Expediente: IN407A 2023/338-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación da instalación: LMT, CT e RBT Regueira.
Concello: Pontedeume.
Feitos:
1. O día 10 de xaneiro de 2024, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica. O obxecto do proxecto é mellorar a calidade de subministración no lugar da Regueira.
Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000 e que abrangue os seguintes documentos:
• Proxecto de execución denominado: LMT, CT e RBT Regueira, asinado o 15 de maio de 2023 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con núm. colexiado 2.980 de Vigo.
• Anexo 1 ao proxecto, asinado o 23 de abril de 2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, con núm. colexiado 2.980 de Vigo.
• Informe para a Consellería de Economía e Industria, asinado o 27 de setembro de 2024 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico e núm. colexiado 2.980 de Vigo.
2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
3. Inicialmente, a empresa promotora solicitou a declaración de utilidade pública do dito proxecto e autorizouse o acordo de información pública o 27 de setembro de 2023. O 10 de xaneiro de 2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a desistencia da DUP ao obter os acordos previos con todas as persoas propietarias dos bens e dereitos afectados, ao abeiro do artigo 46.e) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, dunha separata do proxecto inicial e do anexo 1, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe ao Servizo de Infraestruturas Agrarias-Departamento Territorial da Consellería do Medio Rural da Coruña; Augas de Galicia (Zona Hidrográfica Galicia Norte)-Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña; Demarcación de Estradas do Estado en Galicia-Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, e ao Concello de Pontedeume. A empresa promotora manifestou a súa aceptación do informe de non afectación establecido polo Servizo de Infraestruturas Agrarias. No día desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos afectados, é dicir, Augas, Estradas e o Concello, á emisión dos condicionados solicitados.
5. O 9.10.2024 emitiuse un informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
Segunda. Lexislación de aplicación:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).
Terceira. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están no lugar da Regueira, no concello de Pontedeume.
– Liña de media tensión soterrada (LMTS) alimentada pola PED-709 a 15 kV, cunha lonxitude de 672 metros, condutor RHZ1 2OL 12/20 kV 3(x1x150) Al, con orixe en cela de liña existente no CT Mammer (15CCFN) e final no CT proxectado.
– Centro de transformación (CT) compacto rural manobra exterior, de 100 kVA e relación de transformación 15/0,4 kV, alimentado pola LMTS proxectada.
Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
De acordo con todo o exposto,
RESOLVO:
1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para a dita instalación de distribución eléctrica.
2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.
A Coruña, 28 de outubro de 2024
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
