Antecedentes:
Correspóndelle ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) a realización da política de solo e vivenda da Xunta de Galicia co fin de garantir os dereitos constitucionais a unha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores con menos capacidade económica, e a unha utilización do solo de acordo co interese xeral, erradicando a especulación e actuando como elemento de regulación do mercado inmobiliario e de mellora da calidade ambiental, tal e como se establece no artigo 3 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
A urbanización de solo residencial de San Paio de Navia, en Vigo, incluída no PXOU de 1993, iniciouse coa sinatura, o 30 de xaneiro de 1992, dun convenio entre o IGVS e o Concello de Vigo co obxectivo de xerar solo destinado á construción de vivendas acollidas a algún réxime de protección pública. O IGVS é promotor do polígono de San Paio de Navia en Vigo, en virtude dese convenio. A superficie total do ámbito é de 728.069 m2.
O Plan parcial que establecía a ordenación detallada da totalidade do sector aprobouse definitivamente o 3 de xuño de 1996 polo Pleno do Concello de Vigo (DOG núm. 207, do 22 de outubro).
Esta aprobación levaba implícita a declaración da utilidade pública e de interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación, para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a súa execución.
Con base na ordenación establecida no dito plan parcial, urbanizouse a primeira fase do ámbito, de 463.933 m2 de superficie, na cal se construíron 3.732 vivendas protexidas, 384 delas promovidas polo IGVS como vivendas de promoción pública (das que 35 foron cedidas ao Concello).
Unha vez rematada esta primeira fase de urbanización e edificada a práctica totalidade das parcelas correspondentes, quedaba por desenvolver o resto do solo pendente de urbanizar onde se prevé a construción dunhas 1.599 vivendas.
Para o desenvolvemento desta fase de urbanización, o IGVS considerou conveniente modificar a ordenación prevista no Plan parcial orixinal, xa modificado puntualmente mediante a modificación puntual primeira do Plan parcial, aprobada o 25 de abril de 2005 polo Pleno do Concello de Vigo. Con esta finalidade, o IGVS encargou a redacción dunha segunda modificación do Plan parcial de maior alcance, pois modificaba completamente a ordenación inicial.
Esta modificación segunda do Plan parcial de San Paio de Navia foi aprobada definitivamente polo Acordo do Pleno do Concello de Vigo o 29 de xullo de 2020 (DOG núm. 183, do 9 de setembro).
Na segunda modificación puntual do Plan parcial tivéronse en conta as exixencias municipais referentes ao abastecemento e saneamento do sector recollidas nos diferentes informes técnicos municipais. En particular, de acordo co informe de viabilidade funcional das infraestruturas necesarias, ref. 199/403 do 13.10.2014, reforzaranse as conexións á rede municipal de abastecemento, na rúa Europa e no camiño de San Paio; e tamén o colector de descarga do polígono S-72-R, na rúa Ricardo Mella.
A segunda modificación puntual do Plan parcial recolle a división dos terreos pendentes de urbanizar en tres polígonos de actuación, cada un deles para desenvolver, de xeito independente, polo sistema de expropiación.
O proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos que se precisan ocupar para a execución do polígono número 1 do Plan parcial de San Paio de Navia (Vigo) e, consecuentemente, a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados, foi aprobado definitivamente mediante resolución da Dirección Xeral do IGVS o 26 de novembro de 2021 (DOG núm. 239, do 15 de decembro).
En vista das previsións contidas da modificación segunda do Plan parcial de San Paio de Navia, a Xunta do Goberno Local de Vigo, na sesión ordinaria do 31 de marzo de 2023, aprobou definitivamente o proxecto de urbanización do polígono 1 do Plan parcial de San Paio de Navia (Vigo). No referido proxecto recollíase a execución das redes interiores de saneamento pluvial e residual xunto coas conexións exteriores ás redes existentes na etapa I. Ademais, xa que a urbanización permitirá a construción de vivenda nova co conseguinte aumento dos caudais residuais, prevese o reforzo do colector de descarga do sector S-72-R na avenida Ricardo Mella (actualmente de PVC-600 mm), a partir da rotonda SO baixo a VG-20, conectando o colector do camiño do Xuncal (700 mm de diámetro) ata a descarga na marxe dereita do río Lagares, sendo a nova sección circular do colector de 1.000 mm de diámetro.
As obras do proxecto de urbanización do polígono 1, fases A e B, do Plan parcial de San Paio de Navia, Vigo, comezaron o 15 de novembro de 2023 coa sinatura da acta de comprobación da implantación e autorización do comezo da obra.
Co fin de poder executar os traballos de reposición deste tramo da conexión exterior do colector das augas residuais indicado, resulta necesario obter os dereitos necesarios sobre os terreos para a súa instalación, situados no exterior do ámbito dos novos polígonos de urbanización. Para a reposición do colector delimitouse un ámbito afectado no cal se constituirá unha servidume permanente ao longo do trazado da condución, e que ocasiona una serie de limitacións e imposicións. Así mesmo, defínese un ámbito de ocupación temporal dos terreos necesarios polo período de execución das obras. As parcelas, afectadas parcialmente, ascenden a un total de 8.
O 2 de outubro de 2024, a Dirección Xeral do IGVS resolveu a adxudicación do contrato do servizo de redacción do proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para a reposición do colector de augas residuais en Navia, Vigo, á empresa Estudio Técnico Gallego, S.A.
O 25 de outubro de 2024, a empresa Estudio Técnico Gallego presenta, a través do rexistro electrónico do IGVS, para a súa tramitación, o proxecto de expropiación (taxación conxunta) para a reposición do colector exterior das augas residuais do proxecto de urbanización do polígono 1 do Plan parcial de Navia. Na citada expropiación actúa como Administración expropiante e como beneficiario o IGVS.
O proxecto posúe o informe favorable da Oficina Técnica de Solo do IGVS do 29 de outubro de 2024.
Consideracións legais:
Primeira. O procedemento do expediente expropiatorio para a reposición do colector exterior das augas residuais dos proxectos de urbanización do Plan parcial de Navia iníciase en virtude da antedita aprobación definitiva da segunda modificación do Plan parcial de Navia de conformidade cos artigos 117.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 290.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, en que se establece que a expropiación se aplicará por polígonos completos e abarcará todos os bens e dereitos neles incluídos.
Segunda. O IGVS goza de potestade expropiatoria forzosa, en virtude do artigo 4.2 da Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do IGVS.
Terceira. Trátase dunha expropiación urbanística e, como tal, regulada na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; no Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana, e no Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016.
Cuarta. O artigo 85 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, establece que a aprobación dos instrumentos de planeamento urbanístico implicará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados para os fins da expropiación ou imposición de servidumes.
Quinta. O expediente formúlase polo procedemento de taxación conxunta e de acordo co disposto nos artigos 117 e 118 da Lei 2/2016; 42 e seguintes do Real decreto lexislativo 7/2015 e 290 e seguintes do Decreto 143/2016.
Sexta. Para os efectos de fixación do prezo xusto, o seu pagamento ás persoas propietarias e a ocupación dos predios afectados, confeccionouse o oportuno expediente, de acordo coa normativa previamente citada. Este expediente de taxación conxunta ten por obxecto a expropiación por parte do IGVS dos bens e dereitos necesarios para poder executar a reposición do colector indicado, para o que resulta necesario obter os terreos para a súa instalación.
Para a reposición do colector delimitouse un ámbito afectado en que se constituirá unha servidume permanente ao longo do trazado da condución, e que ocasiona una serie de limitacións e imposicións. Así mesmo, defínese un ámbito de ocupación temporal dos terreos necesarios polo período de execución das obras.
Sétima. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS é o órgano competente para asinar a presente resolución, en virtude das competencias conferidas polo artigo 12.2.k) do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS.
De conformidade co previsto no artigo 118.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e vista a proposta do 29 de outubro de 2024, da Dirección Técnica de Solo Residencial,
ACÓRDASE:
Primeiro. Aprobar inicialmente o proxecto de expropiación, polo procedemento de taxación conxunta, para a reposición do colector exterior das augas residuais dos proxectos de urbanización do Plan parcial de Navia.
Segundo. Someter á información pública polo prazo dun mes, mediante inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia, o citado proxecto de expropiación forzosa, para que aquelas persoas que poidan resultar interesadas formulen as observacións e reclamacións que xulguen convenientes, en particular, no que atinxe á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos.
Así mesmo, darase audiencia ao Concello de Vigo e notificarase ao Ministerio Fiscal e á Delegación Provincial do Ministerio de Economía e Facenda e, para os efectos previstos no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, publicarase no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado.
Igualmente, o expediente estará exposto polo prazo dun mes á disposición das persoas interesadas no Concello de Vigo e nas oficinas da Área Provincial do IGVS en Pontevedra, sitas na rúa Alcalde Hevia, 7, Pontevedra, das 9.00 ás 14.00 horas, ademais de na páxina web do IGVS https://igvs.xunta.gal/
Durante o antedito prazo, todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presentar as alegacións que consideren oportunas dirixidas á Área Provincial do IGVS en Pontevedra, no enderezo rúa Alcalde Hevia, 7, 36071 Pontevedra, así como nos lugares establecidos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
Terceiro. Notificarlles individualmente as valoracións ás persoas que aparecen como titulares dos bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal da correspondente folla de prezo xusto e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que poidan formular alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación.
Incorpórase como anexo a relación inicial de titulares, bens e dereitos afectados.
Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2024
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
ANEXO I
Relación inicial de titulares, bens e dereitos afectados pola reposición
do colector exterior das augas residuais dos proxectos de urbanización
do Plan parcial de Navia, Vigo
|
Nº predio |
Titular |
Referencia catastral |
Superficie total (m2) |
Superficie afectada (m2) |
|
|
Ocupación temporal |
Servidume |
||||
|
1 |
Pablo Alonso Costas María Luisa Monroy Chouza |
0227942NG2702N0001TQ |
587 |
155 |
155 |
|
2 |
Inés Costas Costas |
0227941NG2702N0001LQ |
587 |
0 |
290 |
|
3 |
Cacola |
0227999NG2702N0001GQ |
959 |
119 |
369 |
|
4 |
María Elena Costas Alonso |
0227998NG2702N0001YQ |
463 |
63 |
11 |
|
5 |
Manuel Mouriño Barros |
0227991NG2702N0001SQ |
600 |
120 |
0 |
|
6 |
Concepción López Táboas herd. de Serafín Mouriño Novas Manuel Mouriño Barros herd. de Otilia Barros Oya |
0227990NG2702N0001EQ |
645 |
143 |
0 |
|
7 |
Manuel Mouriño Barros Concepción López Táboas |
0227992NG2702N0001ZQ |
727 |
32 |
0 |
|
8 |
Distribuciones Daser, S.L. |
0227987NG2702N0001EQ |
2.126 |
8 |
0 |
