De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 21 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Avoceta Wind e as súas infraestruturas de evacuación, e se cancela a garantía económica depositada por Avoceta Solar, S.L. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede.
Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Denegar a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto de interese autonómico das instalacións do parque eólico Avoceta Wind e as súas infraestruturas de evacuación, sito nos concellos de Carballedo (Lugo) e San Cristovo de Cea, Vilamarín, Coles, O Pereiro de Aguiar e Ourense (Ourense) e promovido por Avoceta Solar, S.L., tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 19.7.2024.
Arquivar o expediente do parque eólico Avoceta Wind (expediente IN408A/2021/052).
Proceder á devolución da garantía depositada por Avoceta Solar, S.L. o 1.7.2021, por importe de 1.920.000 € e número de rexistro 902/2021, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Avoceta Wind.
Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:
O 27.12.2021, a promotora presentou telematicamente, ao abeiro do procedemento electrónico IN408A, a solicitude de autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e aprobación do proxecto de interese autonómico para o parque eólico Avoceta Wind e as súas infraestruturas de evacuación. O 1.4.2022, a promotora presentou documentación complementaria.
Con carácter previo, o 1.7.2021, a promotora depositou unha garantía económica por importe de 1.920.000 € e número de rexistro 902/2021, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico.
O 27.5.2022, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 31.5.2022, a promotora achegou o xustificante do pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa de parques eólicos.
O 18.11.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe establecido no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, concluíndo que as posicións dos aeroxeradores cumpren as distancias mínimas establecidas na disposición adicional quinta da dita lei.
O 3.8.2023, a promotora solicitou unha modificación substancial do parque eólico e achegou a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, esta modificación consiste no desprazamento da torre meteorolóxica, novo trazado das vías de acceso ás plataformas dos aeroxeradores AV06 e AV07, nova localización da subestación e cambio na relación de transformación, así como a incorporación ao proxecto da liña de evacuación, dunha subestación colectora e da liña de conexión desta coa subestación da rede de transporte Velle 220 kV.
O 27.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora, en relación coa súa solicitude de modificación substancial do 3.8.2023, o cumprimento dos requisitos a que fai referencia o artigo 29.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
O 22.11.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu un novo informe, de acordo co establecido no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, reiterando o cumprimento das distancias mínimas establecidas na disposición adicional quinta da dita lei.
Pola Resolución do 16 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental das instalacións do parque eólico Avoceta Wind e as súas infraestruturas de evacuación.
Durante o período de información pública presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.
Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou a emisión dos correspondentes condicionados técnicos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral para os que a empresa promotora presentou a correspondente separata do proxecto de execución.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Concello de Carballedo, Concello de Coles, Concello de Forcarei, Concello de Ourense, Concello de San Cristovo de Cea, Concello de Vilamarín, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e da Sociedade Galega de Historia Natural.
O 19 de xullo de 2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto do parque eólico, que fixo pública mediante o Anuncio do 19 de xullo de 2024 (DOG núm. 150, do 5 de agosto).
O 9.8.2024, esta dirección xeral notificoulle á promotora o acordo de inicio do procedemento de arquivamento de expediente, abrindo o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O 25.9.2024, a promotora achegou escrito no cal non formulou oposición ao mencionado acordo de inicio de arquivamento.
Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2024
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
