de censura prospere e cese de forma automática a persoa que ocupa a Presidencia requirirase que, sometida a votación, sexa aprobada pola maioría absoluta das persoas membros da Asemblea Xeral. Se a moción de censura é aprobada, a persoa candidata que resulte elixida permanecerá no cargo polo tempo que reste ata a finalización do período de mandato da anterior Presidencia.

g) Se a moción é rexeitada pola Asemblea Xeral, as persoas signatarias non poderán presentar outra ata transcorrido un (1) ano, contado desde o día da súa votación e rexeitamento.

h) Informarase a través da páxina web da Federación da presentación da moción de censura e da data da convocatoria da Asemblea Xeral, así como do resultado.

i) Contra as decisións que adopten os órganos federativos en relación coa presentación, admisión, tramitación e votación de mocións de censura, ou de mocións alternativas, poderase recorrer ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva no prazo de cinco (5) días hábiles.

TÍTULO III

Órganos complementarios

Artigo 40

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da FGH para asistir a Presidencia:

a) Xunta Directiva.

b) Secretaría Xeral.

c) Tesouraría.

Artigo 41. Xunta Directiva

a) A Xunta Directiva é o órgano colexiado de xestión da FGH e os seus membros son designados e revogados libremente pola Presidencia.

O número de membros non poderá ser inferior a cinco (5) nin superior a quince (15).

A Presidencia elixirá de entre os membros da súa xunta directiva, un/unha vicepresidente/a, que o será tamén da FGH, quen substituirá a Presidencia por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal; un/a secretario/a que, pola súa vez, o será da FGH, así como un/unha tesoureiro/a. Tales cargos, tendo en conta que están baseados na confianza, poderán ser removidos pola Presidencia cando o considere conveniente, a cal dará conta das variacións ás súas delegacións.

Os membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso ás súas sesións, con dereito a voz, pero sen voto.

Todos os cargos son honoríficos e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos membros da Xunta Directiva, deberá ser expresamente acordada pola Asemblea Xeral e constar dunha maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a FGH.

b) A Presidencia da FGH nomeará un/unha secretario/a, o/a cal exercerá as funcións de fedatario/a e asesor/a, e máis especificamente:

1. Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da FGH, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.

2. Expedir as certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

3. Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da FGH ou lle sexan delegadas polo/a presidente/a.

c) A Tesouraría da FGH é o seu órgano de administración. Exercerá como funcións propias:

1. Levar a contabilidade da FGH.

2. Exercer a inspección económica de todos os órganos da FGH.

3. Elaborar e presentar informes á Comisión Delegada do estado contable da FGH.

Artigo 42

Para ser membro da Xunta Directiva non será necesario formar parte da Asemblea Xeral.

Artigo 43

Os membros da Xunta Directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Por vacante na Presidencia, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nos estatutos.

b) Por dimisión.

c) Por falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorreren en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade.

e) Por seren cesados directamente pola Presidencia.

Artigo 44

A Xunta Directiva, como órgano colaborador da Presidencia, non terá competencias propias e exercerá por delegación as que lle encomende a Presidencia, que poderá avogar e revocar para si en calquera momento.

Artigo 45

Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados pola Presidencia e Secretaría.

TÍTULO IV

Órganos técnicos e asesores

CAPÍTULO I

Comisións en xeral

Artigo 46

A FGH poderá crear, logo de aprobación pola Asemblea Xeral, cantas comisións técnicas precise, ademais das seguintes:

a) Comités de disciplina deportiva: Comité de Competición ou xuíz único e Comité de Apelación.

b) Comités de árbitros.

c) Dirección técnica (é opcional).

d) Dirección deportiva (é opcional).

Todas as comisións se rexerán polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da RFEH da mesma modalidade, pola lexislación aplicable e polo disposto nestes estatutos.

Tódos os presidentes dos comités serán nomeados pola Presidencia da FGH. A Secretaría da FGH intervirá como secretario/a de todos os comités sen voz e sen voto, salvo que sexa membro destes.

CAPÍTULO II

Comité de árbitros/as

Artigo 47

No seo da FGH constituirase, de maneira obrigatoria, un comité de árbitros/as no cal a súa presidencia será designada pola Presidencia da FGH. Este comité poderá adoptar a estrutura territorial da FGH. Serán funcións deste comité:

a) Establecer os niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os/as árbitros/as e propoñerlle á Xunta Directiva a adscrición ás categorías correspondentes.

c) Propoñer os/as candidatos/as a árbitros/as nacionais.

d) Propoñerlle á Xunta Directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral.

e) Designar os/as colexiados/as nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da FGH.

CAPÍTULO III

Órganos de disciplina deportiva

Artigo 48

Os órganos de disciplina deportiva son os órganos competentes para exercer a potestade disciplinaria que lle corresponde á FGH: xuíz/a único/a e Comité de Apelación.

a) O/a xuíz/a único/a deberá ser licenciado/a en Dereito e ter experiencia en materia xurídico-deportiva.

b) Contra as resolucións do/da xuíz/a único/a poderá interpoñerse recurso, ante o Comité de Apelación, que estará composto por un número impar de membros e cun/cunhaa secretario/a sen voz nin voto.

c) Os membros dos órganos disciplinarios serán nomeados pola Presidencia e a duración do seu cargo coincidirá coa da Presidencia que o nomea; durante o dito período só cesarán por renuncia ou dimisión, falecemento, incapacidade física ou psíquica, ou sanción que os inhabilite para o cargo.

TÍTULO V

Réxime electoral

CAPÍTULO I

Regulamento electoral

Artigo 49

Os procesos electorais desenvolveranse conforme a lexislación vixente, así como o Regulamento electoral, que deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral, por proposta de Presidencia, e regulará as seguintes cuestións:

a) Número de membros da Asemblea Xeral, circunscrición electoral que corresponda a cada un dos estamentos.

b) Calendario electoral.

c) Censo electoral.

d) Composición, competencias e funcionamento da Xunta Electoral.

e) Requisitos para a presentación e proclamación de candidatos/as. O termo para a presentación de candidatos/as á Presidencia e membros da Asemblea Xeral non poderá ser inferior a oito (8) días naturais.

f) Procedemento de resolución de conflitos, impugnacións e reclamacións, así como os recursos electorais.

g) Regulación do voto por correo nas eleccións á Asemblea Xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións á Comisión Delegada e á Presidencia.

h) Composición, competencia, funcionamento e situación das mesas electorais.

i) Elección de presidente/a.

j) Elección da Comisión Delegada.

O Regulamento electoral deberá ser ratificado pola SXPD.

CAPÍTULO II

Comisión Xestora

Artigo 50

Acordada a convocatoria de eleccións pola Asemblea Xeral, de conformidade co Regulamento electoral, a Presidencia procederá, no prazo sinalado nel, á convocatoria de eleccións á Asemblea Xeral.

A Comisión Xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e á Presidencia, coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegurar a recepción da dita notificación. Deberá expoñerse o Regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A Comisión Xestora administrará a Federación, convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres (3) meses no caso de que non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

A Comisión Xestora estará conformada por un máximo de oito (8) vogalías e unha (1) persoa que exercerá a Presidencia. A designación das persoas que ocupen as vogalías corresponderalles á Comisión Delegada e á Xunta Directiva antes da súa disolución, e deberá ser igual o número de persoas designadas pola Comisión Delegada e pola Xunta Directiva.

As vogalías designadas pola Comisión Delegada deberán representar, seguindo esta orde, os estamentos de entidades deportivas, deportistas, de persoas que teñan a condición de xuíces/zas e adestradores/as. Esta regra de representatividade deberase observar tanto na designación das persoas titulares como das suplentes.

Entre as persoas designadas pola Xunta Directiva deberanse incluír as que exerzan as funcións de Secretaría e Tesouraría da FGH.

A Presidencia da Comisión Xestora corresponderalle a quen presida a FGH ou – no caso de cesar nesta condición por finalizar o seu mandato, por renuncia ou por presentar a candidatura a persoa integrante da Asemblea ou á Presidencia da FGH – a quen sexa elixido ou elixida para tal función por e entre as persoas que integren a Comisión Xestora.

CAPÍTULO III

Xunta Electoral

Artigo 51

A Xunta Electoral será elixida e designada pola Asemblea Xeral na mesma sesión en que se aproba o Regulamento electoral, de entre as persoas que presenten a súa candidatura a membros da Xunta Electoral.

De non existiren candidaturas, serán designadas pola Comisión Delegada e de non existir esta, pola persoa titular da Presidencia da FGH, no prazo de tres (3) días hábiles desde a realización da dita asemblea.

O/a seu/súa presidente/a será o/a de maior idade entre os membros designados e actuará como secretario/a un membro da propia Xunta Electoral.

A Xunta Electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolver todas as incidencias que se produzan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos/as, proclamación de membros da Asemblea Xeral, Comisión Delegada e Presidencia da FGH, así como a decisión de calquera outra cuestión que afecten directamente a realización das eleccións e os seus resultados. Unha vez rematada a votación, levantará a acta dela e do reconto, e remitiralle a acta á SXPD no prazo máximo de tres (3) días.

As decisións da Xunta Electoral son executivas e formaranse por maioría de votos. No caso de empate, o voto da Presidencia terá carácter dirimente.

O mandato dos membros da Xunta Electoral será ata a próxima convocatoria electoral e as vacantes que se produzan serán cubertas polo mesmo procedemento e cunha duración polo tempo restante ata a convocatoria do seguinte proceso electoral.

TÍTULO VI

Réxime económico

Artigo 52

A FGH está sometida ao réxime de administración, orzamento e patrimonio propio e caixa única, que será anual e comprenderá desde o un (1) de xaneiro ata o trinta e un (31) de decembro.

Tesouraría someterá á asemblea ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte.

Non se poderá aprobar un orzamento deficitario, agás autorización da SXPD, nin tampouco se poderán repartir beneficios entre os seus membros.

A FGH elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica da FGH e a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informará separadamente, como mínimo, dos seguintes aspectos:

a) Diferenciación dos ingresos e achegas segundo:

1. Subvencións públicas.

2. Subvencións, donativos ou achegas privadas.

3. Venda de activos.

4. Ingresos procedentes de competicións organizadas.

5. Ingresos para servizos prestados pola Federación, permisos, licenzas e outros.

6. Ingresos financeiros.

b) Tamén constará o destino dos recursos, e se distinguirán como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

1. Administración da FGH.

2. Dirección e servizos da Directiva, incluídas viaxes.

3. Competicións.

4. Axudas a clubs e a outras entidades.

5. Axudas para actos deportivos.

6. Construcións e outros inmobilizados.

7. Formación de deportistas e técnicos.

8. Deportes de elite e profesional.

9. Árbitros/as.

10. Órganos xurisdicionais.

c) O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

d) O importe das garantías e os avais comprometidos.

e) A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

f) As variacións en relación co orzamento aprobado; cando estas superen o dez (10) %, será aprobado pola Comisión Delegada e/ou será aprobado pola Asemblea Xeral cando superen o vinte e cinco (25) % do orzamento da partida.

Artigo 53

Constitúen os ingresos da FGH:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, así como as procedentes, se é o caso, da RFEH da mesma modalidade deportiva.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares, así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan aos seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan, autorizados pola Comisión Delegada.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 54

A FGH destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 55

A xestión económica ordinaria será por conta da Tesouraría, baixo a dirección da Presidencia e de conformidade co exposto no artigo 35 destes estatutos, coidando das operacións de cobramentos e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa da Presidencia cando corresponda, ou coa sinatura autorizada da Vicepresidencia, de ser o caso, todos os documentos de movemento de fondos. Será responsable de levar e custodiar os libros de contabilidade. Formulará os balances que anualmente deberán presentar á Asemblea Xeral para a súa aprobación.

TÍTULO VII

Réxime documental

Artigo 56

O réxime documental da FGH comprenderá, como mínimo, os seguintes libros:

a) Libro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) Libro de rexistro de clubs, no cal constará a denominación destes, domicilio social e número de inscrición no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas de Galicia.

c) Libros de actas que consignarán as reunións que realicen todos os órganos colexiados da FGH, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade.

e) Libro de inventario de bens mobles e inmobles.

f) Rexistro dos membros da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada, no cal deberán constar os nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para as citacións e comunicacións.

Artigo 57

O réxime documental da FGH estará a cargo da Secretaría, a quen lle corresponde a custodia dos libros da FGH, levantar as actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificacións e acordos que procedan á SXPD e, en xeral, preparar a resolución e despacho de todos os asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física da Secretaría, as súas funcións serán desempeñadas pola Presidencia da FGH ou pola persoa en quen delegue.

TÍTULO VIII

Réxime disciplinario e xurisdicional

Artigo 58

Os órganos disciplinarios da FGH teñen potestade sobre todas as persoas que formen parte da súa estrutura orgánica, entidades deportivas, adestradores/as e directivos/as, árbitros/as e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito da Comunidade Autónoma galega. Todas as persoas federadas na FGH están suxeitas á autoridade disciplinaria, segundo o establecido no artigo 87.4 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Estas competencias aplicaranse en todas aquelas competicións, tanto oficiais como amigables, que se desenvolvan dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

O réxime disciplinario que a FGH aprobe regulamentariamente desenvolverá tanto os tipos de infraccións como de sancións, dentro da marxe configurada pola Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

O réxime disciplinario na FGH regularase mediante un regulamento de réxime disciplinario. O citado regulamento deberá prever inescusablemente:

a) Un sistema tipificado de faltas ou infraccións graduadas en función da súa gravidade.

b) Os principios e criterios que aseguren:

1. A diferenciación entre o carácter leve, grave e moi grave das infraccións.

2. A proporcionalidade das sancións aplicables a elas.

3. A inexistencia de dobre sanción polos mesmos feitos, a non ser que se poida considerar como tal a imposición dunha sanción accesoria á principal.

4. A aplicación de efectos retroactivos favorables.

c) A prohibición de sancionar por infraccións non tipificadas no momento da súa comisión.

d) Un sistema de sancións correspondente a cada unha das infraccións, así como as causas ou circunstancias que eximan, atenúen ou agraven a responsabilidade do infractor e os requisitos de extinción da dita responsabilidade.

e) Os distintos procedementos disciplinarios de tramitación e imposición, se é o caso, de sancións.

f) Nos ditos procedementos garánteselles aos interesados o dereito de asistencia da persoa que designen e a audiencia previa á resolución do expediente.

g) O sistema de recursos contra as sancións impostas.

En calquera caso, constituirá falta, que se sancionará de acordo co réxime disciplinario vixente, toda infracción das normas contidas nestes estatutos, no regulamento disciplinario e en calquera outra disposición federativa que o sinale.

Así mesmo, e de forma transitoria ata a aprobación definitiva do Regulamento disciplinario, será de aplicación o réxime disciplinario previsto na Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, así como o Regulamento disciplinario da RFEH en todo o relativo a procedementos, medidas cautelares, infraccións e sancións.

O coñecemento e a resolución das infraccións correspóndenlle ao xuíz único. As resolucións que diten estes órganos xurisdicionais serán executivas, sen prexuízo da posibilidade de suspensión destas nos casos e na forma que se prevexan regulamentariamente.

En caso de imposición de sancións en materia de disciplina deportiva, a adscrición á FGH implica a aceptación e a libre asunción, por parte de todos os suxeitos á disciplina deportiva, do feito de que as sancións serán obxecto da debida publicidade.

As resolucións que dite o xuíz único serán impugnables, ante o Comité de Apelación, nun prazo máximo de dez (10) días hábiles contados a partir do día hábil seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto na normativa vixente.

As resolucións do Comité de Apelación da FGH serán susceptibles de recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

TÍTULO IX

Modificación dos estatutos e extinción da FGH

Artigo 59

Os estatutos da FGH só poden ser modificados pola Asemblea Xeral e de acordo co establecido nestes estatutos.

Artigo 60

A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada pola Presidencia ou por unha comisión delegada da FGH, e a seguir noméase unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentarlle á Asemblea o novo texto que se someterá a aprobación.

Aprobada a reforma dos estatutos pola Asemblea Xeral, deberá ser ratificada pola SXPD.

Artigo 61

A FGH extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da maioría dos 2/3 dos membros da Asemblea Xeral, referendado, por maioría absoluta, por todos os membros da FGH a través de votación libre, igual, directa e secreta.

b) Polas demais causas que determinen as leis.

Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase aos fins de carácter deportivo que determine a SXPD.

Disposición adicional primeira

A FGH someterase ás disposicións da SXPD da Xunta de Galicia, agás en todo o que poida afectar cuestións de competicións de acceso ás nacionais, ou un réxime económico con asignacións que proveñan da RFEH; nese caso, necesitarán da autorización previa e expresa daquela.

Disposición adicional segunda

As prescricións destes estatutos que incorporen ou reproduzan determinados aspectos da normativa estatal ou autonómica de aplicación ás federacións deportivas galegas entenderanse automaticamente modificadas no momento en que se produza a revisión ou modificación daquelas. No caso de verificarse esa revisión ou modificación, a Xunta Directiva da FGH estará autorizada para adaptar estes estatutos a elas.

Disposición adicional terceira

Todos os termos que no ordenamento federativo se refiren ao xénero masculino, se aplican indistintamente a homes e mulleres.

Disposición adicional cuarta

Calquera facultade outorgada polo ordenamento xurídico español, autonómico, ou as normas federativas nacionais ou internacionais á FGH como entidade, e salvo que veña atribuída expresamente a competencia por razón da materia á Asemblea Xeral, Comisión Delegada ou a outros órganos federativos, entenderanse que corresponden exercidas á Presidencia ou órgano en quen esta delegue.

Disposición transitoria

Mentres non se aprobe o réxime de disciplina deportiva de desenvolvemento destes estatutos aplicarase o réxime disciplinario da RFEH.

Disposición derradeira

Todas as referencias realizadas nestes estatutos se deben entender como días naturais.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto nestes estatutos.

Entrada en vigor

Estes estatutos entrarán en vigor a partir da súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.