Expediente: IN407A 2022/398-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: regulamentación LMTA TRO703 Trasiego-Barreiro 3 do apoio A1NI7PC9//52-5 e CT Cidadelle 36CC46.
Concello: Redondela.
Feitos:
1. O 5 de outubro de 2022, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Regulamentación LMTA TRO703 Trasiego-Barreiro 3 do apoio A1NI7PC9//52-5 e CT Cidadelle 36CC46.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Tito Arias Santos, colexiado 1010 do COIILE, e no cal figura un orzamento total de 71.761,38 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade as seguintes actuacións na liña de media tensión TRO703, no camiño Traída a Chapela e Picoto-Chapela no concello de Redondela (Pontevedra):
– Retirada dos apoios A1LBDGB5//52-8-CTC, A1LLTN1I//52-7, A1MERKT0//52-6 e A1NI7PC9//52-5.
– Retirada do tramo de 411 metros entre os apoios A1LBDGB5//52-8-CTC e A1NI7PC9//52-5.
– Instalación dos apoios C-2000/14 (en substitución do A1NI7PC9//52-5) e C-4500/14 (en substitución do A1MERKT0//52-6).
– Regulación do condutor existente (185 metros) entre os apoios A1QAHHJN//52-4 (existente) e C-2000/14 (proxectado).
– Substitución do condutor entre os apoios proxectados cunha lonxitude total de 91 metros.
– Instalación dun novo trazado subterráneo de 405 metros entre o apoio proxectado C-4500/14 e o centro de transformación Cidadelle 36CC46.
2. Este departamento territorial solicitoulles o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido por AESA.
Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, polo que, en consecuencia, se entende a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.
3. Mediante escrito do 1 de decembro de 2022, este departamento territorial notificoulles a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da referida instalación eléctrica ás persoas que figuran afectadas pola declaración de utilidade pública na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.
Para aqueles casos en que non foi posible efectuar notificacións, o 2 de xaneiro de 2023 e o 13 de xaneiro de 2023 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia.
4. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 1 de decembro de 2022, publicada nos seguintes medios:
– DOG (Diario Oficial de Galicia): 3.1.2023.
– Xornal Faro de Vigo: 21.12.2022.
– Taboleiro de anuncios do Concello de Redondela, desde o 9 de decembro de 2022 ata o 20 de xaneiro de 2023, segundo o certificado emitido polo propio concello.
– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
5. O 23 de xaneiro de 2023, Emilio Parada Covelo presentou un escrito de alegacións no cal propón un trazado alternativo e afirma que a solución presentada por UFD mantén o defecto de distancia de condutores a partes non accesibles de vivendas (en concreto, as edificacións con referencia catastral 8091310NG2789S0001JX e 8091309NG2789S0001SX), que causa afección sobre a parcela nº 1 cando dispón de solo viario público e que provoca impacto visual.
6. As alegacións presentadas foron trasladadas á empresa promotora. Na súa resposta, UFD destaca que os novos apoios proxectados se situarán baixo o trazado existente e que, polo tanto, non é viable o trazado alternativo proposto.
7. Os servizos técnicos deste departamento territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
Con relación ao recoñecemento, en concreto, de utilidade pública de estas instalacións, e de acordo coa normativa, será necesario que a empresa interesada o solicite e inclúa unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No caso que nos ocupa, a empresa distribuidora solicita a declaración de utilidade pública e entrega a relación de bens e dereitos afectados (RBDA).
Respecto ao trazado alternativo proposto, non se xustifica por parte do alegante o cumprimento conxunto das epígrafes do artigo 161 «Limitacións á constitución de servidume de paso» do Real decreto 1955/2000. Ademais, o dito cambio afectaría terceiros.
Con relación aos prexuízos ocasionados, informan de que os poderá pór de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento o titular concretará o valor en que taxe o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
Con relación ao impacto visual e paisaxístico, cabe informar que non se trata dun proxecto sometido a avaliación de impacto ambiental segundo o anexo II e o anexo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación a este expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 15 kV, con condutor LAC 80, de 185 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente A1QAHHJN/52-4 e final no apoio proxectado A1NI7PC9//52-5 (regulación condutor existente).
– LMTA a 15 kV, con condutor LA-110, de 91 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado A1NI7PC9//52-5 e final no apoio proxectado A1MERKT0//52-6.
– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1, de 405 metros de lonxitude, con orixe no apoio proxectado A1MERKT0//52-6 e final no centro de transformación Cidadelle 36CC46.
– A instalación está situada no camiño Traída a Chapela e Picoto-Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra).
4. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:
– Respecto ao trazado proposto polo alegante, este carece da necesaria concreción, pois non permite calibrar cal é o orzamento das actuacións, as súas medidas reais, a porcentaxe da modificación ou se existen outros predios afectados non previstos inicialmente. En definitiva, a proposta non queda debidamente concretada desde un punto de vista económico e técnico, nin se acredita nela que cumpre os tres condicionamentos exixidos polo citado artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
– Con relación ao prexuízo que causa a instalación do apoio na parcela, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento da acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outra, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.
– Respecto ao defecto de distancia de condutores a partes non accesibles de vivendas, destácase que a liña entre o apoio proxectado C-4500/14 e o centro de transformación Cidadelle 36CC46 será soterrada e os apoios A1NI7PC9//52-5 e A1MERKT0//52-6 serán substituídos por outros de maior altura. En canto a outros tramos da liña ou outras liñas, estes non son obxecto deste proxecto.
– Por último, cómpre destacar que este proxecto non está recollido no anexo II da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgarlle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación LMTA TRO703 Trasiego-Barreiro 3 do apoio A1NI7PC9//52-5 e CT Cidadelle 36CC46, expediente IN407A 2022/398-4, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
3. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación, ante este departamento territorial, xunto coa seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra no cal se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas adecuadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
5. O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 24 de outubro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados-Concello de Redondela
|
Nº |
Lugar |
Cultivo |
Referencia catastral |
Titular |
Apoio |
|
|
nº |
m2 |
|||||
|
1 |
Louriña |
Prado |
36045A053002670000WU |
Emilia Parada Covelo |
A1MERKT0//52-6 |
2,00 |
|
2 |
Louriña |
Eucaliptal |
36A45A053002780000WP |
Descoñecido/a |
A1NI7PC9//52-5 |
2,00 |
