DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 10 de decembro de 2024 Páx. 64862

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 20 de novembro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Coto de Trellerma, no concello de Toén.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Coto de Trellerma, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Trellerma, no concello de Toén, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022 a CMVMC de Trellerma presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2412823) de revisión de esbozo do MVMC Coto de Trellerma, no concello de Toén. Esta solicitude non incluía documentación técnica ningunha referente á proposta en si, senón que foi presentada para os únicos efectos de xustificar administrativamente o remate de traballos correspondente ao expediente de axuda número 21320685/2021, dentro das axudas ao impulso á boa gobernanza das comunidades de montes.

Segundo. Posteriormente, a mesma comunidade presentou unha solicitude complementaria da anterior, Rexel número 2023/2978339 do 30.11.2023, coa que achegaba unha certificación do Acordo do 23.11.2023 polo que se autorizaba a revisión, ademais de arquivos xeográficos en formato vectorial coa proposta.

Terceiro. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 12 de decembro de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes lindeiras con particulares, ben que no tramo estremeiro occidental co MVMC Acevedo, O Porriño, Conchada, Bidueiros e Feal (CMVMC de Moreiras e Trelle) a liña proposta adéntrase lixeiramente dentro do esbozo dixitalizado deste último monte.

A superficie do MVMC Coto de Trellerma, unha vez revisado o esbozo, e tendo en conta os procedementos de deslindamento concorrentes coa parroquia de Toén e mais con Moreiras e Trelle, sería de 53,78 ha fronte ás 60 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 10,4 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Coto de Trellerma.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 12 de decembro de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 4 de novembro de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Coto de Trellerma, pertencente á CMVMC de Trellerma, no concello de Toén.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989; nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 20 de novembro de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense