DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 8 de novembro de 2024 Páx. 59277

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 29 de outubro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 9 de agosto de 2024 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

A Resolución do 9 de agosto de 2024 (DOG núm. 158, do 19 de agosto) estableceu o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e a convocatoria para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

Coa finalidade de adaptar a dita resolución á normativa vixente, cómpre modificar o contido do punto 4 do artigo 5 e engadir un novo punto 3 ao artigo 13.

En concreto, o punto 4 do artigo 5 fai referencia aos réximes de calidade do artigo 16, punto 1, letras b) e c) do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Este regulamento actualmente está derrogado e cómpre suprimilo do dito artigo.

E, por outra banda, hai de engadir un novo punto 3 ao artigo 13 que conteña a referencia ás disposicións de control establecidas no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común (PAC), que tamén se aplican a esta axuda.

Esta modificación non afecta o prazo de presentación das solicitudes establecido no punto 1 do artigo 23 da resolución.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Resolución do 9 de agosto de 2024 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2024/25 (códigos de procedemento MR265B e MR265C)

Un. O punto 4 do artigo 5 da Resolución do 9 de agosto de 2024 queda redactado como segue:

«4. Os importes do anexo I incrementaranse nun 30 % para produtos avalados por réximes de calidade recoñecidos pola UE, establecidos no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e no Regulamento (UE) nº 2018/848 do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de maio, sobre produción ecolóxica e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello.

Dentro destes réximes de calidade están incluídos, entre outros: agricultura ecolóxica, denominación de orixe protexida (DOP), indicación xeográfica protexida (IXP), produción integrada e Leite Galega 100 %».

Dous. No artigo 13, Controis, engádese un punto 3:

«3. As disposicións de control establecidas no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común (PAC), tamén se aplican a esta axuda».

Disposición adicional única

Esta modificación non afecta o prazo de presentación das solicitudes establecido no punto 1 do artigo 23 da resolución.

Disposición derradeira única

Esta resolución terá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso escolar 2024/25.

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2024

Juan José Cerviño Varela
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria