DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 21 de outubro de 2024 Páx. 55701

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de setembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/223-4).

Expediente: IN407A 2022/223-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS SDM711 e substitución CT avenida Aeroporto Vigo, 543.

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 19.5.2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS SDM711 e substitución CT avenida Aeroporto Vigo, 543.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 47.672,98 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na parroquia de Cabral, no concello de Vigo (Pontevedra):

Desmontaxe do centro de transformación avenida Aeroporto Vigo, 543 (36CGU1) de 160 kVA, situado no apoio con matrícula A2J66XGU//D54-24-4.

Instalación dun centro de transformación de 250 kVA de manobra exterior 2L1P TC TG en envolvente prefabricada de formigón, conectado ao tramo SDM7111351 no paso aéreo subterráneo do apoio A2J66SGU//D54-24-4. O centro de transformación estará situado na parcela con referencia catastral 54057A030000670000AB, no lugar de Albitez.

Para alimentar o centro de transformación, proxéctase unha liña de media tensión subterránea de 23 metros de lonxitude.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Demarcación de Estradas do Estado, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea e Augas de Galicia. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Vigo e a Demarcación de Estradas do Estado.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Mediante o escrito do 26.7.2022 este departamento territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a resolución do 26.7.2022, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 18.8.2022.

Xornal Faro de Vigo: 12.8.2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo, ata o 12.9.022, segundo o certificado emitido polo propio concello.

Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

5. O 1.9.2022, María José Alonso Suárez, en representación dos herdeiros de Manuel Alonso Vilaboa Suárez, destaca que a parcela con referencia catastral 36024A087003310000AT non é de titularidade dos herdeiros de Manuel Alonso, nin pertence ao Concello de Vigo. Ademais alega que non se motiva a necesidade da instalación e da declaración da utilidade pública. Tamén destaca que o proxecto á disposición pública no Portal de transparencia non está asinado e que na rúa Rixela-Cabral non hai ningún centro de transformación.

6. Advertidos os erros na Resolución do 26.7.2022, publicouse unha corrección de erros no DOG do 16.9.2022 e procedeuse, o 9.9.2022, a enviar unha nova comunicación á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos, cuxa parcela ten referencia catastral 54057A030000670000AB.

7. O 2.10.2022, María José Alonso Suárez, en representación dos herdeiros de Manuel Alonso Vilaboa Suárez, reformula as alegacións presentadas o 1.9.2022, e recolle basicamente os mesmos puntos sinalados no número 5, excepto o referente a titularidade da parcela e á súa localización.

8. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa resposta UFD destaca que:

• A ampliación de potencia vai proporcionar subministración eléctrica a unha vivenda unifamiliar, a cal UFD está obrigada a atender, pero tamén atender futuras necesidades.

• O centro de transformación instálase na parcela con referencia catastral 54057030000670000AB, onde hai un centro de transformación a pé de apoio.

• Na rúa Rinxela-Cabral realizarase unha canalización para a baixa tensión.

• A declaración de utilidade pública foi solicitada conforme o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

9. O 31.10.2022, María José Alonso Suárez presentou un novo escrito de alegacións. Volveu destacar a falta de xustificación da declaración de utilidade pública e a falta de sinatura no proxecto. Ademais incidiu na falta dun anteproxecto e no incumprimento das condicións de acceso á parcela afectada de acordo coa normativa vixente o que provoca prexuízos tanto ao propietario como á empresa subministradora. Propón que para dar subministración á vivenda a empresa distribuidora pode prolongar a rede de baixa tensión do centro de transformación 36CHI6.

10. Estas alegacións foron trasladas á empresa promotora. Na súa resposta UFD destaca que:

• UFD está obrigada a dar resposta ás demandas de enerxía e o proxectado presentado é o máis viable técnica e economicamente.

• O centro de transformación de 250 kVA irá situado no mesmo lugar que o centro de transformación que se desmonta, podendo acceder tanto ao centro de transformación como á parcela da mesma forma que se viña accedendo ata o momento.

• Menciona os artigos 158, 159 e 162 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

11. Os servizos técnicos deste departamento territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas, e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento, de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Canto á parcela afectada, destacan que o 9.9.2022 se mandou unha corrección de erros que actualiza a referencia catastral da parcela.

En relación co proxecto, indican que está asinado electronicamente pola proxectista e dispón de declaración responsable.

En relación cos prexuízos ocasionados, informan que se poderán poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que estime o obxecto que se expropia tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre a expropiación forzosa.

En relación co recoñecemento en concreto de utilidade pública de estas instalacións e de acordo coa normativa, será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No caso que nos ocupa, a empresa distribuidora solicita a declaración de utilidade pública e entrega a relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Respecto ao trazado alternativo proposto, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 40/2015, do 1 de outubro,de réxime xurídico do sector público.

Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Substitución do centro de transformación (CT) avenida Aeroporto Vigo, 543 (36CGU1) de 160 kVA por un centro de transformación de manobra exterior 2L1P TC TG de 250 kVA en envolvente prefabricada de formigón conectado ao tramo SDM7111351 mediante un paso aéreo subterráneo no apoio existente A2J66XGU//D54-24-4.

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ, de 23 metros de lonxitude, coa orixe no apoio existente A2J66XGU//D54-24-4 e final na cela do CT proxectado.

O centro de transformación está situado na parcela de referencia catastral 54057A030000670000AB, no lugar de Albitez, na parroquia de Cabral, concello de Vigo (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

En relación coa documentación presentada pola empresa promotora, indícase que esta cumpre co establecido nos artigos 44 e 46 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

En relación coa falta de sinatura e de declaración responsable da técnica proxectista nos arquivos publicados no Portal de transparencia da Xunta de Galicia, aclárase que este departamento publica a información unha vez disociada de acordo coa normativa de protección de datos.

Respecto á declaración de utilidade pública, no sistema regulador do sector eléctrico a declaración de utilidade pública require basicamente dous requisitos: a xustificación da necesidade da instalación de que se trate, o que leva implícita a súa utilidade pública; e a determinación dos bens e dereitos cuxa expropiación afecta. A propia distribuidora acompaña unha relación de bens e dereitos afectados e pon de manifesto que na zona hai que atender unha nova subministración. A calidade do servizo é unha obrigación das empresas distribuidoras.

En relación co prexuízo que causa a instalación do centro de transformación na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débese describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que estime como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

En relación coa subministración eléctrica a unha vivenda unifamiliar, destácase que se ten en consideración tanto o dereito de propiedade privada, como o dereito dos consumidores de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución, valorando o conxunto de circunstancias técnicas, económicas e de causación dos prexuízos que existe en cada unha das opinións de referencia; pois, o que non cabe é mirar unicamente desde a perspectiva da conveniencia dos alegantes; pois iso suporá descoidar os demais intereses implicados.

Respecto ao trazado proposto polos alegantes, este adoece da necesaria concreción, como queira que non permite calibrar cal é o orzamento das actuacións, as súas medidas reais, a porcentaxe da modificación ou se existen outros predios afectados non previstos inicialmente. En definitiva, a proposta non queda debidamente concretada desde un punto de vista económico e técnico, nin se acredita nela que cumpre os tres condicionamentos exixidos polo citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

En relación co incumprimento da normativa de acceso á parcela, indicar que este departamento territorial non é competente en materia de urbanismo, polo que será o Concello de Vigo, no procedemento de autorización para a execución das obras, quen terá que verificar se se cumpre ou non co previsto en materia urbanística.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS SDM711 e substitución CT avenida Aeroporto Vigo, 543, expediente IN407A 2022/223-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

Un certificado dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 30 de setembro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados, Concello de Vigo

Lugar

Cultivo

Referencia catastral

Titular

Afeccións

Canalización

subterránea

CT superficie

(m2)

Long.

(m)

Sup.

(m2)

1

Albitez

Agrario

54057A030000670000AB

Hrdos. Manuel Alonso Vilaboa Suárez

16

27,45

13,92