
O 13 de setembro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 11 setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas VInnovate Galicia para fomentar a cooperación transnacional dos axentes do Sistema galego de I+D a través de proxectos de colaboración con outros axentes europeos ao abeiro da primeira convocatoria do Mecanismo Interrexional VInnovate, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
O Mecanismo Interrexional VInnovate, posto en marcha pola rede europea Vanguard Initiative, é un instrumento conxunto de financiamento que facilita a creación de consorcios, entre os axentes dos ecosistemas das rexións europeas da Vanguard participantes neste novo mecanismo, para impulsar a xeración de proxectos estratéxicos interrexionais. A través de VInnovate facilítanse os recursos para o financiamento e execución destes proxectos a través das achegas das distintas administracións rexionais participantes, financiando cada unha os seus axentes.
Nesta primeira convocatoria VInnovate Galicia, que ten como obxectivo potenciar unha maior colaboración e presenza europea e internacional dos axentes do Sistema galego de I+D+i, vanse financiar os axentes galegos que participan nos proxectos interrexionais seleccionados. Esta participación só poderá incluír actividades de desenvolvemento experimental e deberá desenvolverse en colaboración.
O artigo 28 das bases reguladoras establece que o procedemento de avaliación terá dúas fases: fase rexional e fase interrexional. Dentro da fase interrexional, o punto 2 dispón que «Cada axencia rexional financiadora da convocatoria VInnovate avaliará individualmente cada proposta que conte con participantes da súa rexión no consorcio».
Unha vez rematadas todas as avaliacións rexionais, poranse en común as avaliacións realizadas por cada rexión e, atendendo ás limitacións orzamentarias da contribución de cada axencia rexional á convocatoria VInnovate, sinalaranse os proxectos que poderán ser financiados.
O proxecto galego só poderá ser financiado pola Axencia Galega de Innovación se todas as rexións financiadoras do proxecto interrexional o avalían favorablemente».
Despois de que as rexións presenten ao secretariado de VInnovate os proxectos seleccionados para o seu posible financiamento, o 16 de decembro de 2024 realizarase unha reunión de «consenso», en que deberá participar polo menos un representante por rexión, co obxectivo de seleccionar os proxectos que se van financiar. Un proxecto será financiado se todas as rexións involucradas seleccionan o proxecto para o seu financiamento.
No caso dos proxectos galegos, o artigo 30.5 das bases reguladoras dispón que o prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será antes do 15 de decembro de 2024.
Así mesmo, o artigo 34.2 das bases reguladoras, relativo á xustificación da subvención, establece os seguintes prazos para ter dereito ao pagamento da axuda: o prazo de execución da primeira anualidade, isto é, o prazo de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados, é desde a data de presentación da solicitude ata o 30 de novembro de 2024, e o prazo de xustificación da primeira anualidade, isto é, o prazo para a presentación da documentación, é o 26 de decembro de 2024.
A data prevista para a realización da reunión de consenso imposibilita resolver a convocatoria antes do prazo de execución da primeira anualidade e antes da data de resolución que establecen as bases reguladoras.
Polo tanto, procede modificar os prazos de execución e xustificación das anualidades, e anular os créditos correspondentes á anualidade 2024 e transferilos á anualidade 2025.
Consecuentemente co anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,
RESOLVE:
Primeiro. Modificar a Resolución do 11 setembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas VInnovate Galicia para fomentar a cooperación transnacional dos axentes do Sistema galego de I+D a través de proxectos de colaboración con outros axentes europeos ao abeiro da primeira convocatoria do Mecanismo Interrexional VInnovate, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento IN848G), nos seguintes termos:
Un. Modifícase o número 7 do artigo 3, Características dos proxectos, que queda redactado nos seguintes termos:
«7. Os proxectos galegos seleccionados para o financiamento poderán comezar desde a solicitude á Axencia Galicia de Innovación. A data límite de finalización será o 30 de setembro de 2027».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 7, Financiamento, que queda redactado nos seguintes termos:
«1. As subvencións imputaranse ao capítulo VII do orzamento da Axencia Galega de Innovación nas aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo.
|
Entidades beneficiarias |
Aplicación |
2025 |
2026 |
2027 |
Total |
|
Grandes empresas |
09.A2.561A.770.0 (CP 2023-00007) |
203.000 |
190.000 |
128.000 |
521.000 |
|
Pemes |
09.A2.561A.770.0 (CP 2023-00007) |
191.000 |
178.000 |
110.000 |
479.000 |
|
Total |
394.000 |
368.000 |
238.000 |
1.000.000» |
Tres. Modifícase o número 3 do artigo 10, Gastos subvencionables, que queda redactado nos seguintes termos:
«3. Para a anualidade 2025 só se admitirán aqueles custos que fosen realizados dentro do período comprendido entre a data de presentación da solicitude de subvención e a data límite de execución de gasto establecida no artigo 34 desta resolución. Para estes efectos, considérase como data de presentación a que corresponde á solicitude do líder da parte galega do consorcio.
Para o resto de anualidades, admitiranse os custos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de execución de gasto da anualidade anterior e a data límite de execución de gasto da anualidade corrente».
Catro. Modifícase o número 5 do artigo 30, Resolución e notificación, que queda redactado nos seguintes termos:
«5. O prazo máximo para resolver e notificarlle a resolución ao interesado será o 31 de marzo de 2025».
Cinco. Modifícase o número 2 do artigo 34, Xustificación da subvención, que queda redactado nos seguintes termos:
«2. Prazos de execución e de xustificación:
Prazos de execución:
Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:
|
Primeira anualidade |
Desde |
Data de presentación da solicitude |
|
Ata |
30 de setembro de 2025 |
|
|
Segunda anualidade |
Desde |
1 de outubro de 2025 |
|
Ata |
30 de setembro de 2026 |
|
|
Terceira anualidade |
Desde |
1 de outubro de 2026 |
|
Ata |
30 de setembro de 2027 |
En todo caso, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de execución. Exceptúanse desta regra xeral os gastos cuxos pagamentos se deban efectuar nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de execución. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que á entidade beneficiaria lle corresponde liquidar eses gastos.
Non serán subvencionables aqueles custos que non se correspondan cos conceptos indicados no DECA, salvo que se solicitase e aprobase por parte da Axencia Galega de Innovación a modificación oportuna da resolución de concesión.
b) Prazos de xustificación (presentación da documentación):
|
Presentación da documentación xustificativa |
||
|
Primeira anualidade |
Ata |
O 15 de decembro de 2025 |
|
Segunda anualidade |
Ata |
O 15 de decembro de 2026 |
|
Terceira anualidade |
Ata |
O 15 de decembro de 2027» |
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024
Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación
