DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2024 Páx. 62697

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 26 de novembro de 2024 pola que se modifican as ordes do 3 e do 10 de outubro e 5 de novembro de 2024 polas que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folgas parciais nos seus centros de traballo.

No Diario Oficial de Galicia número 192, do 4 de outubro de 2024, publicouse a Orde do 3 de outubro de 2024 pola que se determinan os servizos mínimos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A., dirixidos a garantir os servizos esenciais ante a convocatoria de folga parcial os días 7, 9, 11 e 14 de outubro, e indefinida a partir do día 16 de outubro en días alternos: luns, mércores e venres, nos seus centros de traballo.

No Diario Oficial de Galicia número 199, do 15 de outubro, publicouse a Orde do 10 de outubro de 2024 pola que se modificou o anexo de efectivos mínimos convocados contidos na Orde do 3 de outubro de 2024.

No Diario Oficial de Galicia número 216, do 8 de novembro, publicouse a Orde do 5 de novembro de 2024 pola que se modificaron as franxas horarias e os días dos paros parciais, que pasaban a ter lugar durante todas as xornadas de luns a venres a partir do 1 de decembro de 2024.

A convocatoria de folga, que ten carácter de indefinida desde o 16 de outubro, víñase realizando desde o 11 de novembro en días alternos (luns, mércores e venres), cunha duración de dúas horas e quince minutos, na franxa comprendida entre as 11.30 e as 13.45 horas, estaba previsto que pasara a partir do día 1 de decembro a celebrarse de luns a venres na mesma franxa horaria. O Comité Intercentros da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. comunicou unha modificación da convocatoria de folga que afecta todos os traballadores e traballadoras da Corporación nos seus centros de traballo: San Marcos (Santiago de Compostela), A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo.

A modificación concrétase nos seguintes aspectos:

a) Suspende as convocatorias de folga en todas as súas formulacións a partir do día 14 de decembro.

b) Deixa de ser diaria de luns a venres a partir do 1 de decembro, mantendo a alternancia de luns, mércores e venres con que se viña celebrando.

c) Introdúcense dúas xornadas de folga parciais na fin de semana:

– O día 30 de novembro, na franxa comprendida entre as 8.00 horas e as 15.30 horas. Para o caso daquelas persoas que inicien a súa xornada laboral antes das 08.00 horas, iniciarán o paro de 7,5 horas ao inicio da súa xornada e incorporaranse ao traballo unha vez transcorridas 7,5 horas.

– O día 1 de decembro, na franxa comprendida entre as 16.30 e as 24.00 horas. Para o caso daquelas persoas que inicien a súa xornada laboral durante o mesmo día 1 de decembro e a rematen despois das 24.00 horas, finalizarán a folga á hora de remate da súa xornada, polo que se incorporarán ao paro cando corresponda de xeito que se respecte a duración da folga, establecida en 7,5 horas.

d) Por último, establécese unha xornada de folga de 24 horas o día 13 de decembro, desde as 00.00 ata as 23.59 horas, de acordo cos seguintes condicionantes:

– As persoas que inicien a súa xornada antes das 00.00 horas do día 13 de decembro e a finalicen no mesmo día 13 comezarán a folga á hora de inicio da súa xornada.

– As persoas que inicien a súa xornada no día 13 de decembro e a finalicen despois das 24.00 horas finalizarán a folga á hora de remate da súa xornada no día 14 de decembro.

Respecto das xornadas de folga parciais convocadas para os luns, mércores e venres a partir do 1 de decembro, a xuntanza de negociación co comité de folga non permitiu lograr avances nas posturas respecto dos acadados nos contactos mantidos entre o dito comité e a representación da Corporación o pasado día 3 de outubro. Os servizos mínimos fixáronse nas referidas ordes do 3 de outubro de 2024 (DOG núm. 192, do 4 de outubro) e do 10 de outubro de 2024 (DOG núm. 199, do 15 de outubro), que procede seguir reproducindo integramente para os efectos de escusar a súa reiteración.

Cómpre, por tanto, realizar unha remisión expresa ao seu contido dispositivo para os efectos de ter por cumprida a motivación en relación coa consideración dos servizos esenciais e a proporcionalidade na determinación dos servizos mínimos. Sobre estas consideracións resulta necesario engadir as que a continuación se recollen en relación coas novas convocatorias nas franxas horarias da fin de semana do 30 de novembro e 1 de decembro, e na xornada de folga de 24 horas do día 13 de decembro.

Respecto das folgas parciais convocadas nas xornadas da fin de semana correspondentes ao 30 de novembro e ao 1 de decembro, cómpre ter en conta que a quenda de fin de semana está regulada no convenio colectivo e inclúe dúas xornadas de 15 horas de duración cada unha, en que o persoal pode cubrir a mañá-tarde, madrugada-mañá ou tarde-noite, polo que a convocatoria de servizos mínimos debe axustarse aos horarios asignados especificamente neses días en cada unidade orgánica.

En consecuencia, concretamente para as novas datas de convocatoria de folga:

A determinación dos servizos mínimos obedece a un criterio de proporcionalidade, elixindo tan só o mínimo esencial para asegurar a emisión das canles de comunicación e a retransmisión da información de carácter esencial.

Esta proporcionalidade ponse de manifesto coa propia cuantificación destes efectivos mínimos, pois o persoal con horario habitual de traballo un día comparable ao venres 13 de programación ordinaria está integrado por uns 679 efectivos e o persoal que atende as tarefas cualificadas como servizos mínimos só alcanzan os 149. Un día de fin de semana a media de persoal por día é 158 efectivos, mentres que a convocatoria de servizos mínimos é de 62 o sábado 30, cando a folga se desenvolve na mañá, e de 60 o domingo 1, de folga na tarde.

De acordo cos anteriores fundamentos, considérase necesario:

I. Garantir a produción e emisión dos programas informativos que son considerados imprescindibles para o mantemento dos servizos públicos esenciais de información á comunidade. A «programación informativa» que sexa establecida con dito carácter de servizo esencial exixirá que queden debidamente expresadas ou identificadas as seguintes circunstancias ou datos, de feito que demostren na dita «programación informativa» o cumprimento destas dúas exixencias que seguen:

1ª. Por un lado, a súa «necesidade» para garantir, no mínimo que resulta exixible, os dereitos fundamentais de liberdade de expresión e de información do artigo 20 da Constitución; neste sentido, os efectivos que se presentan nesta resolución fan referencia aos mínimos indispensables para asegurar a emisión, produción e continuidade dos espazos considerados de contido informativo esencial. En servizos mínimos encóntranse os efectivos precisos para a emisión das noticias esenciais, de relevancia, ou que precisen inmediatez e con valor informativo. O número de efectivos determínase para unha duración inferior á habitual destes espazos informativos, polo que, no caso de asistencia á folga da totalidade do cadro de persoal, se garanta esta duración reducida como información esencial.

En concreto, na programación actual dos medios de comunicación que conforman a Corporación considéranse imprescindibles para manter a diario os servizos públicos esenciais de información á comunidade os seguintes programas informativos:

• Na Televisión de Galicia:

– Bos días, espazo informativo matinal diario. Trátase dun espazo que é o primeiro avance do día de noticias á cidadanía galega.

– Galicia Noticias, informativo de proximidade comarcal e local que ten unha importancia estrutural con atención informativa diferenciada e a referencia no ámbito comarcal.

– Telexornal 1, espazo informativo de referencia en Galicia no que atinxe á actualidade galega, española e mundial.

– Telexornal 2, espazo informativo de actualidade que actualiza e repasa a información da xornada.

• Na Radio Galega:

– Galicia por diante, espazo matinal radiofónico en que se tratan contidos informativos e de actualidade.

– A Crónica 14h, espazo informativo do mediodía.

– A Crónica 20h, espazo informativo de noite.

– Os boletíns horarios, que se concretan en pequenos espazos duns 3/4 minutos que se producen dentro da programación ordinaria nas franxas horarias, que ao longo do día actualizan a información máis relevante da xornada.

A convocatoria de servizos mínimos permite elaborar estes espazos informativos na TVG e na Radio Galega. A súa duración será determinada polo seguimento da folga por parte do persoal.

• Na canle G2: a redifusión, como é habitual, dos espazos informativos mínimos da primeira canle con posterioridade á súa emisión, para a que só se necesita fixar servizos mínimos para asegurar esta.

• Nas canles dixitais: disporase dun mínimo para actualizar a información de carácter esencial na xornada, en canto que actualmente é o modo de acceso á información preferido de parte importante da poboación máis nova.

• Os programas non informativos, directos ou gravados non se dotan de servizos mínimos, como tampouco están en servizos mínimos as informacións de deportes ou do tempo. Aínda que a información meteorolóxica podería adquirir a consideración de servizo esencial á comunidade en caso de que na xornada de folga se torne nunha información relevante en función das circunstancias climáticas. Cando non sexa posible a emisión dun espazo polo seguimento da folga, emitirase en redifusión un programa xa emitido con anterioridade.

2ª. Por outro, a súa «proporcionalidade». É dicir, a actividade informativa mantida como servizo mínimo comporta unha diminución, non só da total actividade televisiva ou radiofónica de calquera clase de contido que se desenvolva en circunstancias de normalidade, senón tamén da actividade audiovisual realizada nesas mesmas circunstancias de normalidade. A afectación da folga será máis ou menos visible en función do seguimento por parte do persoal.

Con estas dúas consideracións, no caso de seguimento maioritario da folga, a redución dos programas informativos mencionados e a supresión doutros de carácter eminentemente informativo e de actualidade durante as xornadas de folga producirá unha diminución da actividade informativa habitual, que proporcionará unha visibilidade notable do seguimento da folga e producirá unha variación total da programación habitual diaria no caso de alto seguimento.

Como norma xeral, en canto ao número concreto de efectivos en cada unha das unidades orgánicas que conforman a Corporación, convócase en servizos mínimos un efectivo por categoría profesional para executar as tarefas que fan posible a emisión, soporte e a creación informativa por cada quenda de traballo (mañá, tarde e noite). Isto axústase aos horarios específicos de fin de semana que habitualmente consisten nunha quenda de 15 horas o sábado e 15 horas o domingo.

De forma excepcional, en determinadas categorías profesionais pode ser necesaria a convocatoria de máis dun profesional para garantir a cobertura informativa esencial e técnica, tendo en conta a súa relevancia para os servizos informativos ou para as tarefas específicas que se van desenvolver, que deben ser as habituais sen vulnerar o dereito á folga doutros traballadores/as.

As excepcións son:

1. Informadores de TVG en San Marcos: inclúe persoal das categorías profesionais de redactores, locutores de TVG e RG e auxiliares de redacción necesarios para sacar adiante a información de carácter esencial da xornada nas quendas de mañá, tarde e noite. É habitual que un mesmo traballador/a faga tarefas para varios produtos informativos, pero para unha cuantificación máis ordenada da convocatoria establécense do seguinte xeito:

a. Bos días: o programa informativo da mañá na súa franxa informativa precisa o traballo dun redactor/a e da presentadora habitual en servizos mínimos para actualizar as noticias do primeiro espazo informativo de referencia no día na TVG.

b. Galicia Noticias: a comunicación de proximidade e, en concreto, a que emprega a comarca como unidade de referencia, ten unha importancia estrutural en Galicia. Trátase dun telexornal líder na súa franxa na Comunidade Autónoma. Por ser o único en Galicia que transmite esta información fronte ao ámbito máis xeneralista dos outros formatos, Galicia Noticias ten un interese real e expreso en apartarse do partidismo e propiciar a participación cidadá centrándose no ámbito social e informativo da comunidade. Neste senso, son precisos tres redactores de quenda de mañá para poder realizar esta aproximación á información local da comunidade galega. O presentador deste espazo non está en mínimos.

c. Telexornal 1: o espazo de referencia informativa en Galicia para desenvolver a información esencial de carácter prioritario para a comunidade precisa do presentador habitual, catro informadores na redacción e un en exteriores para as coberturas que se fagan precisas ao longo da mañá.

d. Telexornal 2: a actualización informativa de última hora precisa o presentador habitual, catro informadores en redacción e un en exteriores da quenda de tarde.

e. En cada un dos centros de traballo convócase en servizos mínimos un informador por quenda, é dicir, un de mañá e outro de tarde, para garantir a cobertura básica informativa de cada unha das áreas xeográficas: Lugo, Ourense, A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

Na fin de semana a programación informativa de carácter esencial, aínda que ten variacións horarias e de duración, é practicamente a mesma. A diferenza da convocatoria radica en dúas circunstancias:

– As quendas da maior parte do persoal son de 15 horas/xornada. Polo que a carga de traballo se reparte de xeito diferente, todos os informadores poden traballar para calquera dos programas informativos en servizos mínimos.

– Non existe a mesma carga informativa de actualidade que nunha xornada de luns a venres, polo que os efectivos de quenda de fin de semana xa están axustados a esta premisa.

Ademais, os informadores van acompañados para as coberturas por reporteiros gráficos que toman a imaxe e son co fin de elaborar as pezas informativas para alimentar estes programas. Para cubrir estas informacións, traballando en conxunto cos informadores, son precisos sete reporteiros gráficos (6 de mañá e 1 de tarde) no centro de traballo de San Marcos e un por quenda (mañá e tarde) en cada delegación (A Coruña, Vigo, Ourense e Lugo). Na fin de semana axústase esa convocatoria aos horarios desta quenda, sendo 8 efectivos diarios os convocados.

A parte de documentación e arquivo resulta imprescindible para poder ilustrar a información esencial que poida cubrirse na xornada de folga. O persoal convocado ten que cubrir o horario de atención e produción dos informativos para garantir as validacións e peticións dos redactores sobre o sistema de xestión do arquivo (tedial). Considérase preciso convocar dous documentalistas na quenda de mañá e un na quenda de tarde para cubrir a franxa horaria de produción e emisión dos espazos informativos mencionados.

Na fin de semana convócase un efectivo para a cobertura da mañá e da tarde.

2. Informadores/as da Radio Galega en San Marcos: os redactores, locutores de radio ou auxiliares de redacción precisos para sacar adiante os programas informativos de carácter esencial, dentro dos cales se preparan os boletíns horarios informativos, que se emiten cada hora e que inclúen información básica de servizo público. Os programas son:

a. Galicia por Diante: é preciso convocar dous informadores/as de madrugada por ser as persoas que poñen en marcha o servizo mínimo informativo neste formato e que garantirán os boletíns horarios e a posta en antena do informativo.

b. A Crónica 14h: é o programa informativo do mediodía na Radio Galega que precisa para a súa emisión convocar tres informadores/as para a elaborar as noticias e que garantirán os boletíns horarios e a posta en antena do informativo.

c. A Crónica 20h é o programa informativo da tarde na Radio Galega que precisa para a súa emisión convocar dúas persoas informadoras para elaborar a información e que garantirán os boletíns horarios e a posta en antena do informativo.

Na fin de semana pode que sexa coincidente a persoa que se convoque para ambos os informativos, dependendo da organización do traballo do día.

d. En cada unha das delegacións convócase en servizos mínimos unha persoa informadora por quenda para garantir a cobertura básica de cada unha das áreas xeográficas: Lugo, Ourense, A Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo.

3. Na TVG resulta necesario convocar en servizos mínimos con carácter xeral un efectivo de cada unha das categorías profesionais de ámbito técnico por cada unha das quendas, a excepción do que se explica a continuación. Nesta convocatoria de servizos mínimos, os medios técnicos necesarios para asegurar a emisión dos informativos vense reducidos, de forma que se prescinde de certos profesionais que achegan calidade e profesionalidade ao formato, tendo en conta que se prevé que os formatos sexan máis sinxelos e básicos.

A execución dos servizos informativos mínimos establecidos require dispoñer dun plató con medios técnicos e un efectivo por categoría profesional e quenda para asegurar a produción, fondos e rótulos das noticias, a realización e demais parte técnica de produción informativa. Os casos concretos de colectivos que exixen convocar máis dun efectivo e as razóns que a motivan son:

A área de grafismo exixe dispoñer do persoal necesario para o cumprimento das directrices legais en día de folga e non modificar as funcións habituais de cada traballador/a. No servizo de grafismo existen, ademais, dúas localizacións: a denominada «libraría», onde se executa a inxesta de gráficos, e o control, que lanza os gráficos nos directos. Sen estas figuras traballando simultaneamente en localizacións separadas e con diferentes tarefas non sería posible lanzar titulares ou rótulos durante os programas informativos. Por tanto, precísase convocar cinco efectivos entre as quendas de entre semana para poder asumir estas funcións esenciais: un deseñador de mañá e outro de tarde, e dous grafistas de mañá e un de tarde.

Na fin de semana axústase ás quendas de 15 horas esta convocatoria: o sábado un deseñador gráfico e dous grafistas para atender os 3 programas de carácter informativo da mañá, e o domingo un deseñador gráfico e un grafista para asegurar a cobertura do Telexornal 2.

A área de produción necesita ter persoal convocado en servizos mínimos para realizar os labores de produción esenciais para a emisión dos programas informativos como vías, sinais, permisos, descargas, escaleta de produción etc. En concreto, os tres efectivos da quenda de mañá dedícanse a coordinar, respectivamente, o informativo do programa Bos Días, as saídas dos reporteiros gráficos e o informativo Telexornal 1. O/a produtor/a convocado/a na quenda de tarde coordina o Telexornal 2. Na fin de semana axústase ás quendas de 15 horas esta convocatoria.

O mesmo ocorre co colectivo dos realizadores e axudantes de realización; na mañá son precisos os realizadores habituais do Bos Días, o Galicia Noticias e o Telexornal 1, e na tarde o do Telexornal 2. Ademais, os axudantes de realización correspondentes, asumen as súas funcións habituais, cada un no programa a que está asignado. Cada programa ten efectivos de axudantes de realización para as tarefas de rexedor, mesturador, axudante do realizador, operador da pantalla de watch-out e outro axudante para facer de nexo entre os programas informativos que se realizan no plató da pantalla e o control.

Na fin de semana axústase ás quendas de 15 horas esta convocatoria, sendo necesarios 9 efectivos o sábado para a cobertura dos programas en servizos mínimos da mañá (Bos días, Galicia Noticias, Telexornal 1), e 6 efectivos o domingo para a cobertura do Telexornal 2.

O colectivo dos operadores montadores de vídeo especializouse tras o proceso de dixitalización da TVG. Os operadores de PAM son os que atenden especificamente os sinais e directos que se gravan para os informativos. É habitual que entren ata 7-8 sinais en simultáneo, polo que son precisos dous operadores de PAM por quenda para o control e envío. Os operadores de MAM traballan co departamento de documentación preparando o material que lles solicita informativos e facendo a inxesta de materiais externos. Son precisos dous efectivos na quenda da mañá para poder atender as pezas dos informativos e un na da tarde. Os operadores de media son os xestores do sistema de produción de entradas e envío a controis das pezas dos informativos e son necesarios dous efectivos por quenda para poder manter os fluxos de produción. Ademais, precísase un operador de posprodución por quenda e un operador montador de vídeo en cada un dos centros de traballo para a correcta edición das pezas informativas. Na fin de semana axústase ás quendas de 15 horas esta convocatoria.

II. Asegurar a continuidade das emisións radiofónicas e televisivas, co obxecto de que, por razóns de máxima urxencia e necesidade, deba cubrirse algún acontecemento de actualidade que pola súa premura obrigue á súa cobertura coa maior axilidade posible. Tal garantía exixe fixar servizos mínimos na parte técnica de emisións e continuidade, co obxecto de poder cubrir unha eventual incidencia de calquera ámbito. Neste sentido, o soporte e mantementos das emisións inclúe efectivos dos departamentos de:

– Continuidade: nesta área crítica para a retransmisión televisiva establécense dous operadores de continuidade de xeito permanente, necesarios para poder axustar as redifusións e programas da TVG, tanto os previstos como as variacións que se teñan que facer durante o día por posibles efectos do seguimento da folga, incluídas as da canle G2. Debido aos horarios asignados ao persoal é preciso convocar oito efectivos para facer esta cobertura con dous operadores de continuidade e non deixar horarios desprovistos. Na fin de semana axústase ás quendas de 15 horas esta convocatoria, sendo 3 efectivos o sábado e 4 o domingo.

– Emisións: é preciso un mínimo de tres traballadores/as durante a xornada, xa que cada un deles ten asignado o control da emisión de cada unha das canles en que se retransmite o contido informativo esencial, como responsables da elaboración do minutado, a segmentación e a comprobación técnica da grella para emitir sen incidencia. Habitualmente o traballo de emisións na fin de semana queda feito o venres, polo que é un día de alta carga de traballo. Na fin de semana non presta servizo o persoal de emisións.

– Soporte tecnolóxico de medios, tanto na TVG como na Radio Galega, para a continuidade da emisión: a TVG require dispoñer dun efectivo por categoría profesional e quenda para asegurar a gravación, a iluminación, o son e demais parte técnica necesaria para a emisión continuada.

Na Radio Galega, a parte técnica dos informativos realízaa a categoría profesional dos técnicos/as de control, e é imprescindible dispoñer dun técnico por quenda de Control Central que garanta a emisión e a correcta xestión dos sinais, é dicir, polo menos 3 técnicos que asuman as tarefas do control central. Ademais, dous técnicos durante a madrugada, dous técnicos de estudio durante a mañá (franxa con maior carga de sinais externos) que garantan a realización dos informativos en servizos mínimos e boletíns horarios sen modificar as tarefas habituais de cada traballador/a, e un técnico en función de estudio durante a tarde (franxa con menor carga de sinais externos), que garanta a realización dos informativos e boletíns horarios en servizos mínimos. Tamén é habitual cando existe un cambio de quenda entre un día e outro, que para a cobertura dos horarios a cabalo entre unha xornada e outra se deban convocar dous traballadores/as diferentes; é o caso das quendas entre venres e sábado, que se produce un cambio de persoal.

Na fin de semana axústase ás quendas de 15 horas esta convocatoria, precisándose 2 técnicos o sábado, e o domingo ten a peculiaridade que a quenda de fin de semana finaliza ás 23.00 e nesa hora entra un técnico con quenda de noite na semana, polo que é un efectivo diferente quen fai a cobertura as 23.00; isto provoca a convocatoria de 3 efectivos para asegurar a emisión nesa franxa horaria.

Por tanto, nos días de semana precísase convocar 8 efectivos da categoría profesional técnico/a de control para ter cubertas estas tarefas durante as 24 horas de folga. E na fin de semana axustar esa cifra ás quendas de 15 horas, convocando 2 efectivos o sábado e 3 o domingo.

– Operacións, emisións e mantemento técnico: na parte do control central, o núcleo onde se fai o control dos sinais, é preciso ter un técnico electrónico por quenda para cubrir as franxas de emisión dos programas informativos de información esencial. Na área de explotación, que é operacións técnicas, é imprescindible a presenza de dous técnicos por quenda, xa que é un servizo que ten que estar cuberto 24 horas para a emisión e os técnicos teñen que atender dúas salas de traballo diferentes para manter as máquinas en uso e poder dar soporte ás consolas de mestura nos controis e os dispositivos electrónicos (a de operacións técnicas e a sala RAC).

Existen, ademais, outras áreas de servizos xerais que son precisas de cara a dar soporte en caso de incidencias a cada un dos departamentos:

– Servizo de sistemas: onde é fundamental dar un soporte informático ao persoal. Despois do proceso de dixitalización acontecido na TVG todos os fluxos de traballo e ferramentas mudaron para adaptar o traballo ao novo sistema dixital. Este traballo de dar soporte é clave neste momento, xa que a plataforma de dixitalización aínda se está a estabilizar nalgunhas das súas funcións e melloras que se implementan de xeito continuo, e é preciso un servizo de apoio aos profesionais ante calquera incidencia técnica que lles impida realizar as súas tarefas. A convocatoria en todas as xornadas é de un efectivo por quenda.

– O Grupo Soporte é unha unidade dependente do servizo de sistemas que soporte tecnolóxico á plataforma dixital da TVG e que resolve as incidencias que poden afectar a correcta emisión televisiva. É unha unidade de soporte crítica que resolve as incidencias da redacción de informativos. Pola mañá entre semana, que é a quenda de maior produción informativa, son precisos dous efectivos de cara a poder garantir a resolución en tempo das casuísticas técnicas habituais da plataforma dixital na CRTVG, e un efectivo o resto das quendas.

– Instalacións e almacéns: necesítase dispoñer dun almacenista por quenda para poder abrir os almacéns de cámaras e material técnico para poder subministrar os equipamentos precisos para desenvolver o seu traballo ao resto de profesionais en servizos mínimos.

– Mantemento: o persoal deste departamento, entre outras tarefas, atende incidencias relacionadas coa electricidade, xa que o mantemento da instalación eléctrica de alta e baixa tensión da CRTVG é imprescindible para garantir a emisión en caso de incidencia en cada unha das quendas.

Na súa virtude, de acordo cos argumentos expostos, vista a proposta da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. e en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. As xornadas de paros deixan de ser diarias de luns a venres a partir do 1 de decembro, mantendo a alternancia de luns, mércores e venres.

2. Introdúcense dúas xornadas de folga parciais na fin de semana:

– O día 30 de novembro, na franxa comprendida entre as 8.00 horas e as 15.30 horas. Para o caso daquelas persoas que inicien a súa xornada laboral antes das 08.00 horas, iniciarán o paro de 7,5 horas ao inicio da súa xornada e incorporaranse ao traballo unha vez transcorridas 7,5 horas.

– O día 1 de decembro, na franxa comprendida entre as 16.30 e as 24.00 horas. Para o caso daquelas persoas que inicien a súa xornada laboral durante o mesmo día 1 de decembro e a rematen despois das 24.00 horas finalizarán a folga á hora de remate da súa xornada, polo que se incorporarán ao paro cando corresponda de xeito que se respecte a duración da folga, establecida en 7,5 horas.

3. Establécese unha xornada de folga de 24 horas o día 13 de decembro, desde as 00.00 ata as 23.59 horas, de acordo cos seguintes condicionantes:

– As persoas que inicien a súa xornada antes das 00.00 horas do día 13 de decembro e a finalicen no mesmo día 13 comezarán a folga á hora de inicio da súa xornada.

– As persoas que inicien a súa xornada no día 13 de decembro e a finalicen despois das 24.00 horas, finalizarán a folga á hora de remate da súa xornada no día 14 de decembro.

4. A partir do día 14 de decembro de 2024 suspéndese a convocatoria de folga en todas as súas formulacións.

Artigo 2

1. Terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan no anexo á presente orde para o sábado 30 de novembro, domingo 1 de decembro e venres 13 de decembro de 2024.

2. Respecto das xornadas de folga parciais convocadas para os luns, mércores e venres a partir do 1 de decembro, mantéñense os servizos mínimos fixados nas referidas ordes do 3 de outubro de 2024 (DOG núm. 192, do 4 de outubro) e do 10 de outubro de 2024 (DOG núm. 199, do 15 de outubro).

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

ANEXO

Efectivos mínimos convocados para o sábado 30 de novembro de 2024

I. Informativos:

I.I. Documentación e arquivo:

1 documentalista.

I.II. Redacción da Radio Galega (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

3 informadores/as.

I.III. Redacción de Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

7 informadores/as en San Marcos.

1 informador/a na Delegación da Coruña.

1 informador/a Delegación de Ourense.

1 informador/a Delegación de Vigo.

1 informador/a Delegación de Lugo.

I.IV. Reporteiros/as gráficos/as:

4 reporteiros/as gráficos/as San Marcos.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación da Coruña.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Vigo.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Ourense.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Lugo.

I.V. Tempo real:

1 informador/a.

I.VI. Medios de produción:

I.VI.I. Cámaras:

1 cámara de primeira ou operador/a de cámara.

1 control de cámara.

I.VI.II. Grafismo:

1 deseñador/a gráfico/a.

2 grafistas-tituladores/as.

I.VI.III. Iluminación:

1 técnico/a de iluminación.

1 iluminador/a.

I.VI.IV. Maquillaxe:

1 maquillador/a.

I.VI.V. Produción:

2 persoal de produción.

I.VI.VI. Realización:

3 realizadores/as.

6 axudantes/as de realización.

I.VI.VII. Son:

2 persoal de son.

I.VI.VIII. Operadores/as de vídeo:

1 operador/a de posprodución.

2 operadores/as montadores/as de vídeo de inxesta PAM.

1 operador/a montador/a de vídeo de inxesta MAM.

1 operador/a montador/a de vídeo de media.

II. Soporte e mantemento das emisións:

II.I. Soporte e mantemento das emisións:

II.I.I. Continuidade:

3 operador/a de continuidade.

II.II. Grupo soporte:

1 operador/a de soporte.

II.III. Medios RG:

2 técnicos/as de control.

II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:

3 técnico/a electrónico/a de primeira ou técnico/a electrónico/a.

II.V. Instalacións:

1 electricista.

I.VI. Almacén de cámaras:

1 persoal do almacén.

II.VII. Servizo de sistemas:

1 analista-programador/a ou técnico de sistemas.

Efectivos mínimos convocados para o domingo 1 de decembro de 2024

I. Informativos:

I.I. Documentación e arquivo:

1 documentalista.

I.II. Redacción da Radio Galega (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

3 Informadores/as.

I.III. Redacción de Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

5 Informadores/as en San Marcos.

1 informador/a na Delegación da Coruña.

1 informador/a Delegación de Ourense.

1 informador/a Delegación de Vigo.

1 informador/a Delegación de Lugo.

I.IV. Reporteiros/as gráficos/as:

4 reporteiros/as gráficos/as San Marcos.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación da Coruña.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Vigo.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Ourense.

1 reporteiro/a gráfico/a na Delegación de Lugo.

I.V. Tempo real:

1 informador/a.

I.VI. Medios de produción:

I.VI.I. Cámaras:

1 cámara de primeira ou operador/a de cámara.

1 control de cámara.

I.VI.II. Grafismo:

1 deseñador/a gráfico/a.

1 grafista-titulador/a.

I.VI.III Iluminación:

1 técnico/a de iluminación.

1 iluminador/a .

I.VI.IV Maquillaxe:

1 maquillador/a.

I.VI.V Produción:

2 persoal de produción.

I.VI.VI Realización:

1 realizadores/as.

5 axudantes/as de realización.

I.VI.VII. Son:

2 persoal de son.

I.VI.VIII. Operadores/as de vídeo:

1 operador/a de posprodución.

1 operador/a montador/a de vídeo de edición avanzada.

2 operadores/as montadores/as de vídeo de inxesta PAM.

1 operador/a montador/a de vídeo de inxesta MAM.

2 operador/a montador/a de vídeo de media.

II. Soporte e mantemento das emisións:

II.I. Soporte e mantemento das emisións:

II.I.I. Continuidade:

4 operador/a de continuidade.

II.II. Grupo soporte:

1 operador/a de soporte.

II.III. Medios RG:

3 técnicos/as de control.

II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:

3 técnico/a electrónico/a de primeira ou técnico/a electrónico/a.

II.V. Instalacións:

1 electricista.

I.VI. Almacén de cámaras:

1 persoal do almacén.

II.VII. Servizo de sistemas:

1 analista-programador/a ou técnico de sistemas.

Efectivos mínimos convocados para o venres 13 de decembro de 2024

I. Informativos:

I.I. Documentación e arquivo:

2 documentalistas de mañá e 1 de tarde.

I.II. Redacción da Radio Galega (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

2 informadores/as de noite, 3 de mañá e 2 de tarde en San Marcos.

1 informador/a de mañá na Delegación da Coruña.

1 informador/a de mañá na Delegación de Lugo.

1 informador/a de mañá na Delegación de Ourense.

1 informador/a de mañá na Delegación de Vigo.

I.III. Redacción de Televisión de Galicia (redactores/as, locutores/as e auxiliares de redacción):

11 informadores/as de mañá e 6 de tarde en San Marcos.

1 informador/a de mañá e 1 de tarde na Delegación da Coruña.

1 informador/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Ourense.

1 informador/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Vigo.

1 informador/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Lugo.

I.IV. Reporteiros/as gráficos/as:

6 reporteiros/as gráficos/as de mañá e 1 de tarde en San Marcos.

1 reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na Delegación da Coruña.

1 reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Vigo.

1 reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Ourense.

1 reporteiro/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde na Delegación de Lugo.

I.V. Tempo real:

1 informador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI. Medios de produción:

I.VI.I. Cámaras:

1 cámara de primeira ou operador/a de cámara de mañá e 1 de tarde.

1 control de cámara de mañá e 1 de tarde.

I.VI.II Grafismo:

1 deseñador/a gráfico/a de mañá e 1 de tarde.

2 grafistas-tituladores/as de mañá e 1 de tarde.

I.VI.III Iluminación:

1 técnico/a de iluminación de mañá e 1 de tarde.

1 iluminador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI.IV. Maquillaxe:

1 maquillador/a de mañá e 1 de tarde.

I.VI.V. Produción:

3 persoal de produción de mañá e 1 de tarde.

I.VI.VI. Realización:

3 realizadores/as de mañá e 1 de tarde.

7 axudantes/as de realización de mañá e 5 de tarde.

I.VI.VII. Son:

2 persoal de son de mañá e 2 de tarde.

I.VI.VIII. Operadores/as de vídeo:

1 persoal de posprodución de mañá e 1 de tarde.

2 operadores/as montadores/as de vídeo de inxesta PAM de mañá e 2 de tarde.

2 operadores/as montadores/as de vídeo de inxesta MAM de mañá e 1 de tarde.

2 operador/a montador/a de vídeo de media de mañá e 2 de tarde.

1 operador/a montador/a de vídeo de mañá na Delegación da Coruña.

1 operador/a montador/a de vídeo de mañá na Delegación de Lugo.

1 operador/a montador/a de vídeo de tarde na Delegación de Vigo.

1 operador/a montador/a de vídeo de mañá na Delegación de Ourense.

II. Soporte e mantemento das emisións:

II.I. Soporte e mantemento das emisións:

II.I.I. Continuidade:

2 operador/a de continuidade de noite, 3 de mañá e 3 de tarde.

II.I.II. Emisións:

3 persoal de emisións de mañá.

II.II. Grupo soporte:

1 operador/a de soporte de noite, 2 de mañá e 1 de tarde.

II.III. Medios RG:

1 técnicos/as de control de noite, 4 de mañá e 3 de tarde.

II.IV. Operacións, emisións e mantemento técnico:

3 técnico/a electrónico/a de primeira ou técnico/a electrónico/a de mañá e 3 de tarde.

II.V. Instalacións:

1 electricista de noite, 1 de mañá e 1 de tarde.

I.VI. Mantemento:

1 axudante de mantemento de mañá.

II.VII. Almacén de cámaras:

1 persoal do almacén de mañá e 1 de tarde.

II.VIII. Servizo de sistemas:

1 analista-programador/a ou técnico de sistemas de mañá e 1 de tarde.