Mediante a Orde do 30 de xullo de 2024 (DOG núm. 156, do 13 de agosto) establécense as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e procédese á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CO300D).
O parágrafo segundo do artigo 1.3 das bases reguladoras establece que «en concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas nos artigos 4 e 5 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 1 de xaneiro de 2024 ata a data límite de xustificación establecida no artigo 18 destas bases reguladoras».
Pola súa banda, o artigo 18.1 das bases reguladoras dispón que «o pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 8 da convocatoria e ata o 8 de novembro de 2024» dunha copia da documentación indicada no propio artigo 18.1.
Tendo en conta o longo proceso de avaliación e co fin de optimizar os procesos de xestión e dado que non se causa prexuízo a terceiros, procede ampliar o período subvencionable e o prazo de presentación da documentación xustificativa por parte das persoas beneficiarias.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do anexo I da Orde do 30 de xullo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións do programa de comercio circular e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CO300D)
Modifícase o primeiro parágrafo do artigo 18.1 do anexo I da referida orde, que queda redactado nos seguintes termos:
«O pagamento da subvención quedará condicionado á presentación, nos lugares sinalados no artigo 8 da convocatoria e ata o 22 de novembro de 2024, dunha copia da seguinte documentación:».
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2024
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
