O Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, dispón que lle corresponden, entre outras, as competencias en prevención da contaminación. A través da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, exercerá as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos residuos, de acordo cos principios de desenvolvemento sustentable e da economía circular, así como en materia de responsabilidade ambiental e sancionadora que, por razón da materia, lle corresponda. Sinaladamente, á dirección xeral correspóndenlle a elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados, e das accións de desenvolvemento destes.
A devandita lei dispón, no seu artigo 19, que os plans de xestión e programas de prevención de residuos deberán ser aprobados a través dos instrumentos de ordenación do territorio previstos na lexislación de aplicación, en concreto na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia. Os plans, tras a súa aprobación definitiva a través do decreto correspondente, deberán inscribirse no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico, de conformidade cos artigos 60 e 61 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), actualmente adscrita á Consellería de Facenda e Administración Pública que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.
Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, desenvolveuse a autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación. Esta norma modificouse polos decretos 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e o Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.
A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en adiante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.
O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.
O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para efectos de impugnación».
A Lei 4/2019, de 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable a efectos de impugnación.
Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para á actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.
Por todo o exposto,
RESOLVEMOS:
Primeiro. Declarar a seguinte actuación administrativa automatizada a través de sistemas de información no ámbito da xestión dos plans de residuos: copia electrónica auténtica dos plans sectoriais de residuos aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.
Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:
a) A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.
b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.
c) A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, como órgano responsable para os efectos de impugnación.
Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación do selo electrónico denominado «CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E CAMBIO CLIMÁTICO» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.
A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderá á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.
Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:
a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.
b) Organismo subscritor: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
c) Nome do selo: «CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E CAMBIO CLIMÁTICO».
Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E CAMBIO CLIMÁTICO» para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e para realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.
Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E CAMBIO CLIMÁTICO» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.
Sexto. A presente resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2024
|
Mª Carmen Bouso Montero |
Julián Cerviño Iglesia |
