DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 24 de decembro de 2024 Páx. 67358

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2024, do Departamento Territorial de Pontevedra, de declaración de utilidade pública, en concreto, para a ocupación temporal e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dunha instalación eléctrica no concello de Vilaboa (expediente IN407A 2022/006-4).

Expediente: IN407A 2022/006-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LAT 66 kV Pontesampaio-Cangas II -soterramento do tramo entre os apoios 37N e 41N.

Concello: Vilaboa.

Feitos:

1. O 16.8.2023, este departamento territorial (antes xefatura territorial) ditou unha resolución de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica no concello de Vilaboa (expediente IN407A 2022/006-4), publicada no Diario Oficial de Galicia do 6.9.2023, coas seguintes características técnicas:

Liña de alta tensión subterránea a 66 kV, con condutor AL 630+H165, de 1.162 metros de lonxitude, coa orixe no paso aéreo subterráneo (PAS) no apoio proxectado nº 37N e final no PAS no apoio proxectado nº 41N. Retensado dos vans aéreos comprendidos entre o apoio nº 36 e nº 37N (106,42 metros) e entre o apoio nº 41N e nº 43 (305,33 metros). A instalación está situada no municipio de Vilaboa (Pontevedra).

2. O 18.10.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou que se incluíse na declaración de utilidade pública concedida as ocupacións temporais necesarias para a execución das obras.

3. Mediante os escritos do 17.11.2023, comunicouse a solicitude de declaración, en concreto, de utilidade pública para a ocupación temporal a aquelas persoas identificadas e titulares das parcelas afectadas pola ocupación temporal que figuran na relación de bens e dereitos achegada pola empresa promotora.

4. O 14.12.2023, Concepción Fernández Martínez alegou que a súa parcela non estaba afectada inicialmente e solicitou unha valoración por toda a parcela.

5. Estas alegacións foron trasladas á empresa promotora. O 20.12.2023, UFD Distribución Electricidad, S.A. contestou que durante a fase de levantamento de actas previas a interesada poderá poñer de manifesto os dereitos afectados e será na fase do prezo xusto cando a interesada presentará a valoración da afección que considere oportuna.

6. O 3.1.2024, Fernando Veras Albariña alegou erros na relación de bens e dereitos afectados relacionados coa cualificación do seu terreo; indicou que non se someteu a solicitude do 18.10.2023 ao trámite de información pública; declarou a falta de motivación da ocupación temporal para o que afirma que a beneficiaria xa dispón de terreos a escasos metros; manifestou a súa indefensión; e reivindicou o seu dereito á propiedade privada.

7. As alegacións foron trasladadas á empresa promotora que presentou o 27.3.2024 e o 17.9.2024 a súa contestación. Nesta, UFD Distribución Electricidad, S.A. destacou que:

– Será na fase de levantamento de actas previas cando o interesado debe manifestar os erros contidos na relación de bens de dereitos afectados.

– En ningún momento o interesado encontrouse en situación de indefensión toda vez que se lle deu traslado do trámite pertinente para realizar as alegacións oportunas.

– Con relación á necesidade da ocupación temporal, esta será por un período de tempo xusto e limitado para un camión grúa, materiais (condutor e tubos) e apoio metálico montado antes de proceder ao seu levantamento.

8. A solicitude do 18.10.2023 someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 1.4.2024, publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 24.4.2024.

– Xornal Faro de Vigo: 18.4.2024.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Vilaboa desde o 10.4.2024 ata o 10.6.2024, segundo certificado emitido polo propio concello.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

Durante este trámite non se recibiron alegacións.

9. Os servizos técnicos deste departamento territorial, á vista da documentación contida no expediente, analizaron todas as alegacións presentadas e emitiron o correspondente informe, concluíndo que non se presentan obxeccións para que se poida continuar co trámite da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento de acordo co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Con relación aos prexuízos ocasionados, informan que poderá poñer de manifesto na presentación da folla de valoración que requirirá este departamento territorial. Ademais, nese momento, o titular concretará o valor en que considere o obxecto que se expropia, tal como se indica no artigo 30 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Con relación ao recoñecemento en concreto de utilidade pública de estas instalacións e de acordo coa normativa, será necesario que a empresa interesada o solicite, e incluirá unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación. No caso que nos ocupa, a empresa distribuidora solicita a declaración de utilidade pública e entrega a relación de bens e dereitos afectados (RBDA). Ademais, o artigo 143 do Real decreto 1955/2000 indica que a solicitude de declaración, en concreto de utilidade pública, poderá efectuarse ben de maneira simultánea á solicitude de autorización administrativa ou ben con posterioridade.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG nº 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor e o informe dos servizos técnicos deste departamento territorial, exponse:

A ocupación temporal é a actuación con obxecto da realización de obras, neste caso de instalacións eléctricas, durante un período, de tempo determinado. No final deste período, os bens obxecto de ocupación serán devoltos aos seus propietarios no mesmo estado primitivo que antes da ocupación.

Ao tratarse da privación, aínda que de modo temporal, do dereito de propiedade establecido no artigo 33.3 da Constitución española, esta privación debe ser por causa xustificada de utilidade pública ou interese social, mediante a correspondente indemnización e de conformidade co disposto polas leis. Son os artigos 54 da Lei 24/2013 e 140 do Real decreto 1955/2000 que establecen que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e a imposición e o exercicio da servidume de paso. Esta declaración de utilidade pública esténdese para os efectos da expropiación forzosa de instalacións eléctricas e dos seus emprazamentos cando por razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas ou ambientais sexa oportuna a súa substitución por novas instalacións ou a realización de modificacións substanciais.

O artigo 140.3 do Real decreto 1955/2000 recolle que para o recoñecemento en concreto da utilidade pública destas instalacións será necesario que a empresa interesada o solicite, e incluirá unha relación concreta e individualizada dos bens ou dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

Con relación aos posibles erros na relación de bens e dereitos afectados de cualificación dos terreos, cabe sinalar que, unha vez iniciado o procedemento expropiatorio, as persoas interesadas serán informadas do trámite de levantamento de acta previa á ocupación. Nese momento, de forma concreta, por unha parte débese describir e delimitar o obxecto de expropiación e, por outro lado, débense describir as afeccións concretas que comporta a expropiación.

De todas as maneiras, poderase poñer de manifesto a perda de valor da parcela na presentación da folla de valoración, momento no cal o titular concretará o valor que considere como se indica no artigo 29 e seguintes da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre a expropiación forzosa.

Ademais, o artigo 23 da Lei de expropiación forzosa permite ao propietario solicitar da Administración, nos casos de expropiación parcial dunha parcela e cando, como consecuencia diso, resulte antieconómica a conservación do resto da parcela non expropiada, que a expropiación comprenda a súa totalidade.

Con relación á falta do trámite de información pública da solicitude de declaración de utilidade pública temporal remítese ao punto 8 dos antecedentes de feitos desta resolución.

Respecto á indefensión dos interesados, destácase que estes tiveron a oportunidade de presentar alegacións, xa que foron informados da solicitude mediante escritos individualizados.

Por último, destacar que na Resolución do 16.8.2023 de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica no concello de Vilaboa, a parcela de Concepción Fernández Martínez xa se encontraba afectada da seguinte maneira:

Lugar

Cultivo

Referencia catastral

Titular

Apoio

Afeccións

m2

ml sub.

m2 sub.

1

Deilán

Matogueira

36058A06601239

Hros. de Juan Albariña Martínez

1

4,00

8,46

12,89

2

A Loxe

Viña

36058A06700133

Concepción Fernández Martínez

19,6

27,47

3

A Loxe

Matogueira

36058A06700132

Juventino Fernández Curra

1

4.00

1,65

6,31

Conforme o indicado,

RESOLVO:

1. Declarar a utilidade pública, en concreto, para a ocupación temporal da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2. A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

4. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 2 de decembro de 2024

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados
para a ocupación temporal
Concello de Vilaboa

Lugar

Cultivo

Referencia catastral

Titular

Ocupación temporal m2

1

Deilán

Matogueira

36058A06601239

Hrdos. de Juan Albariña Martínez

Fernando Veras Albariña

135,16

2

A Loxe

Viña

36058A06700133

Concepción Fernández Martínez

67,08

3

A Loxe

Matogueira

36058A06700132

Juventino Fernández Curra

124,90