DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 3 de decembro de 2024 Páx. 63567

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO da Resolución do 14 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico San Vicente de Noal, sito no concello de Porto do Son, promovido por Cartera Vimira 26, S.L.U. (expediente IN408A/2021/040).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 14 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído do parque eólico San Vicente de Noal, sito no concello de Porto do Son (A Coruña) e promovido por Cartera Vimira 26, S.L.U. (expediente IN408A/2021/040).

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

A dita Resolución do 14 de novembro de 2024 dispón o seguinte:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico San Vicente de Noal, sito no concello de Porto do Son (A Coruña) e promovido por Cartera Vimira 26, S.L.U., tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 7.10.2024.

2. Arquivar o expediente do parque eólico San Vicente de Noal (expediente IN408A/2021/040).

3. Cancelar a garantía económica depositada por Cartera Vimira 26, S.L. o 16.12.2022, por importe de 109.600 € e número de rexistro 1466/2022, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico San Vicente de Noal.

Segundo. Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 31.8.2018, Villar Mir Energía, S.L.U. depositou unha garantía económica, por importe de 30.000 € e número de rexistro 1398/2018, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico San Vicente de Noal.

2. O 22.7.2021, Villar Mir Energía, S.L. presentou solicitude de autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico San Vicente de Noal, ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).

O 9.8.2021 notificóuselles o cumprimento dos requisitos a que fan referencia os artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 10.8.2021, Villar Mir Energía, S.L. presentou o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa do parque eólico San Vicente de Noal.

3. O 6.10.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que o aeroxerador cumpre a distancia mínima de 500 metros a núcleos de poboación regulada no Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

4. O 24.3.2022 publicouse no DOG núm. 58 o Acordo do 15 de marzo de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico San Vicente de Noal, no concello de Porto do Son (A Coruña) (expediente IN408A 2021/40).

5. Pola Resolución do 15.11.2022, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, autorizouse a transmisión de titularidade do expediente do parque eólico San Vicente de Noal, sito no concello de Porto do Son (A Coruña), titularidade de Villar Mir Energía, S.L.U., a favor de Cartera Vimira 26, S.L.U. (expediente IN408A/2021/040).

6. O 16.12.2022, Cartera Vimira 26, S.L. depositou unha garantía económica, por importe de 109.600 € e número de rexistro 1466/2022, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico San Vicente de Noal como consecuencia da dita transmisión de titularidade.

7. Pola Resolución do 16 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, cancelouse a garantía económica mencionada no antecedente de feito primeiro depositada por Villar Mir Energía, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede do parque eólico San Vicente de Noal (IN408A/2021/040).

8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto recibíronse informes dos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Defensa do Monte e Concello de Porto do Son.

O 7.10.2024, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico San Vicente de Noal.

9. O 22.10.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático notificoulle a Cartera Vimira 26, S.L. o Acordo da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático polo que se inician os procedementos de denegación da solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción e de arquivo do expediente instruído do parque eólico San Vicente de Noal, sito no concello de Porto do Son (A Coruña) e promovido por Cartera Vimira 26, S.L.U. (expediente IN408A/2021/040).

Contra o dito acordo Cartera Vimira 26, S.L. non presentou alegación ningunha.

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático