DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Martes, 15 de outubro de 2024 Páx. 54562

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 10 de outubro de 2024 pola que se amplía o prazo de vixencia da listaxe de agarda disposto na Orde do 25 de setembro de 2024 (código de procedemento IN519B).

O 19.1.2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 4 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede a súa convocatoria para o ano 2024 (procedemento IN519B).

No artigo 15.2 das bases, a Orde do 4 de xaneiro de 2024 establece que para os expedientes que, formando parte da listaxe de valoración, non resulten propostos para o seu financiamento por esgotamento do crédito dispoñible, proporanse para a súa incorporación nunha listaxe de agarda para seren atendidos, ben con crédito que quedase libre de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben con posible incremento dos créditos orzamentarios destinados a estas subvencións; dispoñendo que non se concederán axudas posteriormente ao 15 de setembro de 2024, data en que a listaxe de agarda perderá os seus efectos.

O 13.9.2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 10 de setembro de 2024 pola que se modificou o antedito artigo 15.2 das bases reguladoras no referente ao prazo de vixencia da listaxe de agarda, ampliando este ata o día 30 de setembro de 2024 (incluído), prazo ata o que se poderán conceder axudas. Esta ampliación estaba xustificada pola posibilidade de que se incorporase novo crédito destinado a esta subvención, situación recollida no artigo 15.2 das bases reguladoras da orde que permite atender novas solicitudes que figuran na lista de agarda.

O 30.9.2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 25 de setembro de 2024 pola que se modificou o artigo único da Orde do 10 de setembro de 2024, ampliando o prazo de vixencia da listaxe de agarda ata o día 15 de outubro de 2024 (incluído), prazo ata o que se poderán conceder axudas. A ampliación estaba xustificada pola necesidade de tramitar a correspondente ampliación de crédito da Orde do 4 de xaneiro de 2024.

A Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético está en disposición de tramitar a correspondente ampliación de crédito, o que permitirá atender as solicitudes que se atopan actualmente na lista de agarda. Para isto, e en prol do interese xeral ao permitir aos concellos beneficiarios implantar melloras nos seus parques, e sen que isto supoña prexuízos a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de vixencia da listaxe de agarda disposto no artigo primeiro da Orde do 25 de setembro de 2024 ata o 31 de outubro de 2024 (incluído), de acordo co artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación do prazo de vixencia da listaxe de agarda

Modifícase o artigo primeiro da Orde do 25 de setembro de 2024 pola que se amplía o prazo de xustificación da subvención establecido na Orde do 4 de xaneiro de 2024 e pola que se amplía o prazo de vixencia da listaxe de agarda disposto na Orde do 10 de setembro de 2024, ampliando o prazo de vixencia da listaxe de agarda ata o día 31 de outubro de 2024 (incluído), prazo ata o que se poderán conceder axudas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria