DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 23 de outubro de 2024 Páx. 56355

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ribadeo, para a implantación dun centro de saúde.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 23 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ribadeo, para a implantación dun centro de saúde, mediante Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 9 de outubro de 2024, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://cmatv.xunta.gal/rexistro-de-planeamento-urbanistico-de-galicia

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental do referido plan poderá ser consultada na seguinte ligazón:

Plans por tipoloxía – CMAOT (xunta.gal)

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2024

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual número 1 do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ribadeo para implantación dun centro de saúde (expediente PTU-LU-22/068)

O 11.7.2024 tivo entrada oficio do Concello de Ribadeo en que se achegaba ligazón de acceso á modificación puntual (MP) de referencia, redactada polos arquitectos Alfonso Botana Castelo e Beatriz García Becerra e a bióloga Paula Fernández Otero, así como aos documentos acreditativos da tramitación correlativa, para os efectos da súa aprobación definitiva conforme o previsto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

O 8.10.2024 achega documentación complementaria consistente en:

– Informe das empresas responsables de servizos, nomeadamente sobre rede de abastecemento e saneamento, así como a rede de infraestrutura eléctrica (conforme o demandado no informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 26.9.2023).

Analizada a modificación puntual aprobada provisionalmente polo Concello Pleno o 11.7.2024 e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

I.1. O concello de Ribadeo dispón dun plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente pola Orde do 14.11.2014.

I.2.Tramitación da modificación puntual.

a) Emisión de informe xurídico municipal sobre a tramitación que se seguirá (14.7.2022).

b) Sometemento da modificación puntual datada en xuño de 2022 á avaliación ambiental estratéxica: fixéronse consultas á Dirección Xeral de Urbanismo e ao Instituto de Estudos do Territorio, que emitiron informes o 15.9.2022 e o 7.10.2022. O órgano ambiental emitiu informe ambiental estratéxico o 13.10.2022.

c) A raíz dos informes anteriores, elaborouse a modificación puntual de xaneiro de 2023, con base na cal constan:

– Informes municipais, técnico (28.2.2023), xurídico (1.3.2023) e de intervención (23.3.2023).

– Aprobación inicial da modificación puntual (Acordo plenario do 4.4.2023).

– Información pública mediante anuncios no diario El Progreso (15.4.2023) e no DOG (18.4.2023).

– Audiencia aos titulares catastrais das 2 parcelas afectadas (11.4.2023).

– Solicitude de informes de varios departamentos da Administración estatal (14.9.2023 e 14.2.2024).

– Traslado á Administración autonómica para a realización dos trámites previstos no artigo 60.7 da LSG.

– Dúas alegacións dos propietarios dos terreos afectados.

– Informes recadados polo Concello, que non formulan reparos á modificación puntual: Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (26.9.2023), Secretaría Xeral de Telecomunicacións (14.10.2023), Delegación do Goberno (14.11.2023) e Confederación Hidrográfica do Cantábrico (5.4.2024).

– Informes recadados pola Xunta, sen formular reparos: Dirección Xeral de Protección Civil (24.10.2023), Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación da Consellería de Medio Ambiente (9.11.2023), Instituto de Estudos do Territorio (28.11.2023), Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (20.12.2023), Augas de Galicia (5.2.2024) e Dirección Xeral de Urbanismo (15.2.2024). Os concellos limítrofes non se pronunciaron.

d) De resultas deses trámites, elaborouse a modificación datada en maio de 2024, en que constan:

– Emisión de informes municipais, técnico e xurídico (6.5.2024).

– Aprobación provisional da modificación e resolución das alegacións presentadas (14.5.2024).

e) Remisión do expediente á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (11.7.2024).

II. Análise e consideracións:

Analizada a modificación puntual en relación coas observacións formuladas no Informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 15.9.2022, emitido no trámite de consultas do procedemento de avaliación ambiental estratéxica, comprobouse que en xeral se deu cumprimento a este.

Porén, o documento presenta faltas de adecuación ás normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia (NNTTPP) que cómpre emendar de cara á súa preceptiva inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia:

a) O índice non facilita a denominación de boa parte dos documentos; gran parte arquivos da documentación técnica correspondentes a unha mesma versión da modificación achégase de forma disociada; os documentos 046-054 e 137-143 aparecen duplicados; incorpóranse os arquivos 152 a 236, que non corresponden á modificación puntual.

b) Constan versións da modificación puntual con dilixencias municipais de aprobación inicial e provisional, pero carentes da preceptiva sinatura do equipo redactor (artigo 22.1 das NNTTPP) e sen a codificación e estrutura dos artigos 9.2, 11.2, 13.1 e anexo 4 nin as declaracións responsables municipais (artigo 9.6).

c) Non se inclúen os arquivos das epígrafes 1.2, 1.3 e 1.4 do anexo 3 das NNTTPP.

d) No plano VI.03, Ordenación e xestión do solo, cómpre grafar a cualificación urbanística no ámbito da modificación (trama correspondente á ordenanza o-12 Equipamentos), así como a etiqueta identificación da dotación correspondente (08-SN-SA1, como nos planos V.01.1 e V.01.2).

e) Nos separadores dos distintos documentos que integran a documentación da modificación aprobada provisionalmente indícanse incorrectamente a data e a fase de tramitación («xaneiro 2023» e «aprobación inicial»; debe poñer «maio de 2024» e «aprobación provisional»).

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

III. Resolución:

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual número 1 do PXOM do concello de Ribadeo.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, unha vez emendadas as cuestións sinaladas na epígrafe II anterior, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá a modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Segundo o disposto nos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o Concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.