O exercicio da folga por parte das persoas traballadoras para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, no cal se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto dos dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.
No sector do transporte, os servizos que se prestan teñen un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como son os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), á educación (artigo 27) e ao traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía durante as xornadas de folga dunha mínima mobilidade da cidadanía convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.
O 15 de outubro de 2024, a Confederación Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UXT) comunicaron a convocatoria dunha folga xeral no sector do transporte público interurbano de viaxeiros por estrada para os días 28 de outubro, 11, 28 e 29 de novembro, e 5 e 9 de decembro, que será indefinida a partir do 23 de decembro en todo o territorio nacional e que afectará o persoal de condución. Para as ditas xornadas de folga esta consellería fixou xa os servizos mínimos que se prestarán na Orde do 23 de outubro de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia do 25 de outubro de 2024.
As ditas organizacións sindicais comunicaron o 30 de outubro de 2024 a convocatoria dunha folga nas mesmas datas e que atende ao mesmo ámbito sectorial, o do transporte de viaxeiros por estrada, que a comunicada o día 15 de outubro de 2024.
O 5 de novembro mantívose unha xuntanza co Comité de Folga sen que se acadase a conformidade cos servizos mínimos propostos pola Administración.
Posteriormente, o 15 de novembro de 2024, a Confederación Xeral do Traballo (CGT) comunicou a convocatoria, no ámbito do transporte de viaxeiros e mercadorías por estrada, de varias xornadas de folga coincidentes coas datas xa indicadas. Mantida unha xuntanza co Comité de folga o 20 de novembro acadouse a conformidade deste cos servizos mínimos propostos pola Administración.
Así, e logo das ditas xuntanzas, fíxanse como servizos mínimos que se prestarán no sector do transporte público interurbano de viaxeiros por estrada para os días 28 e 29 de novembro, e 5, 9 e 23 de decembro os publicados na Orde do 23 de outubro de 2024.
Respecto dos criterios aplicados para establecer os servizos mínimos, estes mantéñense inalterables respecto ao indicado na Orde do 23 de outubro de 2024. Así mesmo, os servizos mínimos aplicables, se for o caso, a partir do 23 de decembro, serán obxecto de establecemento nunha nova orde posterior á presente.
Con relación ao sector de mercadorías, neste ámbito debe terse en conta a dependencia que deste tipo de transporte teñen os servizos de asistencia sanitaria, que non poden afrontar unha falta de subministración suficiente dos produtos precisos para a atención á cidadanía.
En consecuencia, deberán manterse a totalidade dos transportes de toda clase de mercadorías para e desde os establecementos sanitarios.
Por último, e no referente ao transporte funerario, polas necesidades sociais inaprazables que atende esta modalidade de transporte, mantense a totalidade dos servizos de transporte funerario.
As circunstancias apuntadas, a garantía de dereitos vinculados coa mobilidade, como o acceso á educación, ao traballo, a protección das persoas usuarias dos centros de día para atención ás persoas maiores e dos centros de atención á discapacidade e a propia liberdade de circulación son as que levan a establecer os servizos mínimos indicados, dirixidos a garantir a mínima prestación de servizos que posibilite o exercicio daqueles outros dereitos esenciais, compatibilizando así o contido esencial de todos os dereitos en conflito.
E en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade e oído o Comité de Folga designado polas organizacións sindicais Confederación Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UXT), e de conformidade co Comité de Folga designado pola organización sindical, Confederación Xeral do Traballo (CGT),
DISPOÑO:
Artigo único. Servizos mínimos
Durante a folga xeral convocada para os días 28 e 29 de novembro, e 5, 9 e 23 de decembro pola Confederación Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UXT) no sector do transporte de viaxeiros por estrada, e pola Confederación Xeral do Traballo (CGT), a maiores, no sector do transporte de mercadorías por estrada, terán a consideración de servizos mínimos, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, os seguintes:
1. No sector do transporte de viaxeiros por estrada manteranse os publicados na Orde do 23 de outubro de 2024 pola que se establecen os servizos mínimos que se prestarán durante a folga xeral no sector do transporte de viaxeiros e de mercadorías por estrada, convocada pola Confederación Sindical de Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT) para os días 28 de outubro, 11, 28 e 29 de novembro, e 5, 9 e 23 de decembro, publicada no Diario Oficial de Galicia o 25 de outubro 2024.
2. No transporte de mercadorías manterase a totalidade dos transportes de toda clase de mercadorías para e desde os establecementos sanitarios.
3. No transporte funerario manterase a totalidade dos servizos de transporte funerario.
As empresas de transporte darán a máxima difusión dos servizos concretos que resulten afectados por esta orde ás persoas usuarias a través daqueles medios que permitan o seu coñecemento e, en todo caso, nos propios vehículos, con antelación ao inicio e durante a folga.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2024
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
