Visto o texto da acta de modificación do V Convenio colectivo de instalacións deportivas e ximnasios da Comunidade Autónoma de Galicia 2023-2026, subscrito con data do 11 de novembro de 2024 entre a representación empresarial de Aexidega e a representación legal dos traballadores e traballadoras das centrais sindicais CIG, UGT e CC.OO., e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade.
A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
RESOLVE:
Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).
Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2024
Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais
ANEXO
Acta de modificación do V Convenio colectivo de instalacións deportivas e ximnasios da Comunidade Autónoma de Galicia 2023-2026
En Santiago de Compostela, ás 10.45 horas do día 11 de novembro de 2024, na sede do Consello Galego de Relacións Laborais, reúnense as persoas sinaladas a continuación, para os efectos de proceder á modificación do V Convenio colectivo do sector de instalacións deportivas e ximnasios da Comunidade Autónoma de Galicia 2023-2026.
Representación empresarial:
Pedro Iglesias Santos (Aexidega)
Alberto Viejo Puga (Aexidega)
Representación sindical:
Rubén Duruelo Cuerdo (CIG)
Xoán Galdo Regueiro (CIG)
Óscar Quintás Vázquez (CIG)
Artur Xaquín Congilton (CIG)
Antonio Gómez Polo (CIG)
Darío García Fraga
Ramón Dopico López (UGT)
Ricardo Zorrilla Lamas (UGT)
Manuel González Pidre (CC.OO.)
Mª del Carmen Loureiro Dapena (CC.OO.)
Cayetana Otero Quintana (CC.OO.)
José Francisco Crespo Pouso (CC.OO.)
Ángel García Varela (CC.OO.)
Logo das oportunas deliberacións e debate e da exposición de posturas e pareceres por todas e cada unha das representacións presentes, integrantes da Comisión Negociadora do V Convenio colectivo do sector de instalacións deportivas e ximnasios da Comunidade Autónoma de Galicia 2023-2026, procede reflectir en acta o seguinte
ACORDO:
Primeiro. En representación da parte empresarial Aexidega e en representación da parte sindical CIG, UGT e CC.OO., integrantes da Mesa Negociadora do V Convenio colectivo de instalacións deportivas e ximnasios da Comunidade Autónoma de Galicia 2023-2026, convenio asinado con data do 3 de xuño de 2024 e publicado no DOG nº 141, do 22 de xullo, acordan a modificación do contido dos seguintes artigos:
«Artigo 26. Tempo de preparación de clases
Debido ás particularidades físico-técnicas do posto de monitor unidisciplinar e multidisciplinar que imparta clases, en aula e/ou piscina, de 30 minutos de duración ou máis, estes disporán de 30 horas anuais non presenciais destinadas á preparación de clases.
Estas 30 horas están calculadas para unha xornada completa, independentemente de cal sexa a xornada anual prevista no convenio. Para as persoas traballadoras a tempo parcial, axustaranse en proporción ao coeficiente de cada persoa traballadora. Para as que sufran variación de xornada, este axuste realizarase antes do final do ano ou do contrato, segundo proceda.
As horas de preparación de clases que correspondan a cada persoa traballadora serán solicitadas por escrito, e a dita comunicación servirá como control horario da dita xornada. As horas solicitadas non poderán coincidir coas que lle fosen asignadas no cuadrante e deberán ser diúrnas, ordinarias, respectar os descansos e en días laborables.
Aquelas empresas que estean a pagar clases por riba de convenio mediante algún tipo de incentivo ou complemento que teña en conta a preparación de clases non poderán reducir o dito incentivo, que non será compensable, absorbible nin revalorizable, pero poderán negociar coa RLPT os ditos incentivos ou complementos, sempre que o acordo a que se chegue non supoña unha menor remuneración. Nestes casos, poderase reducir o tempo de preparación de clases ou chegar a outro acordo alternativo en función da casuística de cada empresa.
Este artigo será de aplicación a partir da data de publicación deste convenio».
«Artigo 46. Incapacidade temporal
En caso de incapacidade temporal derivada dun accidente de traballo ou enfermidade profesional, a persoa traballadora terá dereito a un complemento de ata o 100 % do seu salario.
No caso de incapacidade temporal que derive dun accidente non laboral ou enfermidade común, complementarase ata o total do salario no caso de hospitalización e a súa recuperación. No caso de incapacidade temporal por continxencia non profesional sen hospitalización, a persoa traballadora terá dereito a un complemento de ata o 50 % do seu salario os 3 primeiros días, e do 90 % do seu salario a partir do 4º incluído. Na segunda baixa e posteriores, só se complementará ata o 90 % do salario a partir do 4º día incluído.
A modificación deste artigo será de aplicación a partir da data de publicación deste convenio».
Segundo. Delegar no persoal habilitado do Consello Galego de Relacións Laborais os trámites de rexistro, depósito e publicación deste convenio.
E non tendo máis asuntos que tratar, levántase a reunión ás 12.30 horas, no lugar e na data sinalados no encabezamento, e asinan esta acta as persoas abaixo relacionadas en representación de cada unha das organizacións presentes e asinantes dela.
Persoas asinantes de acta do V Convenio colectivo de instalacións deportivas e ximnasios da Comunidade Autónoma de Galicia:
|
Pedro Iglesias Santos (Aexidega) DNI: |
Manuel González Pidre (CC.OO.) DNI: |
Óscar Quintas Vázquez (CIG) DNI: |
Ramón Dopico López (UGT) DNI: |
