DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 19 de novembro de 2024 Páx. 61047

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Mos (expediente IN407A 2022/311-4).

Expediente: IN407A 2022/311-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS e substitución CTI Roublín 36AB43 por CTC.

Concello: Mos.

Feitos:

1. O 5.8.2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMTS e substitución CTI Roublín 36AB43 por CTC.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e no que figura un orzamento total de 59.769,87 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na parroquia de Pereiras, no concello de Mos (Pontevedra):

• Retirada do centro de transformación intemperie Roublín (36AB43) de 160 kVA situado no apoio A2L7QX7V//FCTV38HI pola imposibilidade de aumentar a súa potencia.

• Instalación dun novo centro de transformación compacto manobra exterior 2L1P TC TG de 400 kVA en envolvente prefabricada de formigón que se conectará á liña ATI7220295 a través dun paso aéreo subterráneo no apoio A2L7QX7V//FCTV38HI.

• Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 22 metros para alimentar o centro de transformación proxectado.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mos, a Agencia Estatal de Seguridad Aérea (AESA) e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por AESA.

Os demais organismos que non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

3. Mediante escrito do 12.9.2022, este departamento territorial notificou a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica á única persoa que figura afectada pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 12.9.2022, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 3.10.2022.

– Xornal Faro de Vigo: 26.9.2022.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Mos, desde o 14.9.2022 ata o 27.10.2022, segundo o certificado emitido polo propio concello.

– Portal de transparencia e goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

5. O 13.10.2022, Erundina Lorenzo Silva achegou un escrito de alegacións no que destaca:

• As instalacións eléctricas proxectadas limitan enormemente a posibilidade de rehabilitación da construción existente na súa parcela.

• Con base no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, oponse totalmente á instalación das infraestruturas eléctricas na súa parcela, afirmando que existen outras posibles localizacións, tales como aproveitar o apoio existente no extremo sur da parcela ou o camiño de servidume que discorre dentro da súa propiedade tamén no extremo sur.

6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora que non contestou.

7. Os servizos técnicos deste departamento territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas, emitindo o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo con Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

En relación á limitación da servidume de paso, cabe indicar que, consultada a referencia catastral 36033A071000060001DM na sede electrónica do catastro, se observa que figura unha construción en estado ruinoso que non se pode considerar vivenda, xa que carece de cuberta e condicións de habitabilidade. Logo non se pode aplicar o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Respecto dos trazados alternativos propostos, non se xustifica por parte da alegante o cumprimento conxunto dos puntos do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000.

Con relación aos prexuízos ocasionados, informan que poderá poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que considere o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor tipo RHZ1, de 22 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente HV-1000-11 con matrícula A2L7QX7V//FCTV38HI, mediante un paso aéreo subterráneo, e final na cela de media tensión do centro de transformación proxectado.

• Centro de transformación compacto, manobra exterior telecontrolado, a 400 kVA con RT 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36033A071000060001DM.

A instalación está situada no camiño do Quinteiro, Pereiras, no municipio de Mos (Pontevedra).

4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

En relación á limitación da servidume de paso, cabe remitir ao dito polos servizos técnicos deste departamento territorial: que non se pode aplicar o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Con relación ao prexuízo que causa a instalación das infraestruturas eléctricas proxectadas, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que considere como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Respecto dos trazados proposto pola alegante, estes carecen da necesaria concreción, como queira que non permite calibrar cal é o orzamento das actuacións, as súas medidas reais, a porcentaxe da modificación ou se existen outros predios afectados non previstos inicialmente. En definitiva, a proposta non queda debidamente concretada desde un punto de vista económico e técnico, nin se acredita nela que cumpre os tres condicionamentos exixidos polo citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e substitución CTI Roublín 36AB43 por CTC, expediente IN407A 2022/311-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 23 de outubro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados-Concello de Mos

Lugar

Cultivo

Referencia catastral

Titular

Caseta CT

Canalización subterránea

Lonx.

Sup. m2

Lonx.

Sup. m2

1

Casal

Sen edificar

36033A071000060001DM

Erundina Lorenzo Silva

16,81

7,00

12,20