DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 5 de decembro de 2024 Páx. 64147

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2024 pola que se convoca a conferencia Bases para a regulación da intelixencia artificial no sector público.

Tras aprobar o Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar, no marco do Ciclo de conferencias sobre novidades lexislativas no ámbito autonómico, a conferencia Bases para a regulación da intelixencia artificial no sector público, de acordo coas bases que se indican a continuación:

Primeira. Obxectivos

A implementación da intelixencia artificial (IA), que representa unha revolución para a sociedade, ten unha especial incidencia na forma en que se xestionan os servizos públicos e se toman decisións. É crucial entón garantir un deseño responsable e equitativo destas tecnoloxías que evite nesgos e exclusións, aliñándose cos principios democráticos, de forma que a IA non só sexa unha ferramenta técnica, senón tamén un medio para fortalecer a gobernanza, a participación cidadá e a consecución do interese xeral. Por iso, é fundamental prestar atención aos principios que deben rexer o seu deseño, adquisición e emprego.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local; da Administración de xustiza e das universidades do Sistema universitario de Galicia.

Terceira. Desenvolvemento

Modalidade de impartición: presencial.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP), rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Data: xoves 12 de decembro de 2024.

Horario: pola tarde, das 17.00 ás 18.00 horas.

Duración: unha (1) hora lectiva.

Cuarta. Número de prazas.

Capacidade do local.

Quinta. Inscrición

1. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse por vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos nas bases segunda e sétima, respectivamente.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeira a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso «Conferencia Bases para a regulación da intelixencia artificial no sector público».

5. O prazo para a inscrición nesta actividade estará habilitado desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 9 de decembro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información desde as 8.30 horas ata as 14.30 horas nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opoña a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos para cuxa consulta se opón que indiquen a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: novas.egap@xunta.gal

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A admisión levarase a cabo de acordo co indicado na base segunda desta convocatoria respecto ás persoas destinatarias desta actividade. A orde de selección virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar a capacidade do local.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas para participar nesta actividade; en reserva, no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas, e, de ser o caso, das persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, antes das 11.00 horas do día 11 de decembro de 2024, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día de finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas da actividade. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitiráselles un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que completasen a asistencia mínima requirida, que é igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública