Expediente: IN407A 2024/256-4.
Promotora: Central Eléctrica Sestelo y Compañía.
Denominación: LMTS e CM A Lagoa.
Concello: Mondariz.
Feitos:
1. O 5.7.2024, a empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LMTS e CM A Lagoa.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial José L. Giráldez Cortegoso, colexiado 2.853 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Santiago de Compostela, no cal figura un orzamento total de 76.164,04 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste na instalación dun centro de manobra e as acometidas soterradas das liñas L2, L4, derivación ao Pazo de Balneario, derivación ao campo de fútbol e derivación Escobeiro, neste mesmo centro de manobra. As actuacións están previstas no lugar da Lagoa, no concello de Mondariz (Pontevedra).
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mondariz e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.
Consideracións legais e técnicas:
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro).
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
– Centro de manobra (CM) con seis celas prefabricadas IM SF6, motorizadas, unha cela de protección e un trafo de servizos auxiliares de 50 kVA.
– Conexión das liñas adxacentes co centro de manobra, que se realiza en subterráneo a 20 kV, con condutor Hersatene RHZ1:
• Entrada L2 Vilasobroso a CM, 30 metros.
• Saída L2 O Ceo, 30 metros.
• Saída L4 CT A Lagoa (Granxa), 30 metros.
• Saída liña derivación ao Pazo Balneario, 30 metros.
• Saída liña derivación ao campo de fútbol da Lagoa, 30 metros.
• Saída liña derivación Escobeiro, 30 metros.
A instalación está situada no lugar da Lagoa, no concello de Mondariz (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
1. Outorgar á empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e CM A Lagoa (expediente IN407A 2024/256-4), cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.
2. A empresa Central Eléctrica Sestelo y Compañía asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. O prazo para a posta en servizo das instalacións será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución.
A empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo das instalacións ante este departamento territorial, acompañada da seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a desmontaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
4. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
5. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 6 de novembro de 2024
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
