O Decreto da Xunta de Galicia 119/2005, do 6 de maio, polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia (DOG do 18 de maio), establece no seu artigo 22.1 que teñen a consideración de persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia os médicos forenses dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aprobada a relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia pola Orde do 15 de novembro de 2022 pola que se modifica a relación de postos de traballo do Instituto de Medicina Legal de Galicia, procede a convocatoria dun concurso específico para a cobertura dun posto singularizado na Subdirección Territorial da Coruña.
En consecuencia, e conforme o establecido no artigo 532 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, e no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, e no exercicio das competencias previstas no Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,
RESOLVO:
Aprobar as bases da convocatoria do concurso específico que figuran no anexo I desta resolución, así como os méritos do anexo III.
Convocar o concurso específico de méritos e capacidades para a provisión do posto de traballo singularizado vacante que se detalla no anexo II.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada potestativamente en reposición, ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou poderá ser impugnada directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, todo isto de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2024
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza
ANEXO I
Bases da convocatoria
Primeira. Requisitos e condicións de participación
1. De acordo co disposto nos artigos 532 e 533 da Lei orgánica do poder xudicial, así como no artigo 49 e seguintes do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, poderá participar o persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo de medicina forense, calquera que sexa o ámbito territorial en que estea destinado, que reúna as condicións xerais exixidas e os requisitos determinados nesta convocatoria na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes de participación e que os manteña ata a resolución definitiva do concurso. Só poderán tomar parte neste concurso os/as médicos/as forenses que conten cun mínimo de cinco (5) anos de experiencia no corpo de medicina forense.
2. Non poderá participar neste concurso o persoal funcionario que se encontre na situación de excedencia voluntaria por interese particular, mentres dure o período mínimo de permanencia na dita situación, ou o suspenso en firme, mentres dure a suspensión, nin o que se encontre sancionado con traslado forzoso, para destino na mesma localidade en que se lle impuxo a sanción, ata que transcorran un (1) ou tres (3) anos, segundo se trate de falta grave ou moi grave, respectivamente.
3. Con respecto ao tempo mínimo para participar neste concurso específico, e de conformidade co previsto no artigo 49.7 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, non rexerá a limitación establecida no artigo 46.1 do dito regulamento.
Segunda. Posto de traballo ofertado
O posto que se oferta figura no anexo II desta resolución. Neste anexo constan os datos referentes ao posto de traballo e a súa descrición, con inclusión das especificacións derivadas da natureza da función encomendada ao dito posto e coa relación das principais tarefas. Así mesmo, indícanse o complemento xeral do posto, o complemento específico e o corpo a que está adscrito.
Terceira. Presentación de solicitudes e documentación
1. As persoas que concursen deberán presentar a súa solicitude utilizando obrigatoriamente o modelo que figura no anexo IV desta resolución.
2. O prazo de presentación será de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. En caso de que a publicación desta convocatoria non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, terase en conta a data de publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co que dispón o artigo 49.5 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.
3. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e deberán presentarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) mediante o modelo de solicitude xenérica co código PR004A.
4. Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados, que se deberán relacionar no modelo de solicitude (anexo IV) desta convocatoria.
Os méritos específicos, correspondentes á segunda fase do concurso, deberán ser xustificados documentalmente mediante os pertinentes títulos académicos ou diplomas, así como mediante certificados ou calquera outro medio de proba admisible en dereito.
Igualmente, xunto coa instancia presentarase unha memoria asinada, na cal, nunha extensión non superior aos dez (10) folios, a persoa candidata realice unha análise das tarefas do posto solicitado e das condicións e dos medios necesarios para o seu desempeño, suscite propostas de mellora no desenvolvemento das funcións e faga constar todas aqueloutras cuestións que considere de interese ou importancia, con base na descrición das funcións do posto.
5. A Subdirección Xeral de Persoal da Dirección Xeral de Xustiza emitirá, de oficio, a certificación correspondente á antigüidade no corpo, así como a puntuación correspondente.
6. Os méritos serán avaliados con referencia á data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto 2 desta base terceira.
7. Non se admitirán anulacións nin modificacións do contido das solicitudes unha vez finalizado o período de presentación destas.
Cuarta. Fases do concurso e puntuación
1. O concurso específico rexerase polo baremo e puntuacións establecidas no anexo III desta resolución.
2. O concurso constará de dúas fases:
a) Na primeira procederase á comprobación e á valoración dos méritos xerais, cunha puntuación máxima de 72 puntos.
b) Na segunda procederase á valoración dos méritos específicos, sen que se poidan valorar os méritos que fosen puntuados na primeira fase. A puntuación máxima desta fase será de 43 puntos. A valoración dos méritos específicos deberá efectuarse mediante a puntuación obtida coa media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da Comisión de Valoración, e para estes efectos deberanse desbotar a máxima e a mínima concedidas ou, de ser o caso, unha das que aparezan repetidas como tales.
3. As puntuacións outorgadas a cada persoa candidata en cada epígrafe do baremo, así como a valoración final de cada fase e a suma de ambas as fases, deberán reflectirse na acta que se levantará para o efecto.
Quinta. Comisión de Valoración
1. A avaliación dos méritos corresponderá a unha Comisión de Valoración que será nomeada polo director xeral de Xustiza.
2. A Comisión estará integrada por:
a) Dúas persoas funcionarias do grupo A designadas de entre as que presten servizos na Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, das cales unha exercerá as funcións da Presidencia e outra as de Secretaría da Comisión.
b) Dous/dúas médicos forenses designados pola Dirección Xeral de Xustiza.
c) Dous/dúas médicos forenses ou persoal funcionario dos corpos da Administración de xustiza para cuxo ingreso se exixa unha licenciatura universitaria ou equivalente, designados por proposta das organizacións sindicais máis representativas.
As persoas representantes escollidas polas organizacións sindicais designaranse por proposta destas, e advertirase expresamente que, unha vez que a Administración solicite a proposta de designación, se esta non se leva a efecto no prazo de dez (10) días hábiles, se entenderá decaída a referida opción.
Unha vez recibida a proposta das organizacións sindicais, publicarase na intranet de Xustiza e na web da Consellería a resolución do director xeral de Xustiza na cal se nomean os membros da Comisión.
3. A Comisión de Valoración suplente terá a mesma composición que a Comisión titular, e os seus membros actuarán, con voz e voto, en ausencia xustificada dos seus correspondentes titulares.
4. A Comisión de Valoración poderá solicitarlle por escrito á autoridade convocante a designación de expertos que, en calidade de asesores, actúen con voz pero sen voto. Fóra deste suposto, non poderán participar na Comisión outros representantes distintos dos membros indicados no número 2.
5. A Comisión de Valoración poderá solicitar das persoas candidatas as aclaracións ou, se for o caso, a documentación adicional que se consideren necesarias para a comprobación dos méritos alegados.
6. A Comisión de Valoración terá a consideración de órgano colexiado da Administración e, como tal, estará suxeita ás normas contidas na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, as persoas que a integren estarán sometidas ás causas de abstención e recusación previstas na citada Lei 40/2015, do 1 de outubro.
Sexta. Procedemento
1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Comisión de Valoración proporá para o posto de traballo ofertado a persoa candidata que obtivese maior puntuación sumando os resultados das dúas fases do concurso e, no caso de empate, a quen teña maior antigüidade no corpo.
2. A proposta da Comisión de Valoración conterá as puntuacións obtidas en cada fase e publicarase na intranet de Xustiza e na web da Consellería.
3. As persoas interesadas poderán alegar e xustificar o que consideren conveniente sobre os resultados da valoración dentro dos dez (10) días hábiles seguintes ao da publicación na intranet de Xustiza e na web da Consellería.
4. A Comisión de Valoración resolverá sobre as alegacións e xustificacións presentadas e redactará a proposta de resolución, que elevará á Dirección Xeral de Xustiza, quen emitirá a resolución definitiva.
Sétima. Resolución do concurso
1. Este concurso deberá ser resolto no prazo máximo de seis (6) meses, contados desde o día seguinte ao da finalización da presentación de solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 51.3 do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, e a resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, motivarase de acordo co previsto no artigo 51.4 do citado regulamento.
2. O posto de traballo incluído nesta convocatoria non se poderá declarar deserto cando haxa concursantes que o solicitasen, agás no suposto en que, como consecuencia dunha reestruturación ou modificación da correspondente relación de postos de traballo, sexa amortizado ou modificado nas súas características funcionais, orgánicas ou retributivas.
3. A resolución deberá expresar o posto de orixe da persoa interesada a quen se lle adxudique destino.
Oitava. Carácter dos destinos adxudicados
1. O destino adxudicado como consecuencia da resolución deste concurso terá a consideración de voluntario, polo que non xerará dereito ao aboamento de indemnización por ningún concepto.
2. O destino adxudicado será irrenunciable. No entanto, e na medida en que se trata dun posto de traballo obtido por concurso específico, quen o obteña poderá renunciar a el se antes de finalizar o prazo de toma de posesión obtén outro destino mediante convocatoria pública; neste caso, ten a obriga de comunicarllo ao órgano convocante. De incumprir esta obriga de comunicación, deberá tomar posesión no primeiro dos destinos adxudicados.
3. O titular do posto de traballo obtido por concurso poderá renunciar a este mediante solicitude razoada e sempre que desempeñase o citado posto polo menos durante un ano.
Novena. Cesamento e toma de posesión
1. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de localidade do/da funcionario/a, de oito (8) días hábiles se implica cambio de localidade dentro da Comunidade Autónoma e de vinte (20) días se implica cambio de comunidade autónoma, coa excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma das Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, en que será dun (1) mes. Cando o/a adxudicatario/a da praza obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, ao prazo será de vinte (20) días.
2. O prazo para a toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao da publicación da resolución do concurso no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, ou no primeiro deles en caso de que a publicación non sexa simultánea en ambos.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde a dita publicación.
3. O cómputo dos prazos posesorios comezará cando finalicen os permisos ou licenzas, incluídos os de vacacións, que lle fosen concedidos á persoa a quen se lle adxudique o posto.
4. Efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos, agás nos supostos de reingreso ao servizo activo.
5. Cando, por calquera causa, o/a funcionario/a adxudicatario/a da praza non chegue a tomar posesión, poderáselle adxudicar o destino ao/á funcionario/a que obtivese a seguinte mellor puntuación.
ANEXO II
Posto de traballo convocado
Denominación: xefe/a de sección da Área de Patoloxía Forense.
Código do posto: XG9251820015001311.04.
Complemento xeral do posto 2024: 1.782,35 €.
Complemento específico do posto 2024: 868,44 €.
Centro de destino: Instituto de Medicina Legal de Galicia. Subdirección Territorial.
Localidade: A Coruña.
Funcións: as previstas nos artigos 15 e 16 do Decreto 119/2005, do 6 de maio (DOG do 18 de maio), polo que se crea o Instituto de Medicina Legal de Galicia.
Requisitos: cinco (5) anos de experiencia profesional como médico forense.
Formación específica: coñecementos e experiencia en patoloxía forense. Coñecementos de informática: sistemas operativos, tratamentos de texto, folla de cálculo, base de datos, internet e correo electrónico.
Forma de provisión: concurso específico de méritos.
ANEXO III
Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 72 puntos.
1. Antigüidade.
Cun máximo de 45 puntos, a razón de 2 puntos por cada ano completo de servizos. Os períodos inferiores ao ano computaranse proporcionalmente a razón de 0,0055 puntos por día, establecéndose os meses como de trinta (30) días.
2. Coñecementos da lingua galega.
Cun máximo de 12 puntos, a acreditación de coñecementos da lingua galega mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia ou a Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente, valorarase, segundo o nivel acadado, consonte unha das seguintes alíneas:
a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.
b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.
c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.
3. Actividades docentes, publicacións, comunicacións e asistencia a congresos. Cun máximo de 15 puntos, e segundo os criterios seguintes:
a) Por actividades docentes relacionadas coa medicina legal: ata 5 puntos, a razón de 0,2 puntos por cada dez horas de impartición en calquera organismo docente, público ou privado, oficialmente recoñecido ou homologado, así como en centros oficiais de formación de persoal funcionario.
b) Por publicacións e comunicacións relacionadas coa medicina legal: ata 8 puntos.
Por comunicacións en congresos nacionais: ata 0,2 puntos por cada unha.
Por comunicacións en congresos internacionais: ata 0,4 puntos por cada unha.
Por relatorios en congresos nacionais: ata 0,6 puntos por cada un.
Por relatorios en congresos internacionais: ata 0,8 puntos por cada un.
Por publicacións en revistas nacionais: ata 1 punto por cada unha.
Por publicacións en revistas internacionais: ata 1,2 puntos por cada unha.
Por participación en libros e monografías: ata 1,4 puntos por cada unha.
Para puntuar cada actividade, a Comisión de Valoración terá en conta o grao de participación do/da candidato/a na elaboración das comunicacións, estudos ou publicacións.
c) Por asistencia a congresos e xornadas sobre medicina legal: ata 2 puntos, a razón de 0,1 puntos por cada congreso nacional ou xornada. En todo caso, só se valorarán os cursos, congresos e xornadas que fosen organizados por colexios profesionais, asociacións profesionais de médicos forenses, universidades ou centros oficiais de formación ou homologados por estes.
d) Valoración da memoria presentada segundo o previsto na base terceira desta resolución: ata 0,2 puntos.
Segunda fase: valoración de méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.
A. Experiencia profesional. Cun máximo de 10 puntos; para este efecto valorarase:
Desempeñar nos institutos de medicina legal o posto de xefe/a de sección na Área de Patoloxía Forense: ata 10 puntos; valorarase ata 2 puntos por ano.
B. Titulacións académicas. Cun máximo de 20 puntos; para este efecto valoraranse:
1. A posesión do título de especialista en Medicina Legal e Forense, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 10 puntos.
2. A posesión do título de médico especialista en Anatomía Patolóxica ou do título de médico especialista en Antropoloxía Forense, expedidos ou homologados polo ministerio competente en materia de educación: ata 7 puntos.
3. A posesión do título de médico especialista en Medicina Interna, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 5 puntos.
4. A posesión do título de médico especialista en especialidade diferente ás comprendidas nas epígrafes anteriores, expedido ou homologado polo ministerio competente en materia de educación: ata 3 puntos.
5. A posesión dun título ou diploma universitario de máster en Anatomía Patolóxica: ata 4 puntos. Para estes efectos, só se valorarán os estudos de posgrao realizados en calquera universidade española, cunha duración mínima de 50 créditos entre teóricos e prácticos e cunha duración lectiva de, polo menos, un curso académico.
6. Doutoramento con premio extraordinario: ata 10 puntos.
Doutoramento con sobresaliente: ata 7 puntos.
Doutoramento con outras puntuacións: ata 3 puntos.
C. Coñecementos, formación profesional e investigación. Cun máximo de 10 puntos, en función dos méritos seguintes:
1. Por formación na Área de Patoloxía Forense: ata 10 puntos, a razón de ata 0,4 puntos por cada dez horas. Só se valorarán os méritos desta epígrafe se son froito de actividades convocadas e organizadas pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, e cando fosen homologados por unha Administración pública e excluirase a formación recibida para obter as titulacións académicas comprendidas na epígrafe B anterior.
2. Por formación específica noutras áreas da medicina forense ou en materias ou disciplinas médicas que garden relación co posto solicitado: ata 5 puntos, a razón de ata 0,2 puntos por cada dez horas. Só se valorarán os méritos desta epígrafe se son froito de actividades convocadas e organizadas pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, e cando fosen homologados por unha Administración pública, e excluirase a formación recibida para obter as titulacións académicas comprendidas na epígrafe B anterior.
3. Por bolsas e participación en proxectos de investigación oficiais en materias relacionadas co posto solicitado: ata 5 puntos, sempre que estas actividades non fosen valoradas na primeira fase (méritos xerais).
D. Coñecementos de informática e técnicas audiovisuais. Cun máximo de 3 puntos, para este efecto valoraranse:
Os cursos de formación informática (sistemas operativos, tratamento de textos, tratamento de imaxes, folla de cálculo, bases de datos, internet e correo electrónico), así como cursos de fotografía e métodos de reprodución, convocados e organizados pola universidade, institutos ou escolas oficiais, Centro de Estudos Xurídicos do Ministerio de Xustiza, Dirección Xeral de Xustiza ou Escola Galega de Administración Pública, así como os convocados polas organizacións sindicais, cando fosen homologados por unha Administración pública: ata 3 puntos, a razón de 0,1 puntos por cada dez horas de formación recibida.
