Mediante a Orde do 19 de setembro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 188, do 30 de setembro) convocouse o proceso selectivo de acceso por promoción interna (código de procedemento PR461F) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461J) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector.
O dito proceso atópase regulado na antedita orde e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixiantes municipais e auxiliares de policía local.
Coa finalidade de que sexa posible rematar neste ano os procesos de promoción interna e de provisión por mobilidade citados e así dar debido cumprimento ás necesidade dos concellos participantes en canto á cobertura do persoal do corpo da policía local que precisan, é preciso recorrer ao trámite polo procedemento de urxencia.
De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando razóns de interese público o aconsellen, poderase acordar, de oficio, a aplicación da tramitación de urxencia, o que supón reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
Ademais, este artigo precisa que non caberá recurso ningún contra o acordo que declare a aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.
Debido á dificultade das probas e á complexidade da baremación e coa finalidade de poder garantir aos concellos que delegaron a súa selección na Xunta de Galicia, tras a sinatura dos convenios preceptivos, a toma de posesión como funcionarios dos oficiais que superaron os procesos canto antes, constátase que existen razóns fundadas de interese público que aconsellan reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario.
Considerando, por tanto, que concorren os requisitos da tramitación de urxencia prevista no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, esta dirección xeral
RESOLVE:
Declarar a urxencia no proceso selectivo de acceso por promoción interna (código de procedemento PR461F) e no proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461J) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala executiva, categoría de inspector, convocado mediante a Orde do 19 de setembro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 188, do 30 de setembro) e, por tanto, reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.
A Estrada, 18 de novembro de 2024
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
