DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2024 Páx. 62742

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 12 de novembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para a renovación da mención de excelencia concedida a titulacións universitarias oficiais de máster impartidas por universidades públicas do Sistema universitario de Galicia.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, no seu artigo 53, outórgalle á Xunta de Galicia a competencia de coordinación das universidades do Sistema universitario de Galicia (en diante, SUG), que exercerá a través da consellería competente en materia de universidades. Así mesmo, o artigo 54 do texto legal establece como un dos fins da coordinación universitaria a planificación do SUG, para acadar a mellora da calidade da docencia, a investigación e a xestión universitarias, con pleno respecto á autonomía universitaria.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, na liña de priorizar medidas de mellora da calidade do SUG que lles permita ás universidades galegas seguir avanzando nun camiño de vangarda e procura da excelencia, en resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan as nosas universidades, promove a convocatoria de mención de máster universitario excelente para titulacións oficiais de máster impartidas polas universidades públicas do SUG.

A Orde do 12 de novembro de 2019 establecía as bases reguladoras e procedíase á primeira convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20.

A orde citada recolle no seu artigo 14 que:

1. O recoñecemento como máster universitario excelente ten unha vixencia de cinco cursos académicos ao final dos cales poderá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.

2. Transcorrido o prazo de validez da mención de máster universitario excelente, a universidade responsable do título deberá solicitar a súa renovación, ante a Secretaría Xeral de Universidades, cunha antelación mínima de seis (6) meses á expiración do prazo da súa validez, e achegará xunto coa solicitude de renovación unha memoria de autoavaliación de mantemento dos requisitos que deron lugar á súa concesión. No caso de non solicitar a renovación no prazo indicado, a mención de máster universitario excelente quedará sen efecto transcorrido o seu período de validez.

3. Se, transcorrido o período de validez, a consellería competente en materia de universidades non resolve a solicitude de renovación, poderá entenderse decaída a mención de máster universitario excelente.

O 15 de xullo de 2020, publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 2 de xullo de 2020 pola que se concede a mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster impartidas polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2019/20, que distinguía coa mención de máster universitario excelente da Xunta de Galicia as titulacións universitarias oficiais de máster seguintes:

Titulación

Facultade/escola

Universidade

MU en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética

Facultade de Ciencias

Universidade da Coruña

MU en Enxeñaría Ambiental

Escola Técnica Superior de Enxeñaría

Universidade de Santiago de Compostela

MU en Enxeñaría Informática

Facultade de Informática

Universidade da Coruña

O prazo de validez da mención de máster universitario excelente concedida pola dita resolución esgota o seu período de validez o 31 de agosto de 2024. Corresponde, polo tanto, ditar as directrices para a renovación establecida no artigo 14 da mencionada orde.

Tendo en conta o anteriormente exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a solicitude de renovación da concesión de mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Requisitos

Poderán solicitar a renovación da mención de excelencia as titulacións de máster universitario que cumpran o período de cinco (5) cursos académicos de vixencia con data do 31 de agosto de 2025.

Artigo 3. Forma e prazo de presentación de solicitudes

1. As universidades do SUG presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das titulacións propostas.

As solicitudes, que irán dirixidas á Secretaría Xeral de Universidades, presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Se algunha das entidades presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Unha vez formalizada a solicitude, deberá asinala o representante legal da universidade solicitante con calquera dos sistemas de sinatura admitidos pola sede electrónica, e enviala polo procedemento electrónico establecido. Non se terán en conta aquelas solicitudes cubertas por vía telemática que non completen o proceso de presentación e obteñan o xustificante de solicitude, que deberá conservar a persoa solicitante para acreditar, no caso de que resulte necesario, a presentación da súa solicitude en tempo e forma.

2. O prazo de presentación de solicitudes abranguerá desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG ata o 28 de febreiro de 2025. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As universidades do SUG deberán achegar a seguinte documentación:

a) Solicitude (anexo I).

b) Memoria de autoavaliación de mantemento dos requisitos que deron lugar á súa concesión (anexo II).

c) Plan de mellora.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.

Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento de renovación da mención de máster universitario excelente correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Secretaría Xeral de Universidades comprobará o cumprimento dos requisitos exixidos nesta convocatoria. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días hábiles, achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento. Transcorrido este prazo sen que se achegue a documentación requirida, considerarase que a universidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Será causa de inadmisión da solicitude presentada, con independencia de que se poida acordar outro tipo de actuacións, non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos establecidos nela, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada.

Artigo 7. Comisión Avaliadora

1. A Comisión Avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

Presidente/a: o/a titular da Secretaría Xeral de Universidades ou a persoa en quen delegue.

Vogais: dous/dúas representantes da Secretaría Xeral de Universidades; un/unha representante da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Secretaria: o/a xefe/a do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario, que actuará con voz e voto.

2. A Comisión Avaliadora, para o exercicio das súas funcións, poderá contar co asesoramento de persoas expertas na materia obxecto da convocatoria.

3. Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión Avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún/algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 8. Criterios para a renovación da mención de máster excelente

1. As solicitudes que cumpran os requisitos exixidos valoraranse segundo os seguintes criterios:

a) Na memoria de autoavaliación identifícanse indicadores que evidencian o mantemento dos requisitos que deron lugar á súa concesión. En ningún caso se admitirá a renovación daqueles títulos que minorasen, nos dous últimos anos respecto do período de cinco (5) anos desde a concesión da mención, calquera das taxas valoradas na memoria de autoavaliación máis do 20 %.

b) A organización mide de maneira sistemática os seus resultados.

c) Empréganse métodos que permiten a detección de necesidades.

d) Defínense medidas de resposta ás necesidades detectadas coa participación dos grupos de interese clave.

e) Evidéncianse accións para o aproveitamento dos recursos e adaptación ao desenvolvemento do contorno: melloras en equipamento e/ou infraestruturas, novos convenios de prácticas, estratexias de colaboración con entidades do sector, captación de talento, iniciativas de innovación, outros…

2. Inclúese un plan de mellora para os vindeiros cinco (5) cursos académicos con accións que se implementarán en relación con, polo menos, tres dos seguintes eixes:

– Internacionalización.

– Innovación docente.

– Mellora de taxas de resultados.

– Accións para a inserción laboral.

– Outros ámbitos relacionados con aspectos específicos da titulación.

Artigo 9. Proposta de resolución

Unha vez efectuada a revisión da documentación, a Comisión Avaliadora elevará, a través da Secretaría Xeral de Universidades, un informe proposta ao conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para a renovación da mención de máster universitario excelente mediante a correspondente resolución.

Artigo 10. Resolución

1. A resolución incluirá a listaxe das titulacións de másteres universitarios ás cales se lles conceda a renovación da mención de máster universitario excelente.

2. O prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. A resolución de renovación da mención de máster universitario excelente publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, http://www.edu.xunta.gal, pola que se entenderán notificados, para todos os efectos, os solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as universidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente o recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Obrigas e dereitos das universidades beneficiarias

1. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.

2. As universidades responsables dos títulos comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da renovación da mención de máster universitario excelente ou, de ser o caso, a notificarlle á Secretaría Xeral de Universidades calquera variación nestes, no prazo dun mes desde que se produza o feito que implica tal variación.

3. Anualmente, a Secretaría Xeral de Universidades poderá realizar, por si mesma, a través do seu persoal, ou por medio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), cantas comprobacións considere necesarias para garantir o cumprimento e o mantemento dos requisitos que serviron de base para a concesión da renovación da mención de máster universitario excelente, e poderá solicitar para iso canta información sexa necesaria.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados, na súa condición de responsable, pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia refectirase no dito formulario.

Os datos seranlles comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Remisión normativa

En todo aquilo non previsto nas bases desta convocatoria será de aplicación o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Disposición derradeira segunda. Impugnación da orde

Contra esta orde poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou directamente un recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ANEXO I

Solicitude

Denominación do título

Responsable do título (coordinador/a)

1º apelido

2º apelido

Nome

DNI

Categoría profesional

Universidade solicitante

Nome da universidade

CIF

Centro responsable do título

Representante legal

Requisitos para solicitar a renovación da mención (artigo 2)

Denominación do máster universitario oficial

Centro/s onde se imparte o título

Título conxunto (si/non)

Si  Non 

Universidades participantes (indíquese universidade coordinadora)

Natureza do centro universitario

Propio  Adscrito 

Data da resolución pola que se concede a mención de excelencia

SINATURA DO REPRESENTANTE LEGAL (reitor/a)

Lugar e data

..., ... de ... de ....

ANEXO II

Memoria de autoavaliación (extensión máxima 20 páxinas)

Análise da evolución desde a obtención do selo, necesidades detectadas e accións de mellora (se os houber) en relación cos seguintes indicadores:

1. Análise da evolución dos seguintes indicadores desde a obtención da mención de excelencia:

– Taxa de ocupación: (prazas ocupadas*/prazas ofertadas ) *matrícula real.

– Alumnado estranxeiro e/ou doutras comunidades autónomas.

– Taxa de satisfacción do alumnado.

– Taxas de resultados: graduación, rendemento, eficiencia, abandono, cambio... (indíquense as fontes).

– Taxa de inserción laboral (indíquense as fontes).

2. Resultado das accións de difusión a nivel nacional e/ou internacional:

– Novas colaboracións desde a obtención do selo (intercambios, dobres títulos, bolsas, prácticas...).

– Evolución da mobilidade de estudantes entrantes e saíntes (% respecto do total de alumnado do máster).

– Evolución da mobilidade de profesorado entrante e saínte.

3. Iniciativas de innovación e/ou contribución ao desenvolvemento (proxectos de investigación destacados, publicacións en revistas especializadas de recoñecido prestixo, proxectos de innovación, outros….).

4. Análise de resultados das enquisas de satisfacción ao alumnado e egresados (porcentaxe de participación, resultados e a súa evolución desde a obtención do selo) en relación con:

– Docencia.

– Infraestruturas e recursos.

– Prácticas externas.

5. Accións para a mellora da inserción laboral e do seguimento dos egresados no mercado laboral.

6. Os indicadores téñense en conta para a mellora e revisión do plan de estudos e outros aspectos relevantes para a calidade do título. Exemplificación de medidas.