O artigo 326.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP/2017), establece que nos procedementos abertos, abertos simplificados, restrinxidos, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación os órganos de contratación das administracións públicas estarán asistidos por unha mesa de contratación. Nos procedementos negociados en que non sexa necesario publicar anuncios de licitación e nos procedementos a que se refire o artigo 159.6 a constitución da mesa será potestativa para o órgano de contratación.
De conformidade co previsto no artigo 326 da LCSP/2017 e na súa normativa de desenvolvemento, e no exercicio das facultades que lle confire o artigo 36 dos Estatutos da Universidade da Coruña, esta reitoría
RESOLVE:
Primeiro. Composición da Mesa de Contratación Permanente
Desígnanse os membros da Mesa, así como os membros suplentes, que se citan a seguir:
1. Presidencia: a persoa titular da Vicerreitoría de Economía e Planificación Estratéxica.
Suplente: a persoa titular da Adxuntía de Economía.
2. Vogais permanentes:
a) Secretario/a xeral.
Suplente: a persoa titular da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade.
b) Xefe/a do Servizo de Control Interno.
Suplente: xefe/a de sección ou, na súa ausencia, dun negociado do citado servizo.
c) Xefe/a do Servizo de Asesoría Xurídica.
Suplente: xefe/a de sección ou, na súa ausencia, dun negociado do citado servizo.
d) Xefe/a do Servizo de Contratación Administrativa.
Suplente: xefe/a dun dos negociados do Servizo de Contratación Administrativa.
3. Secretaría: xefe/a da Sección de Contratación.
Suplente: xefe/a dun dos negociados do Servizo de Contratación Administrativa.
Segundo. Normas de funcionamento da Mesa
1. Para a válida constitución da Mesa deberá estar presente a maioría absoluta dos seus membros e, en todo caso, o/a presidente/a, o/a secretario/a e os/as dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico orzamentario do órgano de contratación.
2. Todos os membros da mesa terán voz e voto, coa excepción do/da secretario/a, que só terá voz.
3. A Mesa de Contratación poderá solicitar o asesoramento de persoal técnico ou experto independente con coñecementos acreditados nas materias relacionadas co obxecto do contrato. A súa asistencia será autorizada polo órgano de contratación e deberá ser reflectida expresamente no expediente, con referencia ás identidades deste persoal técnico ou experto, e á súa formación e á súa experiencia profesional (artigo 326.5 da LCSP/2017).
4. A Mesa de Contratación poderá solicitar cantos informes técnicos considere pertinentes (artigo 150.1 da LCSP/2017).
5. Nos casos en que a valoración dos criterios mediante un xuízo de valor corresponda a un comité formado por expertos ou a un organismo técnico especializado (artigo 146.2.a) da LCSP/2017), a designación realizarase e publicarase no perfil de contratante (artigo 63.5 LCSP/2017).
6. De maneira supletoria, o funcionamento da Mesa rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, subsección 1ª, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
Terceiro. Publicación e efectos
Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no perfil de contratante da Universidade da Coruña, e terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Quedan sen efecto as disposicións anteriores que se opoñan á presente resolución reitoral.
A Coruña, 11 de outubro de 2024
Ricardo José Cao Abad
Reitor da Universidade da Coruña
