DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 15 de novembro de 2024 Páx. 60621

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2022/378-4).

Expediente: IN407A 2022/378-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS enlace BAL701 e BAL705, CTC rúas Ramiro Pascual e de Macal.

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 30 de setembro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS enlace BAL701 e BAL705, CTC rúas Ramiro Pascual e de Macal.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 198.093,52 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade enlazar as saídas de subestación BAL701 e BAL705 e ampliar a rede cun novo centro de transformación mediante as seguintes actuacións previstas nas rúas Ramiro Pascual e Macal, na parroquia de Castrelos, no concello de Vigo (Pontevedra):

Instalación dun centro de transformación de 400 kVA de potencia, de superficie de manobra interior 3L1P telecontrolado con GPRS/FO en envolvente prefabricada de formigón con telexestión BT, que estará situado na parcela con referencia catastral 2921901NG2722S0001YJ.

Retirada dos seguintes tramos aéreos BAL7012784, BAL7012762, BAL7012769, BAL7012773, BAL7012774, BAL7012771, BAL7012777, BAL7012761, BAL7012746, BAL7012760 e BAL7012767, nun total de 1.138 metros de liña, un apoio de celosía, cinco apoios de formigón, trece apoios raíl e dous XS (36HT99 e 36H329).

Retirada do tramo subterráneo BAL7012758.

Para o soterramento da liña de media tensión retirada (a LMTA BAL701 Valadares 1 desde o centro de transformación existente As Carneiras 2 ata o apoio existente 9WH98US5//26-14-6), proxéctase unha liña de media tensión subterránea de 1.147 metros.

2. Este departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas e a Deputación Provincial de Pontevedra. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por AESA e polo Concello de Vigo.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos polo que, en consecuencia, se entende a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Mediante escrito do 10 de novembro de 2022, este departamento territorial notificoulle a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da referida instalación eléctrica á persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 10 de novembro de 2022, publicada nos seguintes medios:

DOG (Diario Oficial de Galicia): 5.12.2022.

Xornal Faro de Vigo: 19.11.2022.

Taboleiro de anuncios do Concello de Vigo.

Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

5. O 20 de decembro de 2022, María del Rocío Martínez Martínez, en representación de Ramilo, S.L., presentou un escrito en que alega:

• A falta de xustificación da necesidade de declaración de utilidade pública.

• A instalación do centro de transformación comportaría problemas de seguridade para a empresa xa que se suporía unha abertura no cercado para crear un acceso independente.

• Afirma que hai alternativas tecnicamente viables e máis fáciles.

• A proposta de UFD supón un grave prexuízo para a empresa ao afectar o seu funcionamento e a súa operatividade.

• Propón como solución alternativa o desprazamento do centro de transformación uns metros cara á esquerda, a eliminación do apoio 9WH98US5//26-14-6 e a colocación dunha arqueta na cal se realizaría o empalme da liña do abonado coa nova liña proxectada.

6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa resposta, UFD destaca que se se proxecta a eliminación do apoio 9WH98US5//26-14-6, a eliminación dos XS 36HT99 e a realización dun empalme coa liña de media tensión subterránea (LMTS) proxectada, a LMTS desde o centro de transformación de compañía proxectado pasaría a ser propiedade particular. O centro de transformación particular Ramilo (36P510) pasaría a ter un punto de entroncamento en media tensión nunha das celas de saída do centro de transformación proxectado.

7. O 19 de xaneiro de 2023, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (COEIG) presentou unha alegación en que solicitou que se inadmita ou, de se o caso, se denegue a solicitude de autorización administrativa previa, de construción e declaración de utilidade pública. En síntese, alega que o proxecto técnico vén asinado por un enxeñeiro técnico industrial sen especificar a súa especialidade, o que impide apreciar a competencia do enxeñeiro, xa que nas atribucións dos enxeñeiros técnicos industriais rexe o principio de especialidade técnica.

8. Déuselle traslado desta alegación á empresa promotora. Esta destaca que os enxeñeiros técnicos industriais teñen atribucións plenas e ilimitadas dentro da súa especialidade, e parcialmente limitadas nas demais especialidades industriais. Estas limitacións noutras especialidades industriais son: industriais ou instalacións mecánicas, químicas ou eléctricas, cuxa potencia non exceda os 250 CV, a tensión de 15.000 V e o seu persoal de cen persoas. O límite de tensión será de 66.000 V cando as instalacións se refiran ás liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica. Neste proxecto non é necesario que o enxeñeiro técnico industrial especifique a súa especialidade, pois as instalacións eléctricas proxectadas (liñas de distribución e a súa tensión) non superan os 66.000 V.

9. Os servizos técnicos deste departamento territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Con relación aos prexuízos ocasionados, informan de que os poderá pór de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento o titular concretará o valor en que taxe o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Con relación ao recoñecemento, en concreto, de utilidade pública destas instalacións, e de acordo coa normativa, será necesario que a empresa interesada o solicite e inclúa unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No caso que nos ocupa, a empresa distribuidora solicita a declaración de utilidade pública e entrega a relación de bens e dereitos afectados (RBDA).

Respecto ao trazado alternativo proposto, non se xustifica por parte da alegante o cumprimento conxunto das epígrafes do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000. Ademais, a alternativa proposta suporía a eliminación do punto fronteira.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor tipo RHZ1, en catro actuacións. A primeira é de 172 metros de lonxitude, con orixe no centro de transformación existente As Carneiras 2 (36CDM2) e final no apoio existente 9WLD6N7C//26-17 mediante dobre paso aéreo subterráneo (PAS). A segunda actuación é de 528 metros e ten orixe no apoio existente 9WLD6N7C//26-17 mediante dobre PAS e final no centro de transformación (CT) proxectado. A terceira actuación é de 84 metros, con orixe no CT proxectado e final no apoio existente 9WH98US5//26-14-6 mediante dobre PAS. A cuarta actuación é de 363 metros, con orixe no CT proxectado e final no centro de seccionamento existente bombeo estrada Universidade (36CKG5).

Centro de transformación a 400 kVA, con RT 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 2921901NG2722S0001YJ, no concello de Vigo (Pontevedra).

A instalación está situada nas rúas Ramiro Pascual e Macal, na parroquia de Castrelos, no concello de Vigo (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

En relación coa declaración de utilidade pública e a urxente ocupación que leva implícita, sinálase que o artigo 54 da Lei 24/2013 e o 140 do Real decreto 1955/2000 establecen que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición e exercicio da servidume de paso. Esta declaración de utilidade pública esténdese aos efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e das súas localizacións cando, por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais, sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais.

O artigo 140.3 do Real decreto 1955/2000, ademais, recolle que para o recoñecemento, en concreto, da utilidade públicas destas instalacións, será necesario que a empresa interesada o solicite e inclúa unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

Con relación aos prexuízos que causa a instalación do centro de transformación na parcela, é sabido que estes deben ser efectivos, avaliables economicamente, individualizados e probados. No seu escrito, a alegante limítase a unhas meras consideracións xerais e abstractas dos prexuízos e non existe concreción dos danos. Porén, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento da acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outra, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase pór de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que considere, como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permítelle ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Respecto ao trazado proposto pola alegante, este carece da necesaria concreción, pois non permite calibrar cal é o orzamento das actuacións, as súas medidas reais, a porcentaxe da modificación ou se existen outros predios afectados non previstos inicialmente. En definitiva, a proposta non queda debidamente concretada desde un punto de vista económico e técnico, nin se acredita nela que cumpre os tres condicionamentos exixidos polo citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Ademais, suporía a eliminación do punto fronteira.

Con respecto ás alegacións presentadas polo COEIG, considérase que se xustifica a competencia profesional ao non se superar a limitación cuantitativa de 66 kV de tensión, referida a liñas de distribución e subestacións de enerxía eléctrica, establecida no Real decreto lei 37/1977, do 13 de xuño, sobre atribucións dos peritos industriais. Esta determinación foi ratificada pola Sentenza do 9 de xullo de 2002, do Tribunal Supremo, ditada no ámbito do recurso de casación número 7785/1994, que se sustenta na idea de que «na asignación de atribucións dos antigos peritos que a favor dos enxeñeiros técnicos fai o artigo 2.4 da Lei 12/1986, non hai ningunha limitación por razón de especialidade, e que isto fai que esas atribucións deban considerarse xenéricas», polo que os enxeñeiros técnicos «son organizados segundo especialidades e, dentro de cada unha destas, elles recoñecida a plenitude de atribucións e facultades profesionais», pero «subsisten as antigas facultades xenéricas con límites cuantitativos», que o Real decreto lei de 1977 lles atribúe aos antigos peritos.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS enlace BAL701 e BAL705, CTC rúas Ramiro Pascual e de Macal, expediente IN407A 2022/378-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación, ante este departamento territorial, xunto coa da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas adecuadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 22 de outubro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados, Concello de Vigo

Lugar

Terreo

Referencia catastral

Titular

CT m2

Afeccións

Lonx.

m2 sub.

1

Castrelos

Urbano

2921901NG2722S0001YJ

Ramilo, S.L.

35,41

24,00

78,09