DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Mércores, 6 de novembro de 2024 Páx. 58888

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 23 de outubro de 2024 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Amare Terra.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Amare Terra con domicilio na rúa Gambrinus, número 49, na Coruña.

Feitos:

1. O 29 de decembro de 2023, Jesús Ángel Martínez Loira, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Amare Terra constituíuna Jesús Ángel Martínez Loira, mediante escritura pública outorgada o 22 de decembro de 2023, ante o notario da Coruña Raúl Muñoz Maestre, co número de protocolo 8.129.

Tras requirimentos do 7 de marzo e 1 de xullo de 2024, a Fundación achega as escrituras outorgadas o 25 de xaneiro, 16 de maio (dúas escrituras) e 22 de xullo de 2024, na mesma cidade e ante o mesmo notario da anterior, cos números de protocolo 513, 3.264, 3.266 e 5.055 respectivamente en que modifican os estatutos e a súa dotación consonte o indicado nos requirimentos.

3. A Fundación, consonte o artigo 3 dos seus estatutos, ten por obxecto: «a promoción, fomento, impulso, apoio e difusión de actividades deportivas».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Jesús Ángel Martínez Loira, como presidente; Mónica Ferreño Suárez, como secretaria; e Marcos Martínez Ramallo, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Amare Terra, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 15 de outubro de 2024.

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Amare Terra, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; podéndose interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes