Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos destas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas o cambio de titularidade da estrada de titularidade provincial EP-0104 ramal Igrexa-Figueirido a prol do Concello de Vilaboa.
O Concello de Vilaboa e a Deputación Provincial de Pontevedra formalizaron, o 14 de marzo de 2022, un convenio de colaboración para levar a cabo a execución do proxecto denominado Mellora da seguranza viaria e mobilidade peonil na EP-0101 ramal Igrexa de Figueirido. A cláusula quinta, alínea 4 do dito convenio, ten o carácter de solicitude de inicio do procedemento de transferencia ao concello da estrada provincial EP-0104 ramal Igrexa de Figueirido.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, indica que a estrada EP-0104 cumpre co estipulado no punto 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que formen parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente», polo que se formula a proposta favorable á transferencia do tramo que se define no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de outubro de dous mil vinte e catro,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Vilaboa, da estrada provincial EP-0104 ramal Igrexa de Figueirido, na súa totalidade, desde o p.q. 0+000 ao p.q. 0+636.
|
Estrada |
Denominación da estrada |
p.qi |
p.q.f |
Lonx. (km) |
|
EP-0104 |
Ramal Igrexa de Figueirido |
0+000 |
0+636 |
0,636 |
Artigo 2
De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.
A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre concello e deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.
Artigo 3
Correspóndenlle ao Concello de Vilaboa, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle puidese corresponder como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e un de outubro de dous mil vinte e catro
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
