DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 11 de decembro de 2024 Páx. 64964

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2024 pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos para o ano 2024.

O artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, establecen a oferta anual de emprego público como mecanismo de planificación das necesidades de selección de persoal nas administracións públicas. Este é o instrumento previsto para tal efecto no artigo 43 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, e publicados no Diario Oficial de Galicia o 12 de febreiro.

No artigo 20.Un.2 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, establece o seguinte: «1. A oferta de emprego público articularase a través das seguintes taxas de reposición de efectivos: a) Nos sectores prioritarios a taxa será do 120 por cento e nos demais sectores do 110 por cento. No número 3 do mesmo artigo a Lei establece os sectores prioritarios para os efectos do cálculo da taxa de reposición: I) Prazas dos corpos de catedráticos de universidade e de profesores titulares de universidade, de profesores contratados doutores de universidade regulados no artigo 52 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e as prazas de persoal de administración e servizos das universidades, sempre que as administracións públicas de que dependan autoricen as correspondentes convocatorias».

Neste marco e tendo en conta os postos de traballo vacantes, cómpre aprobar a oferta de emprego público para o ano 2024 relativa ao persoal de administración e servizos, tanto funcionario de escalas da Administración xeral como de categorías de persoal laboral, e establecer os criterios en que debe enmarcarse esta oferta, de conformidade co previsto no artigo 36 da Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, así como o artigo 20 da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023.

Para o cálculo da taxa de reposición hai que ter en conta o disposto no artigo 20.Tres da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, para os efectos de aplicar a porcentaxe máxima, e non computarán as prazas que se convoquen para a súa provisión mediante procesos de promoción interna e procesos de consolidación para o persoal declarado indefinido non fixo mediante sentenza xudicial, todo isto sen prexuízo dos procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público. Tendo en conta a taxa de reposición do 120 %, o número de prazas que se poden convocar na oferta de emprego público xeral do ano 2024 é de 36.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no seu artigo 48 establece os criterios xerais en que debe enmarcarse a oferta de emprego público, sen prexuízo das especificidades que se poidan establecer nas convocatorias respectivas.

De conformidade con esta lei, a planificación dos recursos humanos no ámbito do emprego público ten como obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos públicos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles, mediante a determinación dos efectivos precisos e a mellora da súa distribución, formación, promoción profesional e mobilidade.

De conformidade coas necesidades do cadro de persoal, proponse a aprobación da oferta de emprego público para o ano 2024, que inclúe a oferta xeral e a oferta de promoción interna separada. Esta última, de conformidade coa Lei 31/2022, non computa no cálculo da taxa de reposición para a oferta xeral que se presenta.

Os criterios para determinar as prazas que se van ofertar responden á situación económica da Universidade e ás necesidades de recursos humanos producidas por xubilacións. Así mesmo, a oferta xeral diríxese á captación de persoal de postos xerais que renoven o cadro de persoal.

Pola súa banda, a oferta de promoción interna independente constitúe un plan de promoción para persoal laboral e funcionario que ten en conta a reserva de prazas que derivarían da aplicación da reserva legal e convencional correspondente.

De conformidade con todo o exposto, e logo da negociación e acordo na Mesa Xeral de Persoal de Administración e Servizos do 20 de maio, emitida a preceptiva autorización pola Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos da Consellería de Facenda e, conforme o Acordo do Consello de Goberno, do 10 de xuño de 2024, polo que se aproba a oferta de emprego público para o persoal de administración e servizos de 2024, o xerente da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude do previsto no punto seis da epígrafe novena da Resolución do 22 de abril de 2022 sobre delegación de competencias en determinados órganos universitarios, publicada no DOG número 79, do 26 de abril,

RESOLVE:

Primeiro. Publicación da oferta de emprego público

Publicar a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos da USC para o ano 2024, recollida nos anexos desta resolución.

Segundo. Determinación da oferta de emprego público

O anexo I recolle as prazas que se ofertan para cubrir as necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deben proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso con cargo ao 120 % da taxa de reposición de efectivos prevista para o ano 2024.

O anexo II contén a oferta de promoción interna separada, de conformidade co punto cuarto.

Terceiro. Reserva de prazas para discapacidade

O artigo 59 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, prevé a reserva dunha cota non inferior ao sete por cento das vacantes ofertadas para ser cubertas por persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no número 2 do artigo 4 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade, así como a compatibilidade no desempeño das súas funcións.

Para dar cumprimento ao establecido no parágrafo anterior, nas ofertas para acceso libre resérvase unha porcentaxe do 7 % para ser cuberta por persoas que acrediten discapacidade. A reserva realízase naquelas escalas e categorías en que as actividades ou funcións que se vaian realizar son compatibles, en maior medida, coa posible existencia dunha discapacidade.

Os sistemas de selección que se convoquen para persoas con discapacidade desenvolveranse de conformidade co establecido no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade.

Nas probas selectivas, incluíndo os cursos selectivos ou o período de prácticas, estableceranse para as persoas con discapacidade que o soliciten as adaptacións e os axustes razoables necesarios de tempo e medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade.

No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva superase os exercicios e non obteña praza na citada cota, pero teña unha puntuación superior á obtida polas outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

As prazas reservadas para as persoas con discapacidade que quedasen desertas nos procesos selectivos poderanse acumular á quenda xeral.

Cuarto. Promoción interna separada

De conformidade co artigo 43 dos Estatutos da USC, esta oferta establece no anexo IV a oferta de promoción interna para o persoal laboral e funcionario cuxo número de prazas responde á reserva prevista nos instrumentos convencionais correspondentes para o persoal laboral e á prevista na Lei 2/2015, de emprego público de Galicia, para o persoal funcionario.

O artigo 70.3 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, establece que o decreto polo que se aprobe a oferta de emprego público poderá conter medidas derivadas da planificación dos recursos humanos. Neste sentido, a promoción interna é unha das medidas derivadas da planificación dos recursos humanos que ten por obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos e que constitúe unha vía para a adquisición de competencias e como requisito necesario para a progresión na carreira profesional desde niveis inferiores.

Quinto. Acumulación de prazas correspondentes a ofertas de anos anteriores

Poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas ofertadas de persoal funcionario correspondentes aos corpos e escalas de persoal funcionario e ás categorías de persoal laboral relacionadas nos anexos da presente oferta, xunto coas derivadas das ofertas de emprego público correspondentes aos anos 2022 e 2023 que estean pendentes de convocar.

Sexto. Publicidade das convocatorias

As convocatorias das probas selectivas de acceso libre derivadas desta oferta publicaranse no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado para garantir a publicidade exixida no artigo 91.2 da Lei 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2024

Antonio Javier Ferreira Fernández
Xerente da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Oferta xeral

Subgrupo/grupo

Categoría/escala

Acceso libre

Reserva con discapacidade

Xeral

Total

A1

Escala técnica superior de administración da USC

-

3

3

C1

Escala auxiliar de arquivos, bibliotecas e museos

1

7

8

I

Técnico/a superior en linguas modernas

-

2

2

I

Arquitecto/a

-

2

2

II

Arquitecto/a técnico/a

-

1

1

III

Técnico/a especialista de escola infantil

-

2

2

III

Técnico/a especialista en actividades deportivas

-

2

2

III

Técnico/a especialista en investigación, especialidade bioloxía

-

1

1

III

Técnico/a especialista en investigación, especialidade química

-

1

1

III

Técnico/a especialista investigación, especialidade en saúde

-

1

1

III

Técnico/a investigación (área bioloxía-saúde)

1

4

5

IV

Auxiliar técnico servizos

1

7

8

Total

3

33

36

ANEXO II

Promoción interna independente

Subgrupo/grupo

Categoría/escala

Reserva con discapacidade

Xeral

Total

A1

Escala técnica superior de administración da USC

1

3

4

C1

Escala administrativa

2

18

20

III

Técnico/a especialista en investigación

1

14

15

III

Técnico/a servizos xerais

1

14

15

Total

5

49

54