Examinado o expediente instruido por instancia da empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de América, número 38, 28028 Madrid, aprécianse os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Con data do 27 de abril de 2022, a empresa solicita a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica Regulamentación LMTA SAR804 entre apoios nº D155 e nº D158, no concello de Paradela. Presenta o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, xunta a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro), e o artigo 143 do real decreto 1955/2000, antes citado.
Segundo. En resposta aos requirimentos emitidos polo Servizo de Enerxía e Minas do Departamento Territorial de Lugo, UFD Distribución Eléctrica, S.A. achegou documentación complementaria para completar o expediente (24.10.2023). O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante Acordo deste departamento territorial, do 16 de maio de 2024. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 14 de xuño de 2024 e no Diario Oficial de Galicia do 10 de xuño de 2024, no taboleiro de anuncios deste departamento territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Paradela. Con este acordo inseríase a relación de bens e dereitos afectados.
Así mesmo, efectouse notificación individual aos interesados incluídos na relación de bens e dereitos afectados.
Terceiro. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Cuarto. Á vista dos escritos de alegacións presentados durante o trámite de información pública, da contestación de UFD Distribución Electricidad, S.A. a eles e do resto da documentación que consta no expediente, conclúese o seguinte:
• En relación coas alegacións presentadas por Vera Vázquez López (titular proposta, xunto con Felipe Vázquez Veiga, dos predios 3, 4 e 7) relativas á superficie e ás afeccións sobre a parcela, trasladáronse á beneficiaria con data do 18 de xullo de 2024, e esta contestounas o 31 de xullo de 2024; con posterioridade (6.8.2024), a promotora achega declaración responsable dos acordos asinados cos ditos titulares.
Quinto. Persoal dos servizos técnicos deste departamento territorial emitiu informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, os referidos servizos técnicos informan que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 58 da Lei 24/2013, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.
A este feitos son de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A este departamento territorial correspóndelle resolver sobre esta solicitude, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e tendo en conta o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro (DOG nº 22, do 1 de febreiro), sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 24/2013, e os regulamentarios previstos nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Terceiro. Á vista do informe técnico e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que procede a autorización da instalación eléctrica.
Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, o que causaría a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.
De acordo co exposto e en virtude das competencias que ten atribuídas, este departamento territorial
RESOLVE:
Primeiro. Conceder a autorización administrativa previa á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. para o establecemento da instalación eléctrica denominada Regulamentación LMTA SAR804 entre os apoios nº D155 e nº D158, no concello de Paradela, coas seguintes características técnicas principais:
– Reforma da LMTA SAR804 de dobre circuíto, a 20 kV, coa substitución dos apoios de formigón existentes núms. D155, D156, D157 e D158 por outros de celosía metálica, e cambio do condutor actual a LA-110 no van entre os apoios D155 e D156, cunha lonxitude de 77 m. Retensado do condutor existente sobre os apoios proxectados.
Segundo. Conceder a autorización administrativa de construción para a execución do proxecto da instalación eléctrica.
Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que polo representante da Administración se dea comezo, na data e na hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 14 de xuño de 2024 e no Diario Oficial de Galicia do 10 de xuño de 2024, expostas no taboleiro de anuncios deste departamento territorial e no taboleiro de anuncios do concello de Paradela. Así mesmo, faise constar que ata o momento do levantamento das actas previas, se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta departamento territorial da Consellería de Economía e Industria (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de Lugo, rolda da Muralla, núm. 70, 27071 Lugo).
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto presentado pola empresa UFD Distribución Electricidad, S.A.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.
Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.
Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa deste departamento territorial.
Quinta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.
Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
Esta publicación realízase igualmente para os efectos do artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou non se saiba o lugar de notificación e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan, de conformidade co artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que xulguen pertinente.
Lugo, 27 de agosto de 2024
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
