Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Coutada, Carballás, Nocellas, Coto da Ponte e Sugalleira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Rubiás, no concello de Bande, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 30.9.2023 a CMVMC de Rubiás presentou unha proposta de revisión de esbozo da planimetría do seu MVMC Coutada, Carballás, Nocellas, Coto da Ponte e Sugalleira, no concello de Bande.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 21.10.2023.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 1 de febreiro de 2024 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o monte dos veciños de Rubiás está formado por cinco predios; tres (Nocellas, Coto da Ponte e Sugalleira) enclavados entre predios particulares e os outros dous (Coutada e Carballás) lindando nalgún punto con outros montes veciñais.
Esta revisión parcial de esbozo afecta os predios:
– Coto da Ponte, que queda totalmente revisado.
– Sugalleira, que queda totalmente revisado.
– Nocellas, revisado polo norte e en dirección oeste-leste.
– Coutada, revisado o linde con propiedades particulares (parte NE).
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Coutada, Carballás, Nocellas, Coto da Ponte e Sugalleira.
Consideracións legais e técnicas:
Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 1 de febreiro de 2024, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade, o día 4 de novembro de 2024, aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Coutada, Carballás, Nocellas, Coto da Ponte e Sugalleira, pertencente á CMVMC de Rubiás, no concello de Bande.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989; nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 20 de novembro de 2024
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
