DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 240 Venres, 13 de decembro de 2024 Páx. 65356

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 3 de decembro de 2024 pola que se clasifica de interese social a Fundación Familias Mundi.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Familias Mundi, con domicilio no Camiño dos Vilares, número 94, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. A Fundación Familias Mundi constituíuse o 28 de abril de 2003 ante o notario de Santiago de Compostela (A Coruña) Manuel Julio Reigada Montoto, co número de protocolo 1.385, e pola Resolución do 24 de outubro de 2003 inscribiuse no Rexistro Estatal de Fundacións e correspondeulle o número 236SND.

2. O 28 de agosto de 2024, o Rexistro Estatal de Fundacións, dependente do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, remitiulle á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a Resolución do 17 de agosto de 2024 pola que se acorda notificar ao Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia a modificación dos estatutos da Fundación Familias Mundi, con cambio de ámbito territorial á Comunidade Autónoma de Galicia, e deu traslado do expediente ao dito rexistro para a súa inscrición e posterior baixa rexistral no Rexistro estatal.

3. A escritura pública de modificación dos estatutos da Fundación outorgada o 27 de setembro de 2023 ante o notario de Santiago de Compostela (A Coruña) José Manuel Amigo Vázquez, co número de protocolo 2.629, contén o certificado da reunión do padroado do 12 de abril de 2024 na cal se acordou a modificación dos seus estatutos e o texto consolidado destes. Os ditos estatutos cumpren os requisitos previstos no artigo 2 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, para ser declarada de interese galego, xa que os seus fins se consideran de interese xeral para Galicia e tanto o desenvolvemento principal das súas actividades como o seu domicilio radican no territorio da Comunidade Autónoma.

4. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «promover e actualizar os valores permanentes da familia, como ámbito de personalización e escola de cidadanía e a formación dos pais para o mellor desempeño da súa misión, así como a formación de profesionais, líderes sociais e responsables de movementos familiares, capacitándoos/as para o desenvolvemento de programas de mediación e de intervención familiar, e promover un movemento de solidariedade internacional en favor da institución familiar».

5. O padroado inicial da Fundación está formado por Agustín Dosil Maceiras, presidente; Olga Díaz Fernández, vicepresidenta; María Isabel Mayán Barreiro, secretaria, e José María Pérez Bazús, Joaquín Dosil Díaz, Eduardo Pérez Redondo, María Olga Dosil Díaz, Manuel Mora Pita da Veiga, María del Pilar do Campo Piñeiro, María del Carmen Redondo Pérez, Manuel Ares Camba, María Mercedes Pita López, Carlos Dosil Díaz, Alejandra María Lago Pazos, Manuel Gandoy Rodríguez e Eugenia López Arias, vogais.

6. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese social da Fundación Familias Mundi con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

7. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

8. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Política Social e Igualdade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de novembro de 2024,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Familias Mundi e adscribila ao protectorado da Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse no prazo de dous meses recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e pode interpoñerse no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes