Expediente: IN407A 2022/361-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: recuamento LMT LOZ806-807A e LMTS LOZ808A e CS Casa do Mar.
Concello: Pontevedra.
Feitos
1. O 21 de setembro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada recuamento LMT LOZ806-807A e LMTS LOZ808A e CS Casa do Mar.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no cal figura un orzamento total de 115.472,22 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na rúa Rosalía de Castro e na avenida de Marín, en Mollavao, no concello de Pontevedra:
Instalación dun centro de seccionamento compacto de manobra exterior 3L+TT, con dúas celas de saídas telecontroladas vía GPRS/3G en envolvente prefabricadas de formigón.
Recuamento do dobre circuíto aéreo das liñas de media tensión LOZ806 A Barca e LOZ807A Malecón 7 desde o apoio A1R7746C//D1 ata o apoio A23BEQEH//D11, desmontando un total de 498 metros do condutor LA-110, oito apoios de formigón e tres de celosía.
Desmontaxe de 140 metros da liña de media tensión aérea (LMTA) LOZ806 desde o apoio A23BEQEH//D11 ata o apoio A23BEQEH//D11-3, tramos LOZ8060490 e LOZ8060481, dous apoios de formigón e un de celosía.
Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 1.260 metros como consecuencia do recuamento do dobre circuíto aéreo da LMTA LOZ806-807A.
Instalación dunha LMTS de 88 metros para alimentar o centro de seccionamento proxectado.
2. Este departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Pontevedra, a Axencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA), ADIF, Augas de Galicia, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Demarcación de Estradas do Estado e a Demarcación de Costas do Estado. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por AESA, Demarcación de Estradas do Estado e Concello de Pontevedra.
ADIF manifestou que as obras proxectadas non estarían afectadas pola zona de afección do ferrocarril.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos polo que, en consecuencia, se entende a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. Mediante escritos do 11 de outubro de 2022, este departamento territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.
4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 11 de outubro de 2022, publicada nos seguintes medios:
DOG (Diario Oficial de Galicia): 4.11.2022.
Xornal Faro de Vigo: 18.10.2022.
Taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra.
Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
5. O 13 de decembro de 2022, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) presentou as seguintes alegacións:
• Reivindica a titularidade dos terreos afectados.
• Non parece xustificada a necesidade de crear a servidume de paso por terreos da TXSS, pois o trazado por terreo lindeiro é de menor percorrido e máis directo.
• Evoca o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, en canto á prohibición de imposición de servidumes.
6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora, que non contestou.
7. O 9 de agosto de 2023, o Sergas achegou un escrito de alegacións no cal destaca:
• Durante as obras xeraranse po e ruído de maquinaría que afectarían a actividade asistencial do centro, así como problemas no tráfico e no estacionamento da zona. As obras tamén implicarían a corta de árbores.
• As futuras servidumes que se crean imposibilitarían a realización de obras no terreo (saneamento, auga, aparcadoiros, etc.).
• O centro de transformación existente non se alimentaría desta obra, polo que non parece ser unha mellora da subministración eléctrica.
• Afirma que hai alternativas en zonas públicas próximas.
8. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora, que manifestou que:
• O proxecto non contravén o disposto na lexislación na materia e que é o máis axeitado ao respectar os condicionamentos técnicos e legais vixentes.
• O Sergas non fai unha proposta concreta de variación, senón unha simple manifestación de que se cambie o trazado e a localización do centro de seccionamento proxectado.
• Debido ao recuamento do dobre circuíto das liñas áreas de media tensión LOZ806 e LOZ807A, faise necesaria a instalación dun centro de seccionamento que servirá de punto de enganche en media tensión para o centro de transformación existente Casa do Mar (36PG70), actualmente alimentado pola LMTA que se vai desmontar.
9. Os servizos técnicos deste departamento territorial á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Con relación ao recoñecemento, en concreto, de utilidade pública destas instalacións, e de acordo coa normativa, será necesario que a empresa interesada o solicite, e inclúa unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No caso que nos ocupa, a empresa distribuidora solicita a declaración de utilidade pública e entrega a relación de bens e dereitos afectados (RBDA).
En relación coa limitación da servidume de paso, cabe indicar que, aínda que a parcela ocupe menos de media hectárea, esta debe estar anexa a unha vivenda e non a un centro de saúde.
Con relación á titularidade da parcela, o 16 de outubro de 2022, o Sergas comunicou que a titularidade corresponde á TXSS.
En canto ás afeccións producidas polas obras, tales como ruído, po, circulación rodada, etc., cómpre indicar que deberán estar previstas e comunicadas aos afectados antes do inicio dos traballos.
Respecto aos trazados alternativos propostos, non se xustifica por parte dos alegantes o cumprimento conxunto das epígrafes do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Liña de media tensión subterránea (LMTS) DC LOZ806-LOZ807A, a 20 kV, con condutor RHZ1, en dúas actuacións. A primeira actuación, LOZ806, é de 630 metros, con orixe na arqueta proxectada na LMTS LOZ8060499 e final no empalme na arqueta existente na LMTS LOZ8060498. A segunda actuación, LOZ807A, é de 630 metros, con orixe na arqueta proxectada na LMTS LOZ807A0895 e final no empalme na arqueta existente na LMTS LOZ807A0903.
LMTS LOZ808A a 20 kV, con condutor RHZ1, de 88 metros de lonxitude, con orixe e final na arqueta proxectada no tramo da LMTS LOZ808A0621, facendo entrada e saída no centro de seccionamento proxectado.
Centro de seccionamento con celas compactas con corte en SF6 (3L, 2 telecontroladas) situado na parcela con referencia catastral 8672802NG2987S0001JZ, na avenida de Marín.
As instalacións están situadas na rúa Rosalía de Castro e avenida de Marín, Mollavao, no concello de Pontevedra.
4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:
Respecto á declaración de utilidade pública, no sistema regulador do sector eléctrico a declaración de utilidade pública require basicamente dous requisitos: a xustificación da necesidade da instalación de que se trate, o que leva implícita a súa utilidade pública, e a determinación dos bens e dereitos cuxa expropiación afecta. A propia distribuidora xunta unha relación de bens e dereitos afectados e pon de manifesto que na zona hai que mellorar a calidade da subministración. A calidade do servizo é unha obriga das empresas distribuidoras.
En relación coa limitación da servidume de paso, cabe remitir ao dito polos servizos técnicos deste departamento territorial: que non se pode aplicar o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
En canto á titularidade da parcela, tómase nota do manifestado polo Sergas o 16 de outubro de 2022.
En canto ás molestias producidas pola execución das obras, cabe reafirmar o dito polos servizos técnicos: a empresa promotora debe prevelas e comunicalas aos afectados antes do inicio dos traballos.
Respecto ao trazado proposto polos alegantes, este carece da necesaria concreción, pois non permite calibrar cal é o orzamento das actuacións, as súas medidas reais, a porcentaxe da modificación ou se existen outros predios afectados non previstos inicialmente. En definitiva, a proposta non queda debidamente concretada desde un punto de vista económico e técnico, nin se acredita nela que cumpre os tres condicionamentos exixidos polo citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Por último, cómpre destacar que a instalación do centro de seccionamento se realiza por mor do soterramento da LMTA. Ademais, a desmontaxe dos tramos LOZ8060490 e LOZ8060481 que alimentan aos centros de transformación Casa do Mar (36PG70) e Fonte Santa (36CGN9) obriga a que pasen a estar alimentados por outra liña. No caso do centro de transformación Casa do Mar, pasará a ser alimentado pola LOZ808A, a través dunha das celas de saída do CS proxectado.
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada recuamento LMT LOZ806-807A e LMTS LOZ808A e CS Casa do Mar, expediente IN407A 2022/361-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación, ante este departamento territorial, xunto coa seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas adecuadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
5. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada, ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 22 de outubro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados, Concello de Pontevedra
|
Nº |
Lugar |
Clase |
Referencia catastral |
Titular/Afectados |
Afeccións |
||
|
Canaliz. subt. |
CT+beirarrúa perimetral (m2) |
||||||
|
Lonx. |
sup. (m2) |
||||||
|
1 |
Mollavao |
Urbano |
8672802NG2987S0001JZ |
TXSS e Sergas (Xunta de Galicia) |
29,00 |
101,14 |
13,78 |
