DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 21 de outubro de 2024 Páx. 55710

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente IN407A 2023/470-4).

Expediente: IN407A 2023/470-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: blindaxe 66 kV a dobre barra e novo transformador T-II 66/21 kV na subestación San Jorge.

Concello: Cerdedo-Cotobade.

Feitos:

1. O 19.10.2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada blindaxe 66 kV a dobre barra e novo transformador T-II 66/21 kV na subestación San Jorge.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro industrial Diego Berguño Suárez, colexiado 4290 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do Principado de Asturias, e en que figura un orzamento total de 3.392.397,19 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na reforma e ampliación da subestación eléctrica San Jorge 66/20 kV, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), mediante as seguintes actuacións:

– Parque de 66 kV: blindaxe e paso a configuración en dobre barra con celas tipo GIS. Instálase un total de 8 posicións das cales teñen retribución 7.

– Parque de 20 kV: instálase un total de 10 novas celas máis dúas posicións de medida, unha para cada barra.

– Instalación dun novo transformador de potencia T-II 66/21 kV, 15 MVA.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Cerdedo-Cotobade, Augas de Galicia e a Axencia Galega de Infraestruturas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Concello de Cerdedo-Cotobade.

Os demais organismos non emitiron os condicionado técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresarias en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Blindaxe do parque de 66 kV completo, pasando este a ser un parque tipo cela blindada de interior (GIS) con illamento en SF6, con configuración en dobre barra, cun total de oito posicións: catro de liña, dúas de posición de transformador, unha de acoplamento transversal e unha de medida de tensión.

– Substitución do parque de celas de 20 kV por novas celas compactas de illamento en SF6: dúas posicións de trafo, cinco posicións de liña, unha posición de acoplamento lonxitudinal e unha posición de transformador de servizos auxiliares.

– Instalación dun novo transformador de potencia T-II 66/21 kV, 15 MVA.

A instalación está situada na zona de Fentáns, no concello de Cerdedo-Cotobade (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada blindaxe 66 kV a dobre barra e novo transformador T-II 66/21 kV na subestación San Jorge, expediente IN407A 2023/470-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de setembro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra