DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 226 Venres, 22 de novembro de 2024 Páx. 61770

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Vigo

ANUNCIO do 12 de agosto de 2024 de notificacións de resolucións de requirimento a titulares descoñecidos para lembrarlles a obriga de execución de xestión da biomasa vexetal e, se é o caso, a retirada de especies arbóreas prohibidas.

De conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co artigo 22.3 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, notifícase, por medio deste anuncio, no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de anuncios do Concello de Vigo aos/ás interesados/as que resultan descoñecidos, as resolucións dos procedementos que se citan a seguir.

Para os efectos do cómputo de prazos nos correspondentes procedementos administrativos que se citan, computaranse desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Boletín Oficial del Estado.

As resolucións que se notifican, cos datos que figuran no anexo teñen o seguinte texto íntegro:

En cumprimento da Lei do Parlamento de Galicia 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (en diante, LPDIFG), particípolle que o concelleiro da Área de Goberno de Parques e Xardíns, Comercio, e Festas Especiais, por delegación de competencias do alcalde de data do 28 de xuño de 2024 (BOPPO núm. 133, do 9 de xullo), ditou, con data do 12 de xullo de 2024, a seguinte resolución:

«Número de expediente: 51108/446.

Resolución de requirimento a titulares descoñecidos da obriga de xestión da
biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas prohibidas.

Datos da parcela:

– Referencia catastral: (véxase o anexo).

– Superficie: (véxase o anexo).

– Enderezo: (véxase o anexo).

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vigo constatou que nas parcelas sinaladas no anexo están sen xestionar a biomasa –maleza– e sen retirar as especies arbóreas prohibidas tales como piñeiros, mimosas, acacias e eucaliptos.

II. Fundamentos de dereito.

Primeiro. O titular do dereito de aproveitamento sobre a devandita parcela é responsable e ten o deber de xestionar a biomasa vexetal, de acordo cos criterios estipulados na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (LPDIFG), e na súa norma de desenvolvemento (Orde do 31.7.2007, criterios de xestión da biomasa DOG do 7 de agosto), antes de que finalice o mes de maio de cada ano, ao abeiro do establecido nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira da citada lei e ao estaren incluídas as citadas parcelas, total ou parcialmente, na Rede Secundaria de Faixa de Xestión da Biomasa do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Vigo –PMPDIF– aprobado definitivamente pola Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo (XGL), en sesión do 2 de abril de 2020 (BOPPO do 24 de abril), e que pode consultar nas Dependencias da Casa do Concello de Vigo e na web municipal no enderezo: http://www.vigo.org/faixas

Tamén, con carácter xeral, ten a obriga de retirar as seguintes especies arbóreas prohibidas: piñeiros, mimosas, acacias e eucaliptos, sen prexuízo do establecido na disposición adicional terceira, punto 2 da dita lei.

Segundo. Tal e como comprobou a Administración municipal, non cumpriron coas referidas obrigas de xestión da biomasa e retirada de especiais arbóreas prohibidas nas devanditas parcelas, polo que procede efectuar o requirimento e advertencias que sinala o artigo 22.2 da citada norma legal, para que procedan ao seu cumprimento no prazo máximo de quince días naturais.

Terceiro. O artigo 22.4 da LPDIFG, aprobada polo Parlamento de Galicia, establece que:

«Transcorridos os prazos sinalados no número 2 do artigo (15 días naturais) sen que a persoa responsable xestione a biomasa ou, se é o caso, retire as especies arbóreas prohibidas, e sen prexuízo da posibilidade de proceder a unha visita de comprobación, a Administración pública competente poderá proceder, sen máis trámite, á realización dos traballos materiais en que consista a execución subsidiaria, atendendo ás necesidades de defensa contra os incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.

(...)

Os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación a que se refire o número 2, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva, unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria. A liquidación definitiva aprobarase unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria pola Administración actuante que desenvolva as actuacións materiais de execución subsidiaria e será notificada á persoa responsable para o seu pagamento.

Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos aprazarase ao momento en que, se é o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobramento a favor da Facenda pública.

Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, darase traslado da resolución en que se acorde a dita execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador (Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia), o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das indicadas especies. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal será efectuado, nos termos regulados nesta lei pola Administración que realizase a execución subsidiaria.

No caso de venda das especies obxecto de comiso, os importes obtidos deberán aplicarse, por parte da Administración que realice tales vendas (neste caso, o Concello de Vigo), a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa competencia».

Cuarto. Segundo os artigos 99 e 102 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a «execución forzosa de forma subsidiaria» supón que a Administración municipal realizará o acto, por si ou a través das persoas que determine, e por conta do/da obrigado/a.

O importe dos gastos, danos e perdas exixirase ao/á obrigado/a seguindo o procedemento legalmente previsto nas normas reguladoras do procedemento de constrinximento.

Quinto. É competente para ditar esta resolución o alcalde ao abeiro do artigo 7 e 16.5 da LPDIFG. Non obstante, a dita competencia delegouna no concelleiro da Área de Goberno de Parques e Xardíns, Comercio e Festas Especiais, en virtude das resolucións de data do 28 de xuño de 2024 (BOPPO núm. 133, do 9 de xullo).

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Requirimento a responsables da obriga de xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas prohibidas

1. Requirir aos propietarios para que procedan á xestión da biomasa vexetal e á retirada das especies arbóreas prohibidas nas parcelas situadas en (ver anexo) Vigo, con referencias catastrais (ver anexo), no prazo de quince días naturais desde o seguinte ao da notificación desta resolución (artigo 22.2 LPDIFG).

A corta do arboredo prohibido está suxeita á presentación de declaración responsable previa ante a xefatura territorial da consellería competente en materia de montes da Xunta de Galicia ao abeiro do artigo 5.4.c) da Orde do 20 de abril de 2018 da Consellería do Medio Rural (DOG do 26 de abril).

Os traballos deberán realizarse conforme o establecido na lexislación de aplicación e, en especial, as máquinas e equipamentos que se utilicen deberán cumprir co establecido no artigo 39 da LPDIFG.

2. Apercibilos de que, transcorrido o citado prazo sen que leve a cabo a xestión da biomasa vexetal ou a retirada das especiais arbóreas prohibidas, o Concello de Vigo procederá á execución forzosa de forma subsidiaria da referida actuación por si ou por persoa que determine e por conta do/da obrigado/a repercutíndolle os custos da xestión da biomasa na forma legalmente establecida (artigo 22.4 LPDIFG) e, se é o caso, ao comiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola Administración nas condicións legalmente establecidas. Tamén, no caso de execución subsidiaria, o inicio das actuacións materiais pola Administración poderá ser verificado en calquera momento, transcorrido o prazo máximo concedido, dentro dos catro anos posteriores, sempre que se manteña o incumprimento.

3. Advertir tamén que, de persistir no incumprimento transcorrido o prazo indicado no punto primeiro desta resolución, é constitutivo dunha infracción administrativa de carácter leve, e o órgano competente para incoar e resolver o procedemento sancionador é o titular da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia. Na resolución de incoación do procedemento sancionador adoptarase a medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas cuxo destino será o seu alleamento pola Administración municipal (artigos 22.4, 50 a 54 da LPDIFG, 67 a 80 Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes).

4. Tamén, simultaneamente, outorgar un trámite de audiencia polo prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, con carácter previo á resolución da orde de execución forzosa de forma subsidiaria que procedese conforme o establecido no punto segundo desta resolución, entendendo que este trámite de audiencia non suspende o prazo que se sinala no punto primeiro desta resolución.

5. No momento que proceda á limpeza da parcela (xestión da biomasa) nos termos establecidos nesta resolución, ten a obriga de comunicalo de inmediato a esta Administración municipal mediante un escrito que poderá presentar no Concello de Vigo a través do Rexistro Xeral, do Rexistro Electrónico no enderezo: https://sede.vigo.org/expedientes/sede/?lang=ga#2 ou noutra forma das legalmente previstas. En ausencia desta comunicación, esta Administración municipal poderá considerar os traballos como non realizados mentres non conste proba en contra (artigo 22.2 parágrafo final da LPDIFG).

Segundo. Execución forzosa de forma subsidiaria

1. Unha vez transcorridos os prazos sinalados no punto primeiro desta resolución sen que os propietarios realizaran a xestión da biomasa vexetal e a retirada das especies arbóreas prohibidas, nin formulasen alegacións, proceder á execución forzosa de forma subsidiaria polo Concello de Vigo ou persoa que determine e por conta dos propietarios, da xestión da biomasa vexetal e á retirada das especies arbóreas prohibidas nas parcelas situadas en (ver anexo) Vigo, con referencias catastrais (ver anexo) ao incumprir as obrigacións previstas nos artigos 21, 21.ter, 22, disposición adicional terceira da LPDIFG.

Tamén, no caso de execución subsidiaria, o inicio das actuacións materiais a Administración poderá verificar en calquera momento transcorrido o prazo máximo concedido, dentro dos catro anos posteriores, sempre que se manteña o incumprimento.

2. Informar os/as obrigados/as, titulares das parcelas, de que, tras a notificación desta resolución, se procederá á execución forzosa de forma subsidiaria sen máis trámite e de que están obrigados/as á facilitar os accesos necesarios para realizar os traballos de xestión da biomasa e/ou retirada das especies arbóreas prohibidas, sen que sexa preciso o seu consentimento, salvo naqueles supostos excepcionais nos cales o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de mereceren a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución, caso en que deberá pedirse a correspondente autorización xudicial para a entrada neles se non se conta coa súa autorización (artigo 22.9 LPDIFG).

3. Informar os/as interesados/as, titulares das parcelas, de que contra o punto segundo desta resolución, consonte os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e os artigos 8, 46.1 e 46.4 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo, no prazo de dous meses; ambos os dous prazos contados desde o día seguinte a aquel en que se notifique a resolución expresa. Porén, unha vez interposto o recurso de reposición , non poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente o primeiro ou se produza a súa desestimación presunta polo transcurso do prazo máximo dun mes establecido para ditar e notificar resolución.

Vigo, 12 de agosto de 2024

O alcalde
P.D. (Resolución de Alcaldía do 28.6.2024)
Ángel Rivas González
Concelleiro da Área de Goberno de Parques e Xardíns,
Comercio, Participación Cidadá e Festas Especiais

ANEXO

O anexo cos datos catastrais das parcelas pódese consultar na seguinte ligazón:

https://www.boe.es/boe_n/dias/2024/07/26/not.php?id=BOE-N-2024-466435