Expediente: IN407A 2023/091-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS e CT Casas Novas.
Concello: Cambados.
Feitos:
1. O 16 de febreiro de 2023, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e CT Casas Novas.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Tito Arias Santos, colexiado LE-1010, e no que figura un orzamento total de 78.280,01 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na rúa Aldea Nova, en Casas Novas, na parroquia de Vilariño, no concello de Cambados (Pontevedra):
– Instalación dun centro de transformación rural de 160 kVA de potencia, con envolvente prefabricada en formigón, situado na parcela con referencia catastral 36006A017004790000OS.
– No apoio F1SFJDPJ instálanse uns fusibles de tipo XS, un paso aéreo-subterráneo e unha cruceta recta de tipo CR-1 en substitución da existente.
– Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 167 metros de lonxitude para alimentar o centro de transformación proxectado.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Cambados, Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido polo Servizo do Patrimonio Cultural.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. Mediante un escrito do 21 de marzo de 2023, este departamento territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.
4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 21 de marzo de 2023 publicada nos seguintes medios:
– DOG (Diario Oficial de Galicia): 18.4.2023.
– Xornal Faro de Vigo: 17.4.2023.
– Taboleiro de anuncios do Concello de Cambados, desde o 18.4.2023 ata o 1.6.2023, segundo o certificado emitido polo propio Concello.
– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
5. O 11 de abril de 2023 e o 21 de abril de 2023, Ramón Chávez Domínguez presentou escritos de alegacións que foron traslados á empresa promotora.
6. O 22 de maio de 2023, UFD comunicou que chegou a un acordo con Ramón Chávez Domínguez, propietario da parcela con referencia catastral 36006A017004790000OS. Coa solicitude, UFD presentou unha copia do acordo acadado.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro,de réxime xurídico do sector público.
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1, de 167 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente F1SFJDPJ, mediante un paso aéreo subterráneo, e final no centro de transformación (CT) proxectado.
Centro de transformación a 160 kVA, con R.T. 20 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36006A017004790000OS.
A instalación está situada en Casas Novas, parroquia de Vilariño, no municipio de Cambados (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS, CT Casas Novas, expediente IN407A 2023/091-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 23 de outubro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
